1
E Saulo concordaba con eles na súa morte. Naquel día desatouse unha grande persecución contra a igrexa en Xerusalém, e foron todos espallados polas rexións da Xudea e da Samaria, agás os apóstolos.
2
Homes piadosos foron os que sepultaron a Estevo, e choraron e lamentáronse grandemente por el.
3
Pero Saulo facía estragos na igrexa entrando de casa en casa, e arrastrando a homes e mulleres, metíaos no cárcere.
4
Porén os crentes que foran dispersados, ían proclamando a palabra.
5
E Filipe descendendo á cidade de Samaria, predicáballes a Cristo.
6
Ao escoitar e ver os sinais milagrosos que facía, as multitudes unánimes escoitaban atentamente as cousas que falaba Filipe.
7
Porque de moitos que tiñan espíritos inmundos, saían a berros e moitos paralíticos e coxos eran sanados.
8
E houbo moita ledicia naquela cidade!
9
Pero había na cidade un tal Simón que viña practicando a maxia e deixaba atónita á xente da Samaria, facéndose pasar por alguén importante;
10
e todos os samaritanos, de pequenos a grandes, prestábanlle atención dicindo: este é o chamado Gran Poder de Deus.
11
E facíanlle caso porque os tiña enganados por moito tempo.
12
Pero cando creron a Filipe, que proclamaba as boas novas do reino de Deus e do nome de Xesús Cristo, eran bautizados, tanto homes coma mulleres.
13
E mesmo Simón tamén creu, e logo de ser bautizado, seguiu con Filipe; e estaba perplexo ao ver os sinais e os grandes milagres que se facían.
14
E os apóstolos que estaban en Xerusalém, ao escoitaren que Samaria recibira a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán,
15
que baixaron e oraron por eles, para que recibiran o Espírito Santo,
16
porque aínda non descendera sobre ningún deles, xa que só recibiran o bautismo no nome do Señor Xesús.
17
Entón impoñíanllelas mans, e recibían o Espírito Santo.
18
Pero Simón ao ver que o Espírito Santo era dado pola imposición das mans dos apóstolos, ofreceulles cartos.
19
El dixo: -Dádeme este poder para que a calquera que lle impoña as mans, reciba o Espírito Santo.
20
Pero Pedro díxolle: -A túa prata sexa contigo para destrución, porque pensaches que podías conseguir o don de Deus por cartos.
21
Ti non tes parte nin sorte neste asunto, porque o teu corazón non é recto diante de Deus .
22
Polo tanto, arrepíntete desta maldade túa e rógalle ao Señor, por si acaso che fora perdoada a intención do teu corazón.
23
Porque vexo que estás no veleno da amargura e atado pola maldade.
24
Pero respondendo Simón dixo: -Rogádelle ao Señor por min, que ningunha destas cousas que dixestes se me veñan enriba!
25
Entón eles, logo de ter testificado fielmente, e falar a palabra do Señor volveron a Xerusalém; evanxelizando moitas aldeas dos samaritanos.
26
Naquel tempo, un anxo do Señor faloulle a Filipe e díxolle: -Érguete e vai cara o sur, ao camiño que baixa de Xerusalém a Gaza. (Este é deserto).
27
El ergueuse e foi; e velaí un home etíope eunuco, funcionario de Candace, raíña dos etíopes, que estaba a cargo de todos os seus tesouros, que viñera a Xerusalém para adorar,
28
volvía sentado no seu carro e estaba lendo o profeta Isaías.
29
Entón o Espírito díxolle a Filipe: -Vai aló e arrímate a ese carro.
30
Pero cando ía correndo Filipe, escoitouno lendo o profeta Isaías, e díxolle: -Á verdade comprendes o que estás a ler?
31
E el contestou: -E, como poderei, se alguén non me guía? E rogoulle a Filipe que subira ao carro e sentara con el.
32
A pasaxe da escritura que estaba a ler era esta: "Como ovella foi levado ao matadoiro; e coma año, mudo diante do que o tosquía, non abre a súa boca.
33
Na súa humillación non se lle fixo xustiza; quen ha contar a súa xeración? Porque a súa vida é quitada da terra".
34
Pero o eunuco respondendo a Filipe díxolle: -Rógoche, de quen está a dicir isto o profeta? De si mesmo ou doutra persoa?
35
Entón Filipe, abrindo a boca, e comezando dende esta escritura, anuncioulle a Xesús.
36
E indo polo camiño, chegaron onde había auga, e o eunuco dixo: -Mira, auga! Que impide que sexa bautizado?
37
Filipe dixo: -Se cres con todo o teu corazón, podes. Respondendo el dixo: -Creo que Xesús é o Fillo de Deus.
38
E mandou deter o carro; e ámbolos dous baixaron á auga, Filipe mailo eunuco, e bautizouno.
39
Ao saíren da auga, o Espírito do Señor arrebatou a Filipe; e o eunuco non o viu máis, pero seguiu polo seu camiño cheo de gozo.
40
E Filipe apareceu en Azoto, e por onde pasaba, anunciaba o evanxeo en todas as vilas, ata que chegou a Cesarea.