Capítulo 7

1 Entón o sumo sacerdote dixo: -É isto así? 2 E el dixo: -Escoitádeme, irmáns e pais. O Deus de gloria apareceulle ao noso pai Abraham cando estaba na Mesopotamia, antes de que vivira en Harán, 3 e díxolle: "Sae da túa terra e da túa parentela, e vai cara a terra que Eu che vou amosar". 4 Entón el saíu da terra dos caldeos e afincouse en Harán. De alí, logo de morrer seu pai, Deus trasladouno a esta terra onde vosoutros vivides agora. 5 Pero non lle deu herdanza nela, nin aínda para poñer un pé nela, e aínda cando el non tiña fillo, prometeulla dar en posesión a el e á súa descendencia despois del. 6 E Deus dixo así: "Os teus descendentes serán estranxeiros nunha terra estraña, e serán escravizados e maltratados por catrocentos anos. 7 Pero Eu mesmo xulgarei a calquera nación da que sexan escravos -dixo Deus- e despois diso han saír e serviranme neste lugar". 8 E Deus deulle o pacto da circuncisión; e así Abraham veu ser o pai de Isaac, e circuncidouno ao oitavo día, e Isaac vén sendo o pai de Xacob, e Xacob dos doce patriarcas. 9 E os patriarcas tiveron envexa de Xosé e desfixéronse del e vendérono a Exipto. Pero Deus estaba con el, 10 e rescatouno de tódalas súas angurias, e deulle graza e sabedoría diante de Faraón, rei de Exipto, que o puxo por gobernador sobre Exipto e sobre toda a súa casa. 11 E veu moita fame sobre todo Exipto e Canaán, e con ela grande padecemento; e nosos pais non atopaban alimentos. 12 Pero cando Xacob soubo que en Exipto había grans, mandou aos nosos pais aló a primeira vez. 13 Na segunda visita, Xosé deuse a coñecer aos seus irmáns, e Faraón coñeceu a familia da que viña Xosé. 14 E Xosé, mandou mensaxeiros, e fixo chamar ao seu pai Xacob e a tódolos seus parentes, en total setenta e cinco persoas. 15 E Xacob baixou a Exipto, e morreu alí el e os nosos pais tamén. 16 E de alí foron trasladados a Siquem, e foron postos na sepultura que mercara Abraham aos fillos de Hamor en Siquem por unha suma de cartos. 17 Mais cando se achegaba o tempo da promesa que Deus lle confirmara a Abraham, o pobo medraba e multiplicábase en Exipto, 18 ata que xurdiu outro rei diferente en Exipto que non coñecía a Xosé. 19 Este rei, tratando con astucia o noso pobo, maltratou aos nosos pais, para que abandonaran os seus meniños á intemperie e non sobreviviran. 20 Naquel tempo foi que naceu Moisés. Era fermoso aos ollos de Deus, e foi criado por tres meses na casa do seu pai. 21 Despois de ser abandonado á intemperie, a filla do Faraón levouno canda ela e criouno coma se fose fillo dela. 22 E Moisés foi ensinado en toda a sabedoría dos exipcios, e era un home poderoso en feitos e palabras. 23 Pero cando ía cumprir os corenta anos, sentiu no seu corazón o desexo de visitar a seus irmáns, os fillos de Israel. 24 E vendo que un deles era tratado inxustamente, defendeuno e vengouno matando ao exipcio. 25 El cría que os seus irmáns entendían que Deus lles estaba dando a liberdade por medio del, pero eles non o comprenderon. 26 Ao día seguinte presentóuselles, cando dous deles discutían, e tentou poñer paz entre eles, dicindo: -Non sodes vós irmáns, por que vos ferides? 27 Pero o que estaba ferindo o seu próximo empurrouno, dicindo: -Quen foi o que te puxo a ti por gobernante e xuíz sobre nós? 28 Ou hasme matar como mataches onte ao exipcio? 29 Cando Moisés escoitou estas palabras, fuxiu e convertiuse en estranxeiro na terra de Madián, onde foi pai de dous fillos. 30 E pasados corenta anos, aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinai, na lapa dunha silveira que ardía. 31 Moisés marabillábase véndoo, e achegándose para ver mellor, veulle a voz do Señor: 32 "Eu son o Deus dos teus pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob". Moisés, tremendo, non era quen de mirar. 33 E o Señor díxolle: "Quita o calzado dos teus pés, porque o lugar onde estás a pisar é terra santa. 34 En verdade vin a opresión do meu pobo en Exipto, e escoitei os seus lamentos, e baixei para liberalos; vén agora e mandareite a Exipto". 35 Este Moisés, a quen eles rexeitaron, dicindo: quen te puxo por gobernante e xuíz? É o mesmo que Deus mandou para ser gobernante e liberador coa axuda do anxo que se lle apareceu no espiño. 36 Este home sacounos, facendo prodixios e sinais na terra de Exipto, no Mar Vermello, e no deserto por corenta anos. 37 Este é o mesmo Moisés que dixo aos fillos de Israel: "Deus levantaravos un profeta coma min de entre os vosos irmáns". 38 Este é o que estaba na igrexa no deserto xunto co anxo que lle falaba no monte Sinai, e cos nosos pais, e o que recibiu palabras de vida para dicírvolas a vós; 39 a quen os nosos pais non quixeron obedecer, senón que o rexeitaron, e nos seus corazóns volvéronse a Exipto, 40 dicindo a Aarón: fainos deuses que vaian diante de nós, porque a este Moisés que nos sacou da terra de Exipto, non sabemos o que lle pasaría. 41 Naqueles días fixeron un becerro e ofreceron sacrificio ao ídolo, e gabábanse nas obras das súas mans. 42 Pero Deus afastouse deles e entregounos para que serviran o exército do ceo, como está escrito no libro dos profetas: "É que foi a min a quen ofrecestes vítimas e sacrificios no deserto por corenta anos, casa de Israel? 43 Por se fora pouco levastes o tabernáculo de Moloc, e a estrela do deus Renfán, as imaxes que fixestes para adoralas. Eu tamén vos exiliarei máis aló da Babilonia". 44 Os nosos pais tiveron o tabernáculo do testemuño no deserto, así como mandara o que falaba con Moisés para que fixese conforme o modelo que vira. 45 Á súa vez, recibíndoo, os nosos pais introducírono con Xosué ao tomar posesión das nacións que Deus arredou de diante dos nosos pais, ata os días de David; 46 quen atopou graza diante de Deus, e pediu o favor de prover tabernáculo para a casa de Xacob. 47 Pero foi Salomón quen lle edificou unha casa. 48 Mais o Altísimo non vive en casas feitas por mans de persoas; como di o profeta: 49 "O ceo é o meu trono, e a terra o estrado dos meus pés; que casa me habedes edificar? -di o Señor- ou cal é o lugar do meu descanso? 50 Non foi a miña man a que fixo todas estas cousas"? 51 Teimudos e incircuncisos de corazón e de oídos, resistides sempre ao Espírito Santo; como fixeron os vosos pais, así tamén facedes vós. 52 A cal dos profetas non perseguiron vosos pais? Eles mataron aos que tiveran anunciado a chegada do Xusto, do que vós agora sodes os entregadores e asasinos; 53 vós que recibistes a lei por disposición de anxos, e nin así a gardastes. 54 Oíndo isto, enfurecéronse dende o profundo do seu corazón, e rinchaban os dentes contra del. 55 Pero Estevo, cheo do Espírito Santo, fixou os ollos no ceo, e viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus; 56 e dixo: -Velaquí vexo os ceos abertos, e ao Fillo do Home de pé á dereita de Deus. 57 Entón eles berraban moi forte, e tapando os oídos arremeteron a unha na súa contra. 58 E botándoo fóra da vila, caéronlle enriba para apedralo; e as testemuñas puxeron os seus mantos á beira dos pés dun mozo chamado Saulo. 59 Mentres apedraban a Estevo, el invocaba ao Señor e dicía: -Señor Xesús, recibe o meu espírito. 60 E caendo de xeonllos, clamou a gran voz: -Señor, non lles teñas en conta este pecado. E logo de dicir isto, durmiu.