1
Había na Cesarea un home chamado Cornelio, centurión da compañía coñecida como a Italiana,
2
devoto e temeroso de Deus con toda a súa casa, que daba moitas esmolas ao pobo xudeo e oraba a Deus acotío.
3
Sendo como a hora novena do día, viu claramente nunha visión un anxo de Deus que entraba onda el e lle dicía:-Cornelio!
4
Mirándoo fixamente e espantado, Cornelio dixo: -Que foi Señor? E el díxolle: -As túas oracións e esmolas subiron por memorial diante de Deus.
5
Envía, homes a Iope, e manda traer a un tal Simón, chamado Pedro.
6
Este para cun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar.
7
E logo de marchar o anxo que lle falara, Cornelio chamou a dous dos seus criados e a un soldado piadoso dos que sempre lle servían,
8
e despois de explicarlles todo, enviounos a Iope.
9
Ao día seguinte, indo eles polo camiño achegándose á vila, Pedro subiu ao airado a orar como á hora sexta.
10
Tivo fame e desexaba comer; pero mentres lle preparaban algo, veu sobre el un éxtase:
11
ve o ceo aberto e que descende un obxecto coma se fose un gran lenzo que é descolgado na terra polas catro puntas,
12
no que habían toda clase de cuadrúpedes e reptís da terra, e aves do ceo.
13
E escoitou unha voz: -Érguete, Pedro, mata e come.
14
Mais Pedro dixo: -Non faga eu tal cousa Señor, porque endexamais comín cousa común nin inmunda.
15
E a voz por segunda vez díxolle:-O que Deus limpou, non o chames ti inmundo.
16
E aconteceu isto por tres veces, e de súpeto o lenzo foi recollido ao ceo.
17
E mentres Pedro estaba perplexo pensando no que significaría aquela visión, aparaceron pola porta aqueles homes que foran enviados por Cornelio na procura da casa de Simón,
18
e chamando preguntaron se paraba alí Simón, de sobrenome Pedro.
19
Mentres Pedro cavilaba na visión, o Espírito díxolle: -Mira, tres homes andan á túa procura.
20
Érguete, e baixa, non dubides en acompañalos, pois fun Eu quen os mandou.
21
Pedro baixou onda eles e díxolles: -Son eu a quen buscades; por que foi que viñestes?
22
Eles dixeron: -A Cornelio o centurión, un home xusto e temeroso de Deus, e que é moi apreciado por toda a nación dos xudeus, foille ordenado por un santo anxo dar contigo para que vaias á súa casa e así escoitar as túas palabras.
23
Entón el convidounos a pasar e ficar con el. E ao día seguinte, levantouse e foi con eles, e algúns dos irmáns de Iope foron canda el.
24
E ao día seguinte entrou na Cesarea. Cornelio estaba agardando por eles e xuntara os seus parentes e amigos.
25
Sucedeu que cando ía entrar Pedro, Cornelio saíu a recibilo, e rendíndose aos seus pés, adorouno.
26
Pero Pedro, levantouno, dicindo: -Érguete, eu soamente son un home!
27
E falando con el, entrou e atopou moita xente reunida.
28
E díxolles: -Vós sabedes o agravio tan grande que é para un xudeu asociarse cun estranxeiro ou visitalo, pero Deus amosoume que non debo chamar inmunda ou común a persoa ningunha;
29
por iso, cando fun chamado, vin sen dubidar; daquela pregúntovos, por que me chamastes?
30
E Cornelio dixo: -Nesta mesma hora hai catro días, estaba eu orando na miña casa á hora novena, e un home con vestiduras resplandecentes, púxose diante miña,
31
e dixo: -Cornelio, a túa oración foi escoitada, e as túas obras de caridade foron lembradas diante de Deus.
32
Manda, pois, a Iope, e fai chamar a Simón, de sobrenome Pedro; el para na casa de Simón o curtidor, á beira do mar.
33
Polo tanto, mandei por ti axiña, e fixeches ben en vir. Agora, estamos todos nós aquí presentes diante de Deus, para escoitar todo o que o Señor che mandou dicir.
34
Entón Pedro abrindo a boca dixo: -De certo, agora entendo que Deus non fai distinción entre as persoas,
35
senón que en toda a nación o que fai o xusto e lle teme, é aceptable diante del.
36
El mandou mensaxe aos fillos de Israel, proclamando paz por medio de Xesús Cristo, que é o Señor de todos.
37
Vós sabedes a palabra que se divulgou por toda a Xudea, dende a Galilea, despois do bautismo que Xoán proclamou,
38
no tocante a Xesús de Nazaret: como Deus o unxiu co Espírito Santo e con poder. El andaba a facer ben por onde ía, sandando a tódolos oprimidos polo demo, porque Deus estaba con El.
39
E nós mesmos somos testemuñas de todas as cousas que fixo na terra dos xudeus e en Xerusalém. E como o mataron, pendurándoo nunha cruz.
40
A este, Deus resucitouno ao terceiro día e fixo que se manifestara,
41
non a todo o pobo, senón ás testemuñas que foron escollidas de antemán por Deus, é dicir, a nós que comemos e bebemos con El despois que resucitou de entre os mortos.
42
E mandounos proclamar ao pobo, e declaramos solemnemente que Xesús é o que Deus constituíu como Xuíz de vivos e mortos.
43
Del dan testemuña tódolos profetas, de que polo seu nome, todo o que cree nel recibe o perdón de pecados.
44
E aínda Pedro estaba a falar destas cousas, cando o Espírito Santo caeu sobre todos os que escoitaban a mensaxe.
45
E todos os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, quedaron abraiados, porque o don do Espírito Santo fora derramado tamén sobre os xentís,
46
pois escoitábanos falar en linguas e engrandecendo a Deus. Entón Pedro dixo:
47
-Será que poida alguén negar a auga para seren bautizados estes que recibiron o Espírito Santo igual ca nós?
48
E mandou que foran bautizados no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedara con eles uns días máis.