Capítulo 5

1 Un home chamado Ananías, e a súa muller Safira, vendeu unha propiedade, 2 e quedou con parte do prezo sendo a súa muller sabedora; e traendo o resto, púxoa aos pés dos apóstolos. 3 Mais Pedro dixo: -Ananías, por que encheu Satanás o teu corazón para mentir ao Espírito Santo e quedar con parte do prezo do terreo? 4 Namentres non se vendía, non seguía sendo teu? E despois de vendido, non estaba baixo o teu poder? Por que maquinaches este asunto no teu corazón? Non lle mentiches aos homes, senón a Deus. 5 Ao ouvir Ananías estas palabras, caeu morto; e veu grande temor sobre todos os que o souberon. 6 E os mozos levantáronse e cubrírono; e sacándoo fóra, déronlle sepultura. 7 Pasadas como unhas tres horas, entrou a súa muller, sen saber o que ocorrera. 8 E Pedro preguntoulle: -Dime, vendestes o terreo en tanto? e ela dixo: -Si, ese foi o prezo. 9 Entón Pedro díxolle: -Por que vos puxestes de acordo para tentar ao Espírito Santo? Mira, os pés dos que sepultaron o teu home están na porta e hante sacar a ti tamén. No mesmo momento, 10 ela caeu aos pés del, e expirou. Ao entraren os mozos, atopárona morta, e sacárona e déronlle sepultura xunto ao seu home. 11 E veu grande temor sobre toda a igrexa e sobre os que souberon estas cousas. 12 Ocorrían moitos sinais e prodixios entre o pobo pola man dos apóstolos. Estaban todos xuntos no pórtico de Salomón. 13 Mais ningún dos outros ousaba xuntarse con eles. Con todo, o pobo tíñaos en grande estima. 14 E engadíanse a eles máis e máis crentes no Señor, homes e mulleres, 15 ao punto que sacaban aos enfermos ás rúas e botábanos en leitos e padiolas para que ao pasar Pedro, polo menos a súa sombra caera sobre algún deles. 16 Tamén a xente das cidades arredor de Xerusalém achegábanse traendo enfermos e atormentados por espíritus inmundos e todos quedaban sanados. 17 Pero erguéndose o sumo sacerdote e todos os que estaban con el (os da seita dos sacudeos), enchéronse de envexa, 18 e botáronlle a man aos apóstolos, e metéronos nun cárcere público. 19 Pero, un anxo do Señor, de noite, abríullelas portas da cadea, e sacándoos díxolles: 20 -Ide, e postos en pé no templo, dáde a coñecer ao pobo tódalas palabras desta Vida. 21 Ao oíren isto, entraron no templo ao raiar o sol e ensinaban. Cando chegou o sumo sacerdote mailos que estaban con el, convocaron o concilio e a tódolos anciáns dos fillos de Israel, e mandaron traer aos apóstolos da cadea. 22 Pero ao iren os oficiais ao cárcere e non dar con eles, deron volta e informaron, 23 dicindo: -Atopamos o cárcere pechado con toda seguridade e os gardas parados ás portas, pero cando abrimos, non había ninguén dentro. 24 Ao escoitaren estas palabras tanto o capitán do templo coma os principais sacerdotes, preguntábanse que sairía de todo aquilo. 25 Pero presentouse alguén que lles dixo: -Mirade, os homes que encarcerastes están no templo ensinando o pobo. 26 Daquela o capitán foi cos oficiais, e tróuxoos pero sen violencia porque tiñan medo de que o pobo os apedrase. 27 Cando os trouxeron puxéronos diante do conciliio, e o sumo sacerdote interrogounos, 28 dicindo: -Non vos demos ordes estritas sobre o de ensinar neste nome? E velaquí, enchestes Xerusalém coas vosas ensinanzas, e queredes traer sobre nós o sangue deste home. 29 Respondendo Pedro mailos apóstolos, dixeron: -É preciso obedecer a Deus antes que ás persoas. 30 O Deus dos nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes, colgándoo nun madeiro. 31 A este exaltou Deus á súa man dereita como Príncipe e Salvador, para dar a Israel arrepentimento, e perdón de pecados. 32 Nós somos testemuñas destas cousas; e tamén o Espírito Santo, o que Deus deu aos que lle obedecen. 33 Cando eles escoitaron isto, alporizáronse e querían matalos. 34 Pero un fariseo chamado Gamaliel, mestre da lei honrado por todo o pobo, levantouse no sanedrín e mandou que sacaran fóra aos homes por un intre. 35 E díxolles: -Varóns israelitas, ollo co que vos propoñedes facer a estes homes. 36 Porque hai algún tempo levantouse Teudas pretendendo ser alguén, e uniúselle un grupo como de catrocentos homes; pero foi asasinado, e todos cantos lle obedecían foron dispersados e non quedou nada. 37 Despois deste, Xudas o galileo, levantouse nos días do censo e instigou o pobo tras del. El tamén pereceu e todos os que lle obedeceran foron dispersados. 38 Agora dígovos: -Alonxádevos destes homes e deixádeos, porque se este plan ou esta obra é humana, esvaecerase, 39 pero se é de Deus, non poderedes destruílos; non sexa que vos atopedes loitando contra Deus. 40 E foron persuadidos por el e chamando os apóstolos, azoutáronos e mandáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. 41 Así pois, eles saíron do sanedrín ledos de seren tidos por dignos de sufrir deshonra polo Nome . 42 E cada día, no templo e de fogar en fogar, non deixaban de ensinar e anunciar que Xesús é o Mesías.