Capítulo 4

1 Mais falándolles eles ao pobo, botáronselles enriba os sacerdotes, o capitán da garda do templo, e os saduceos, 2 amolados, porque ensinaban ao pobo, e anunciaban en Xesús a resurrección dos mortos. 3 Botáronlles a man e puxéronos baixo custodia ata o día seguinte, xa que se estaba facendo tarde. 4 Pero moitos dos que escoitaran a mensaxe, creron, chegando a ser como cinco mil homes. 5 Ao día seguinte reuníronse en Xerusalém os seus gobernantes, anciáns e escribas; 6 E Anás, o sumo sacerdote, e Caifás, e Xoán e Alexandre, e todos os que eran da linaxe dos sumos sacerdotes. 7 E poñéndoos no medio deles, estaban a preguntarlles: -Con que poder, ou en que nome, fixestes isto? 8 Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles: -Gobernantes do pobo e anciáns, 9 dado que se nos está a interrogar por mor do beneficio feito a un home enfermo que foi curado, 10 sabede todos vós, e todo o pobo de Israel, que foi no nome de Xesús o Nazareno, o Mesías, a quen vós crucificastes e a quen Deus resucitou de entre os mortos, por El, e que podedes ver curado a este home diante vosa. 11 Éste é a pedra desprezada por vosoutros os construtores, e que se converteu en cabeza angular. 12 E en ningún outro hai salvación, porque non hai outro nome dado ás persoas, debaixo do ceo, no que poidamos ser salvos. 13 Ao veren o valor de Pedro e de Xoán, decatándose de que eran homes sen letras nin preparación, quedaban abraiados, e recoñecían que era porque eles estiveran con Xesús. 14 E vendo en pé onda eles ao home que fora curado, non podían contradicilos en nada. 15 Entón mandáronos fóra do consello, e deliberaban entre eles, 16 dicindo: -Que faremos con estes homes? Porque certamente este milagre notable foi feito por medio deles, manifesto en toda Xerusalém, e non podemos negalo. 17 Pero para que non se espalle máis entre o pobo, ameacémolos para que non falen a ninguén máis nese nome. 18 Chamáronos e prohibíronlles falar ou ensinar no nome de Xesús. 19 Pero Pedro e Xoán respondendo, dixeron: -Xulgade vós mesmos se é xusto aos ollos de Deus obedecervos a vós antes que a El; 20 porque nós non podemos calar o que vimos e escoitamos. 21 Entón eles, logo de ameazalos de novo, deixáronos ir, non vendo maneira de castigalos, por mor do pobo, porque todos glorificaban a Deus polo acontecido; 22 porque o home que recibira este milagre de sanidade tiña máis de corenta anos. 23 Cando foron postos en liberdade, foron xunto aos seus e contáronlles todo o que os sumos sacerdotes e os anciáns lles dixeran. 24 Ao oír tales cousas, todos á vez levantaron a voz a Deus e dixeron: -Señor Soberano, ti es quen fixeches o ceo e a terra, o mar e todo o que hai neles, 25 o que polo Espírito Santo, por boca do noso pai David, o teu servo, dixeches: "Por que se rebelan as nacións, e a xente pensa en cousas baleiras? 26 Xuntáronse os reis da terra e reuníronse os gobernantes a unha contra o Señor e contra o seu Unxido". 27 De certo, nesta vila aliáronse tanto Herodes como Poncio Pilato, xuntamente cos xentís e as xentes de Israel, en contra do teu Santo Servo Xesús, a quen unxiches, 28 para facer todo o que a túa man e a túa vontade dispuxeron que acontecera. 29 Agora, Señor, ten en conta as súas ameazas, e permite que os teus servos falen a túa palabra con toda ousadía, 30 mentres estendes a túa man para que sexan feitas curacións, milagres e marabillas mediante o nome do teu Santo Servo Xesús. 31 E namentres oraban, o lugar onde estaban reunidos, tremeu, e foron todos cheos do Espírito Santo, e falaban a palabra de Deus con afouteza. 32 A multitude dos que creron eran dun mesmo corazón e unha alma; e ningún consideraba de seu o que posuía, senón que todas as cousas eran de propiedade común. 33 Os apóstolos daban testemuña, e con gran poder, da resurreción do Señor Xesús, e había graza abundante sobre todos eles. 34 Non había ningunha persoa necesitada entre eles, porque todos os que posuían casas ou terras, vendíanas, 35 e traían os cartos e poñíanos á disposición dos apóstolos, e eran distribuídos segundo as necesidades de cadaquén. 36 Entón Xosé, un levita natural de Chipre, ao que tamén chamaban Bernabé (que traducido é fillo de consolación), 37 posuía un campo e vendeuno, e trouxo os cartos e púxoos á disposición dos apóstolos.