1
Certo día Pedro e Xoán subían ao templo á hora da oración, á hora novena.
2
E había un home coxo de nacemento ao que cada día levaban para poñelo á porta do templo chamada a Fermosa, para que pedira esmola ás persoas que entraban no templo.
3
E vendo a Pedro e a Xoán que ían entrar no templo, pediulles esmola.
4
Entón Pedro, xunto con Xoán, fixando os ollos nel, díxolle: -Míranos!
5
Pero el mirábaos, agardando recibir algo deles.
6
Mais Pedro díxolle: -Non teño prata nin ouro, pero o que teño, doucho. No nome de Xesús Cristo o nazareno, camiña!
7
E colléndoo da man dereita, levantouno; e de súpeto os seus pés e os seus nocellos foron fortalecidos,
8
e dun chimpo, o coxo parouse e camiñaba. Entrou ao templo camiñando canda eles, brincando e louvando a Deus.
9
E todo o pobo o viu camiñar e louvar a Deus,
10
e decatáronse que era o mesmo que estaba sentado a recibir esmolas na porta do templo, a Fermosa, e abraiáronse e enchéronse de admiración polo que lle acontecera.
11
Namentres el se agarraba de Pedro e Xoán, todo o pobo perplexo en gran maneira, correu ao pórtico chamado de Salomón, onde estaban eles.
12
Ao ver Pedro isto, díxolle ao pobo: -Varóns israelitas, por que vos marabillades disto, ou por que nos mirades así, coma se fose por nós, polo noso propio poder ou piedade, que o fixésemos camiñar?
13
O Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, o Deus dos nosos pais, glorificou o seu servo Xesús, a quen vós entregastes e repudiastes en presenza de Pilato, cando el xa acordara deixalo libre.
14
Pero vós negastes ao Santo e Xusto, e pedistes que se vos concedera un asasino,
15
e matastes ao Autor da Vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos, e nós somos testemuñas diso.
16
E pola fe no seu nome, ese mesmo nome que fortaleceu a este a quen vedes e coñocedes, esa fe que vén por El, foi a que lle deu a sanidade completa diante vosa.
17
E agora, irmáns, eu sei que o fixestes por
ignorancia, o mesmo que tamén fixeron os vosos gobernantes.
18
Pero Deus cumpriu as cousas que anunciou de antemán pola boca de tódolos profetas: que o seu Unxido debería sufrir.
19
Polo tanto, arrepentídevos e volvédevos a el, para que os vosos pecados sexan borrados para que veñan tempos de refrixerio dende o rostro do Señor;
20
e El mande ao Mesías que vos foi anunciado, a Xesús,
21
a quen é preciso que o ceo reciba ata os tempos da restauración de tódalas cousas, das que Deus falou dende os primeiros tempos pola boca dos seus santos profetas.
22
Abofé que Moisés dixo: "O Señor Deus, levantaravos Profeta de entre vosos irmáns, coma min. Habédelo oír en tódalas cousas que vos diga.
23
E acontecerá que toda persoa que non escoite a aquel Profeta será desarraigada do pobo".
24
E así mesmo tódolos profetas que falaron dende Samuel e os que viñeron despois del, todos eles anunciaron tamén estes días.
25
Vós sodes os fillos dos profetas e do pacto que Deus fixo cos vosos pais, ao dicirlle a Abraham: "E na túa semente todas as familias da terra serán benditas".
26
Deus, resucitando o seu Servo, mandóuvolo primeiramente a vós, para bendicirvos, para afastarvos a cada un das vosas maldades.