1
Cando se decidiu que deberiamos embarcarnos para a Italia, foron entregados Paulo e algúns outros presos a un centurión da compañía Augusta chamado Xulio.
2
E embarcamos nunha nave adramitena que estaba para partir cara as rexións da costa da Asia, fixémonos ao mar acompañados por Aristarco, un macedonio de Tesalónica.
3
Ao día seguinte chegamos a Sidón. Xulio tratou a Paulo con benignidade permitíndolle ir aos seus amigos e ser atendido por eles.
4
De alí partimos e navegamos ao abrigo da illa de Chipre porque os ventos eran contrarios.
5
E despois de navegar atravesando o mar fronte as costas da Cilicia e da Panfilia, chegamos a Mira de Licia.
6
Alí o centurión atopou unha nave alexandrina que ía para a Italia e embarcounos nela.
7
E despois de navegar lentamente por moitos días, e de chegar con dificultade fronte a Gnido, pois o vento non nos permitiu avanzar máis, navegamos ao abrigo de Creta, fronte a Salmón
8
e costeándoa con dificultade, chegamos a un lugar chamado Bos Portos, preto do que estaba a cidade de Lasea.
9
Cando xa pasara moito tempo e a navegación se tornara perigosa, pois mesmo xa pasara o xexún, Paulo aconsellábaos,
10
dicíndolles: -Amigos, estou vendo que de seguro esta viaxe vai ser con prexuízo e graves perdas, non só do cargamento e da nave, senón tamén das nosas vidas.
11
Pero o centurión confiou máis no dito polo patrón e o capitán do barco que no que dicía Paulo.
12
E como o porto non era axeitado para invernar, a maioría tomou a decisión de facerse ao mar dende alí, por se lles era posible arribar en Fenice, un porto de Creta que mira cara o nordeste e o sudeste, e pasar o inverno alí.
13
Cando comezou a soprar un moderado vento do sur, crendo que lograran o seu propósito, levantaron áncoras e navegaron costeando Creta.
14
Pero non moito despois, dende terra comezou a soprar un vento furacanado que se chama Euroclidón
15
e sendo azoutada a nave, e non podendo facer fronte ao vento abandonámonos a el e deixámonos levar á deriva.
16
E navegando ao abrigo dunha pequena illa chamada Clauda, con moita dificultade puidemos suxeitar o esquife.
17
Despois que o alzaron, usaron amarras para cinguir a nave; e temendo encallar nos bancos da Sirte, arriaron as velas e abandonáronse á deriva.
18
Ao día seguinte, mentres eramos axitados furiosamente pola tormenta, comezaron a botar a carga pola borda.
19
E ao terceiro día, coas súas propias mans, botaron ao mar os aparellos da nave.
20
Como nin o sol nin as estrelas apareceron por moitos días, e unha tempestade non pequena abatíase sobre nós, dende entón fomos abandonando toda esperanza de salvarnos.
21
Cando pasaran moitos días sen comer, Paulo púxose en pé en medio deles e dixo: -Amigos, se me fixerades caso e non tiveramos saído de Creta, aforrabamos este prexuízo e perda.
22
Pero agora aconséllovos que teñades bo ánimo, porque non haberá perda de vida entre vós, agás a do barco.
23
Porque esta noite estivo na miña presenza un anxo do Deus de quen son e a quen sirvo,
24
dicindo: -Non temas, Paulo, has comparecer ante o César, e Deus concedeuche a vida de todos cantos navegan contigo.
25
Polo tanto, tede bo ánimo amigos, porque eu confío en Deus que será exactamente como se me dixo.
26
Pero temos que encallar nalgunha illa.
27
E chegada a décimo cuarta noite, mentres eramos levados á deriva no mar Adriático, a iso da medianoite os mariñeiros sospeitaban que se estaban achegando a terra.
28
Botaron a sonda e acharon que había vinte brazas, pero un pouco máis adiante volveron a botar a sonda e acharon quince brazas de profundidade.
29
E temendo que nalgún lugar foramos dar contra as rochas, botaron catro áncoras pola popa e ansiaban que amencera.
30
Pero como os mariñeiros trataban de fuxir da nave e baixaran o esquife ao mar, baixo o pretexto de que ían botar as áncoras dende a proa,
31
Paulo dixo ao centurión e aos soldados: se estes non permanecen na nave, vós non poderedes salvarvos.
32
Entón os soldados cortaron as amarras do esquife e deixaron que se perdera.
33
E cando amencía, Paulo animou a todos a que tomaran algún alimento, dicindo: -Hai xa catorce días que, velando continuamente estades en xaxún, sen tomar alimento ningún.
34
Por iso aconséllovos que comades, porque isto é preciso para a vosa supervivencia, pois non se perderá nin un só cabelo da cabeza de ningún de vós.
35
Unha vez dito isto, colleu o pan e deu grazas a Deus en presenza de todos, e partíndoo comezou a comer.
36
Entón todos, tendo xa bo ánimo, tomaron tamén alimento.
37
En total eramos na nave duascentas setenta e seis persoas.
38
Unha vez cheos, alixeiraron a nave botando o trigo ao mar.
39
Cando se fixo de día, non recoñecían a terra, pero podían distinguir unha enseada que tiña praia e decidiron lanzar a nave cara a ela, por se lles era posible encallala.
40
E cortando as áncoras, deixáronas no mar, afrouxando ao mesmo tempo as amarras dos temóns e izando a vela de proa ao vento, dirixíronse cara a praia.
41
Pero batendo contra unha rocha encallaron a nave no lugar onde se atopan dúas correntes; e a proa cravouse e quedou inmóbil, pero a popa rachaba pola forza das ondas.
42
E o plan dos soldados era matar os presos, para que ningún deles fuxira a nado,
43
pero o centurión, querendo salvar a Paulo, impediu o seu propósito, e ordenou que os que puidesen nadar se lanzaran pola borda e chegaran a terra,
44
e que os demais seguiran, algúns en tablóns, e outros en diferentes obxectos da nave. E sucedeu que todos chegaron salvos a terra.