Capítulo 28

1 Unha vez a salvo, enterámonos que chegaramos a unha illa chamada Malta. 2 E os nativos mostráronnos o seu agarimo facendo un lume para acollernos a todos, pois chovía e ía frío. 3 Pero cando Paulo recolleu algunhas ramas secas e as botou no lume, unha víbora saíu fuxindo da calor e traboulle na man. 4 E os nativos, cando viron que o animal penduraba da súa man, dicían entre eles: -Abofé que este home é un asasino que se librou do mar, a quen Xustiza non lle permitiu seguir con vida. 5 Pero el sacudindo a víbora da man, botouna ao lume e non sufriu dano algún. 6 E eles agardaban que comezara a incharse, ou que de súpeto caera morto, mais despois de moito agardar e vendo que nada malo lle pasaba, mudaron de parecer e dixeron que era un deus. 7 Preto de alí había uns terreos do home principal da illa, chamado Publio, que nos recibiu e nos hospedou bondadosamente por tres días. 8 E sucedeu que o pai de Publio xacía na cama, adoecido con febre e disentería; e Paulo entrou a velo, e despois de orar puxo as mans sobre el, e sanouno. 9 Cando pasou isto, os demais nativos da illa que tiñan enfermidades viñan a el e eran curados. 10 Tamén nos honraron con moitas atencións, e ao partir nos forneceron con todo o necesario. 11 Despois de tres meses, fixémonos á vela nunha nave alexandrina que invernara na illa e levaba como insignia a Dióscuros. 12 Cando chegamos a Siracusa, quedamos alí por tres días. 13 E partindo de alí, seguimos pola costa ata chegar a Rexio. Ao día seguinte púxose o vento do sur, e en dous días chegamos a Puteoli. 14 Alí atopamos a algúns irmáns que nos convidaron a quedar con eles por sete días. E así chegamos a Roma. 15 Cando os irmáns souberon da nosa chegada, viñeron dende aló a recibirnos ata o Foro de Apio e As tres Tabernas; e cando Paulo alcanzou a velos, deu grazas a Deus e colleu folgos. 16 Cando entramos en Roma, permitíuselle a Paulo vivir aparte, custodiado por un soldado. 17 E aconteceu que tres días despois, el convocou os principais dos xudeus e unha vez reunidos díxolles: -Irmáns, sen facer nada na contra do noso pobo nin contra das tradicións dos nosos devanceiros, entregáronme preso dos romanos dende Xerusalém. 18 E cando me interrogaron, quixeron soltarme, pois non atoparon causa para condenarme a morte. 19 Pero cando os xudeus se opuxeron, vinme na obriga de apelar ao César, mais non porque tivese algunha acusación na contra do meu pobo. 20 Polo tanto, por esta razón pedín vervos e falarvos, porque pola causa da esperanza de Israel é que levo enriba estas cadeas. 21 E eles dixeron: -Nós nin recibimos cartas da Xudea sobre ti, nin se achegou aquí ningún dos teus irmáns denunciándote ou falando cousa mala de ti. 22 Pero desexamos escoitar o que ti ensinas, porque o que sabemos desta seita é que en todas partes se fala en contra dela. 23 E citándoos, viñeron moitos onde el descansaba, e da mañá á tarde explicáballes testificando fielmente sobre o reino de Deus, e procurando persuadilos sobre Xesús, tanto pola lei de Moisés como polos profetas. 24 Algúns eran convencidos co que se dicía, pero outros non crían. 25 E estando en desacordo entre eles despedíronse despois de que Paulo engadiu unha palabra máis: -Ben falou o Espírito Santo por medio do profeta Isaías aos vosos devanceiros, 26 dicindo: "Vai a este pobo e di: ao oír oiredes, e de ningún xeito entenderedes; e vendo veredes, e de ningún xeito percibiredes, 27 porque o corazón deste pobo endureceuse, e con dificultade escoitan os seus oídos; e pecharon os seus ollos; non sexa que vexan cos ollos, e escoiten cos oídos, e entendan co corazón, e se arrepintan, e Eu os sane". 28 Sabede, polo tanto, que esta salvación de Deus foi enviada aos xentís. Eles si escoitarán. 29 E dito isto, os xudeus marcharon, rifando entre eles. 30 E Paulo quedou por dous anos enteiros na casa que alugaba, e recibía a todos os que o ían ver, 31 predicando o reino de Deus, e ensinando todo o que concernía ao Señor Xesús Cristo con toda liberdade, sen estorbo.