Capítulo 25

1 Festo, entón, aos tres dias de chegar á provincia, subiu a Xerusalém dende Cesarea. 2 E os principais sacerdotes e os xudeus máis influíntes presentaron demanda contra Paulo, e rogábanlle, 3 pedindo un favor na súa contra; que o fixera traer a Xerusalém (preparando eles, ao tempo, unha emboscada para matalo no camiño). 4 Pero Festo respondeu que Paulo estaba baixo custodia na Cesarea, e que axiña sairía cara alá. 5 Os que de entre vós teñan autoridade -díxolles- baixen comigo e se hai algo impropio no home, acusádeo. 6 Logo de quedar con eles por uns oito ou dez días, non máis, baixou a Cesarea, e ao día seguinte sentou no tribunal e mandou que trouxeran a Paulo. 7 Cando este chegou, rodeárono os xudeus que baixaran de Xerusalém, presentando na súa contra moitas e graves acusacións que non podían probar, 8 mentres Paulo dicía en defensa propia: -Non cometín delito algún, nin en contra da lei dos xudeus, nin en contra do templo, nin en contra do César. 9 Pero Festo, querendo gañar o favor dos xudeus, respondeu a Paulo e dixo: -Estás disposto a ir a Xerusalém e a seres xulgado por estas acusacións diante de min? 10 Entón Paulo respondeu: -Perante o tribunal do César estou, que é onde debo ser xulgado. Ningunha ofensa lles fixen aos xudeus, como moi ben sabes ti. 11 Polo tanto, se son culpable, e fixen algo digno de morte, non rexeito morrer; pero se ningunha desas cousas das que estes me acusan, é verdade, ninguén me pode entregar a eles. Apelo ao César. 12 Entón Festo, logo de consultar co consello, respondeu: -Ao César apelaches, ao César irás. 13 Pasados varios días, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea e foron saudar a Festo. 14 Como estiveron alí moitos días, Festo presentou o caso de Paulo diante do rei, dicindo: -Hai un home que Félix deixou preso, 15 sobre o que, estando en Xerusalém, os principais sacerdotes e os anciáns dos xudeus presentaron acusacións na súa contra, pedindo unha sentenza condenatoria en contra del. 16 Eu respondinlles que non é costume entres os romanos, entregar a un home sen que antes o acusado confronte os seus acusadores, e teña a oportunidade de defenderse dos cargos. 17 Así que, cando se reuniron aquí, non demorei, senón que ao día seguinte, sentei no tribunal e mandei que trouxeran o home. 18 E levantándose os acusadores, non presentaban cargo algún das cousas perversas que eu sospeitaba, 19 senón que tiñan na súa contra algúns puntos de desacordo respecto da súa relixión, e sobre un tal Xesús, xa morto, de quen Paulo afirmaba que está vivo. 20 E eu, perplexo con toda esta polémica, pregunteille se quería ir a Xerusalém e ser xulgado aló por estas cousas. 21 Pero como Paulo apelou para que o reservaran para a decisión imperial, mandei custodialo ata mandalo ao César. 22 Entón Agripa díxolle a Festo:-A min tamén me gustaría escoitar a este home. Mañá, dixo Festo, oiralo. 23 Así que, ao día seguinte, cando Agripa e Berenice con moita pompa, entraron no salón de audiencia, acompañados polos tribunos e os homes máis importantes da vila, Festo mandou traer a Paulo. 24 E dixo Festo: -Rei Agripa e demais presentes aquí connosco, velaquí vedes a este home, sobre o que unha multitude de xudeus, tanto aquí coma en Xerusalém, me pediu a berros que non debe vivir máis. 25 Pero eu descubrín que nel non hai nada digno de morte, e como el mesmo apelou ao emperador, decidín mandalo. 26 Pero non teño nada en concreto que escribirlle ao soberano sobre el, razón pola que o trouxen diante de vós, e especialmente diante de ti, rei Agripa, para que logo de interrogalo, eu teña algo que escribir. 27 Pois paréceme irracional mandar a un preso e non indicar os cargos na súa contra.