1
Cinco días máis tarde, o sumo sacerdote Ananías descendeu con algúns anciáns e cun avogado chamado Tértulo e presentaron ao gobernador os seus cargos contra Paulo.
2
Despois que chamaron a Paulo, Tértulo comezou a acusalo dicindo ao gobernador: -Xa que por ti obtivemos moita paz e que pola túa providencia estanse levando a cabo reformas en favor desta nación,
3
nós por todos os medios e en todas partes, recoñecemos isto con profunda gratitude, excelentísimo Félix.
4
Agora para non amolarte máis, suplico que coa túa bondade, nos concedas unha breve audiencia.
5
Pois descubrimos que este home é verdadeiramente unha praga e que provoca disensións entre todos os xudeus polo mundo enteiro, sendo o responsable da seita dos nazarenos.
6
Mesmo tratou de profanar o templo, entón arrestámolo e quixemos xulgalo segundo a nosa lei.
7
Pero intervindo o comandante Lisias, con gran violencia quitóunolo das mans,
8
mandando aos seus acusadores que viñeran canda ti. Se ti mesmo o interrogas sobre todo o que dixo, poderás comprender de que o estamos a acusar.
9
Os xudeus uníronse tamén á acusación asegurando que estas cousas eran tal que así.
10
Despois que o gobernador lle fixo un aceno para que falara, Paulo respondeu: -Sabendo que por moitos anos ti fuches xuíz desta nación, con gusto presento a miña defensa,
11
posto que ti podes comprobar o feito de que non hai máis de doce días que subín a Xerusalém a adorar.
12
E nin no templo, nin nas sinagogas, nin na cidade me atoparon discutindo con ninguén nin facendo motíns.
13
Nin tampouco poden probar as cousas das que agora me acusan.
14
Pero isto admito ante ti, que segundo o Camiño que eles chaman herexía, eu sirvo o Deus dos nosos pais, crendo todo o que é conforme á lei e o que está escrito nos profetas;
15
tendo a mesma esperanza en Deus que estes tamén agardan, de que certamente haberá unha resurrección tanto dos xustos coma dos inxustos.
16
Por isto, eu tamén me esforzo por conservar sempre unha conciencia irreprensible diante de Deus e de tódalas persoas.
17
Agora ben, despois de varios anos, vin para traer esmolas á miña nación e presentar ofrendas,
18
facendo isto, despois de terme purificado, atopáronme no templo, non con turba nin con barullos.
19
Pero estaban alí certos xudeus da Asia e que deberían comparecer diante túa se tivesen algo na miña contra.
20
Ou se non, que estes mesmos digan que delito atoparon cando comparecín perante o Sanedrín,
21
agás polo único que dixen en voz alta estando no medio deles: -Pola resurrección dos mortos son xulgado hoxe diante de vós.
22
Entón, Félix, coñecendo con maior exactitude as cousas acerca do Camiño, pospuxo o asunto dicindo: -Cando veña o comandante Lisias decidirei o voso caso.
23
E deu ordes ao centurión de que gardara a Paulo baixo custodia, pero con algunha medida de liberdade e que non impedise a ningún dos seus amigos que o servise.
24
Pero poucos días máis tarde, chegou Félix con Drusila, a súa muller que era xudía, e mandou traer a Paulo e oíuno falar sobre a fe en Cristo Xesús.
25
E ao disertar Paulo sobre a xustiza, o dominio propio e o xuízo vindeiro, Félix atemorizado dixo: -Polo de agora, vaite! Mandareite chamar cando sexa oportuno.
26
Ao mesmo tempo tiña a esperanza de que Paulo lle dera cartos, polo que moitas veces o facía chamar para conversar con el.
27
Pero discorridos dous anos, Porcio Festo chegou como sucesor de Félix, e desexando gañar o favor aos xudeus, Félix deixou preso a Paulo.