1
Entón Paulo, fitando ao concilio, dixo: -Irmáns, ata este día vivín coa conciencia limpa diante de Deus.
2
O sumo sacerdote Ananías mandou aos que estaba xunto a el, que lle batesen na boca.
3
Entón Paulo díxolle: -Deus hache golpear a ti, parede branquexada! Sentas para xulgarme segundo a lei e violas a lei ordenando que me zosquen?
4
Os que estaban a mirar, dixeron: -Inxurias ao sumo sacerdote de Deus?
5
E Paulo dixo: -Irmáns, non sabía que el era o sumo sacerdote; porque está escrito: "Non falarás mal das autoridades do teu pobo".
6
Entón Paulo, caendo na conta de que uns eran saduceos e outros fariseos, levantou a voz no Sanedrín: -Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos. Xúlgaseme pola nosa esperanza na resurrección dos mortos!
7
Cando dixo isto, comezou unha disputa entre os fariseos e os saduceos, e a asemblea dividiuse.
8
Porque os saduceos din que non hai resurrección nin anxos nin espíritos, pero os fariseos cren en todo isto.
9
Entón fíxose un grande boureo. E erguéronse algúns dos escribas do grupo dos fariseos, discutindo con enerxía, dicindo: -Non atopamos nada malo neste home, e se é certo que un espírito ou un anxo lle falou?
10
Como o rebumbio ía cada vez a máis, o xefe da garda tivo medo de que esnaquizasen a Paulo e ordenou que as tropas baixasen para quitalo pola forza do medio deles e o levasen ao cuartel.
11
A noite seguinte o Señor aparecéuselle a Paulo e dixo: -Ten ánimo, porque como deches testemuño da miña causa en Xerusalém, así tamén testificarás en Roma.
12
Ao amencer, os xudeus argallaron unha conspiración e comprometéronse cun xuramento dicindo que non comerían nin beberían ata que matasen a Paulo.
13
Os que tramaron este plan eran máis de corenta,
14
foron aos principais sacerdotes e aos anciáns e dixeron: -Comprometémonos baixo xuramento a non probar nada ata que teñamos matado a Paulo.
15
Agora, vós e o concilio, avisade ao xefe da garda para que o traian diante de vós, como se quixerades investigar polo miúdo para resolver o caso. Nós, pola nosa banda, estaremos listos para matalo antes de que chegue.
16
Mais o fillo da irmá de Paulo soubo da emboscada e foi e entrou no cuartel e avisou a Paulo.
17
Paulo, chamando a un dos centurións, dixo: -Leva a este mozo ao xefe da garda, porque ten algo que contarlle.
18
El entón, colléndoo consigo, levouno ao comandante e díxolle: -Paulo, o preso, chamoume e pediume que trouxera a este mozo, xa que ten algo que che contar.
19
O xefe da garda, colleuno da man, levouno aparte, e preguntoulle: -Que é o que me tes que contar?
20
E el respondeu: -Os xudeus concordaron en pedirlle que leve a Paulo mañá ante o Sanedrín co pretexto de facer unha investigación máis a fondo sobre el.
21
Mais non lles prestes atención, porque máis de cuarenta homes, comprometéronse baixo xuramento a non comer nin beber ata que o maten, e agora están preparados agardando a túa autorización.
22
Entón o xefe da garda deixou marchar o mozo, recomendándolle: non lle digas a ninguén que me informaches destas cousas.
23
E chamando aos dous centurións dixo: -Preparade douscentos soldados para as nove da noite, con setenta homes da cabalo e douscentos lanceiros, para que vaian á Cesarea.
24
E ordenou que preparasen tamén cabalgaduras para que Paulo puidese montar, e levalo a salvo ao gobernador Félix.
25
E escribiulle unha carta nestes termos:
26
Claudio Lisias, ao excelentísimo gobernador Félix: salve.
27
Cando este home foi arrestado polos xudeus, e estaba a piques de ser asasinado por eles, ao saber que era romano, fun coas tropas e rescateino.
28
Querendo saber a causa pola que o acusaban, leveino ao concilio
29
e atopei que o acusaban sobre cuestións da súa lei, pero de ningún cargo que merecera a morte ou o cárcere.
30
Cando fun informado de que había un complot en contra deste home, mandeicho deseguida, ordenando tamén aos seus acusadores de que presentaran cargos contra el diante de ti.
31
Así que os soldados, seguindo as ordes que tiñan, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris.
32
Ao día seguinte volveron ao cuartel deixando que os xinetes marcharan con el.
33
Eles, despois de chegar á Cesarea e de lle entregar a carta ao gobernador, presentáronlle a Paulo.
34
Cando o gobernador leu a carta, preguntou de que provincia era Paulo. E ao decatarse de que era da Cilicia,
35
dixo: -Oireite cando estean presentes os teus acusadores. E mandou que o gardasen no Pretorio de Herodes.