Capítulo 22

1 -Meus irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós. 2 Oíndo eles que falaba en hebreo, calaron; e dixo el: 3 -Eu son xudeu, nado en Tarso da Cilicia, pero criado nesta vila, fun instruído en todo o rigor da lei ancestral aos pés de Gamaliel, sendo tan celoso de Deus coma todos vós. 4 Perseguín este Camiño a morte, atando e metendo no cárcere a homes e tamén a mulleres, 5 do que poden dar testemuño o sumo sacerdote mailo consello dos anciáns, pois deles recibín cartas para os irmáns en Damasco, e viaxei alá a fin de traelos presos a Xerusalém, para que fosen castigados. 6 Pero cando ía de camiño, estando xa preto de Damasco, como ao mediodía, de súpeto unha luz moi brillante do ceo resplandeceu arredor de min, 7 e caín no chan, e oín unha voz que me dicía: -Saulo, Saulo, por que me persegues? 8 E respondín: -Quen es, Señor? e El díxome: -Eu son Xesús o Nazareno, a quen ti persegues. 9 E os que estaban comigo efectivamente viron a luz, mais non sentiron a voz de quen estaba a falar comigo. 10 Entón eu dixen: -Que debo facer, Señor? e o Señor díxome:-Érguete e vai a Damasco; alí diráseche todo o que se dispuxo que fagas. 11 Pero como eu non vía polo resplandor daquela luz, os que estaban comigo leváronme da man e entrei en Damasco. 12 Entón, un tal Ananías, home piadoso segundo as normas da lei, e de quen daban bo testemuño todos os xudeus que vivían alí, 13 achegouse a min, e poñéndose á beira miña, díxome: -Irmán Saulo, recupera a vista. E coa mesma puiden velo. 14 Entón el dixo:-O Deus dos nosos pais designoute para que coñezas a súa vontade, vexas ao Xusto, e escoites a voz da súa boca. 15 Porque lle serás testemuña a todas as persoas do que viches e escoitaches. 16 E agora, a que agardas? Érguete e bautízate e lava os teus pecados invocando o seu nome. 17 E aconteceu que cando cheguei de volta a Xerusalém, mentres oraba no templo, caín nun éxtase, 18 e vin ao Señor que me dicía: -Apresúrate e sae pronto de Xerusalém porque non van recibir o teu testemuño acerca de min. 19 E dixen eu: -Señor, eles saben de sobra que sinagoga tras sinagoga eu metía presos e zoscaba aos que crían en ti. 20 E cando se vertía o sangue de Estevo, testemuña túa, tamén eu estaba alí dando a miña aprobación, e coidando os mantos dos que o estaban a matar. 21 Pero El díxome: -Vai, porque Eu voute mandar lonxe, aos xentís. 22 Escoitárono ata que dixo isto, entón, levantaron a voz e dixeron: -Quita da terra a este individuo! Non se lle debe permitir que viva! 23 Como eles berraban, e tiraban os seus mantos, espallando o pó polo aire, 24 o tribuno mandou que o meteran na fortaleza, dicindo que o atormetaran con azoutes para descubrir a razón pola que berraban na súa contra daquel xeito. 25 Pero cando o estaban atando con correas, Paulo díxolle ao centurión alí presente: -Será que podedes azoutar a un cidadán romano sen facerlle un xuízo? 26 Escoitando isto o centurión, foi onda o tribuno e avisoulle, dicindo: -Que vas facer? Mira que este home é romano. 27 E achegouse o tribuno a Paulo e díxolle: -Dime, es ti romano? E el dixo: -Son. 28 E o tribuno respondeu: -Eu, cunha grande suma, adquirín esta cidadanía. E Paulo dixo: -Pois eu son cidadán de nacemento. 29 Entón os que o ían azoutar para interrogalo, soltárono ao momento; e tamén o tribuno, sabendo que o tivera atado, colleu medo ao saber que era romano. 30 Ao día seguinte, querendo saber de seguro por que o acusaban os xudeus, desatouno e ordenoulles aos principais sacerdotes e a todo o consello que se reuniran; e sacando a Paulo, púxoo diante deles.