Capítulo 20

1 Logo de que rematara o rebumbio, Paulo mandou chamar os dicípulos, animounos, despediuse deles e marchou para a Macedonia. 2 Despois de percorrer aquelas rexións e telos animado moito, chegou a Grecia. Botou alí tres meses. 3 Cando estaba a piques de embarcar para Siria, os xudeus que estaban en contra del argallaron unha conspiracón, así que decidiu volver por Macedonia. 4 E acompañábano Sópater de Berea, fillo de Pirro; dos tesalonicenses Aristarco e Segundo, Gaio de Derbe, e Timoteo; e da Asia Tíquico e Trófimo. 5 Mais estes adiantáranse e agardábannos en Troas. 6 Pero nós, logo de pasaren os días dos pans sen fermento, embarcamos en Filipos, e en cinco días chegamos onde estaban eles en Troas, e quedamos alí sete días. 7 No primeiro día da semana cando estabamos reunidos para partir o pan, Paulo faláballes, pensando en marchar ao día seguinte, e estivo a explicar a palabra ata a medianoite. 8 Había moitas lámpadas no apousento alto onde estabamos reunidos. 9 E un mozo chamado Eutico estaba sentado na fiestra; e como Paulo seguíu a falar, foi caendo nun sono profundo, ata que, vencido polo sono, caeu dende o terceiro piso e recollérono morto. 10 Mais Paulo baixou e botouse sobre el, e despois de abrazalo dixo: -Non vos asustedes, porque el está vivo. 11 Subíu, e despois de partir o pan e de comer, conversou moito tempo con eles ata o amencer, e marchou. 12 E levaron o rapaz vivo e tiveron grande consolo. 13 Entón nós, adiantándonos, embarcamos rumbo a Asón, coa intención de recoller alí a Paulo, pois el dispuxérase a ir por terra. 14 Cando nos atopou en Asón, trouxémolo a bordo e dirixímonos a Mitilene. 15 E partindo de alí, ao día seguinte chegamos a Quío, e ao outro día atracamos en Samos; e ao día seguinte chegamos a Mileto. 16 Porque Paulo decidira facer escala en Éfeso para non perder tempo na Asia, xa que apuraba para estar en Xerusalém, se lle era posible, o día de Pentecostés. 17 Pero mandou recado a Éfeso dende Mileto e mandou chamar aos anciáns. 18 Cando chegaron onda el, díxolles: -Vós tamén sabedes como fun con vós todo este tempo, dende o primeiro día que estiven na Asia, 19 servindo ao Señor con toda humildade e con bágoas e con probas que me sobreviñeron por causa das maquinacións dos xudeus; 20 como non agochei nada que vos puidese ser útil e de ensinarvos publicamente e de casa en casa, 21 testificando solemnente, tanto a xudeus coma a gregos, do arrepentimento para con Deus e da fe no noso Señor Xesús Cristo. 22 E agora, velaí que, obrigado polo espírito, vou para Xerusalém, sen saber o que me acontecerá alá, 23 salvo que o Espirito Santo testifícame en cada cidade, dicindo que me agardan cadeas e aflicións. 24 Mais de ningún xeito estimo a miña vida como valiosa para min mesmo, a fin de poder terminar a miña carreira e o ministerio que recibín do Señor, para dar testemuño verdadeiro do evanxeo da graza de Deus. 25 E agora, velaí, eu sei que ningún de vós, entre os que andei predicando do reino, volverá ver o meu rostro. 26 Polo tanto, sodes testemuñas neste día de que son inocente do sangue de todos, 27 porque nunca rexeitei declararvos todo o propósito de Deus. 28 Tende coidado de vós e de todo o rabaño, no medio do que o Espírito Santo vos puxo como supervisores para pastorear a igrexa de Deus, que comprou co seu propio sangue. 29 Sei que despois da miña marcha, virán lobos feros entre vós que non perdoarán o rabaño, 30 e que de entre vós mesmos se levantarán algúns falando cousas perversas para arrastrar os discípulos tras deles. 31 Polo tanto, estade vixiantes, lembrando que por tres anos, noite e día, non parei de aconsellarvos a cada un con bágoas. 32 Agora encoméndovos a Deus e á palabra da súa graza, que é poderosa para edificarvos e darvos a herdanza entre todos os santificados. 33 Nunca codiciei prata nin ouro, ou a roupa de ninguén. 34 Vós sabedes que estas mans me serviron para cubrir as miñas propias necesidades e as dos que estaban comigo. 35 Amoseivos en todo que así, traballando, debedes axudar aos débiles e lembrar as palabras do Señor Xesús , que dixo: "Hai maior felicidade en dar que en recibir". 36 Cando rematou de falar, axeonllouse e orou por eles. 37 E comezaron a chorar desconsoladamente, e botábanse agarimosamente sobre el e bicábano, 38 especialmente aflixidos porque dixera que non volverían ver o seu rostro. E acompañárono ata o barco.