Capítulo 19

1 E aconteceu que mentres Apolos estaba en Corinto, Paulo, chegou a Éfeso logo de percorrer as rexións superiores, a atopou a algúns discípulos, 2 e díxolles: -Recibistes o Espírito Santo cando crestes? E eles responderon: -Nin sequera ouvimos se hai un Espírito Santo! 3 El díxolles: -En que bautismo foi que fostes bautizados? Eles responderon: -No bautismo de Xoán. 4 Entón Paulo dixo: -Xoán bautizou ao pobo co bautismo de arrepentimento, dicindo que creran no que viría despois del, é dicir, en Xesús. 5 Cando a xente escoitou isto, foron bautizados no nome do Señor Xesús. 6 E cando Paulo lles impuxo as mans, veu sobor deles o Espírito Santo, e falaban en linguas e profetizaban. 7 Eran en total uns doce homes. 8 Paulo entrou na sinagoga, e por tres meses falou con ousadía, discutindo e convencendo en torno ao reino de Deus. 9 Pero cando algúns deles se endureceron e tornaron desobedientes falando mal do Camiño diante da multitude, Paulo afastouse deles levando con el os discípulos, e razoaba a cotío na escola de Tirano. 10 Isto continuou por dous anos, de modo que todos os que vivían na Asia ouviron a palabra do Señor, tanto xudeus coma gregos. 11 E Deus facía milagres non comúns polas mans de Paulo, 12 de tal xeito que levaban os seus panos ou delantais aos doentes, e as enfermidades alonxábanse deles e os espíritos malignos saían. 13 Entón algúns xudeus, exorcistas ambulantes, procuraron invocar no nome do Señor Xesús sobre os que tiñan espíritus malignos, dicindo: -Ordénovos por Xesús, a quen Paulo predica! 14 E facían isto sete fillos dun tal Esceva, sumo sacerdote xudío. 15 Pero un espírito maligno respondeu e díxolles: -A Xesús coñezo, e sei quen é Paulo, pero, quen sodes vós? 16 E o home no que estaba o espírito maligno, botouse enriba deles, a dominounos e puido máis ca eles, de xeito que fuxiron daquela casa espidos e feridos. 17 E foi sabido isto por todos os habitantes de Éfeso, tanto xudeus coma gregos; e o temor apoderouse de todos eles, e o nome do Señor Xesús era engrandecido. 18 Tamén moitos dos que creran seguían vindo, confesando e declarando as súas prácticas. 19 Entón, moitos dos que practicaban as artes máxicas, xuntando os seus libros, prendéronlles lume diante de todos, e botando contas do seu valor, viron que eran como cincuenta mil moedas de prata. 20 E polo poder do Señor a palabra medraba e prevalecía. 21 Pasadas estas cousas, Paulo propúxose no seu espírito ir a Xerusalém logo de percorrer Macedonia e Acaia, dicindo: despois de que vaia alí, debo visitar tamén Roma. 22 E mandando a Macedonia a dous dos seus axudantes, Timoteo e Erasto, quedou el na Asia por algún tempo. 23 Por aquel entón, produciuse un albordo non pequeno por mor do Camiño. 24 Porque un prateiro chamado Demetrio, que facía santuarios de prata de Artemisa e daba non poucas ganancias aos artesáns, 25 xuntou a estes cos obreiros de oficios semellantes, e dixo: -Compañeiros, sabedes que a nosa prosperidade depende deste comercio. 26 E vedes e escoitades que non só en Éfeso, senón en case toda Asia, este Paulo convenceu a moitas persoas, e afastounas, dicindo que os deuses feitos coas mans non son deuses verdadeiros. 27 E non só corremos perigo de que o noso oficio caia en descrédito, senón tamén de que o templo da gran deusa Artemisa sexa considerado sen valor, e que ela, a quen adora toda a Asia e o mundo enteiro, sexa despoxada da súa grandeza. 28 Cando escoitaron isto, enchéronse de ira, e berraban, dicindo: -Grande é Artemisa dos efesios! 29 E a cidade encheuse de confusión, e lanzáronse a unha ao teatro e riparon a Gaio e a Aristarco, os compañeiros de Paulo, que eran da Macedonia. 30 Cando Paulo quixo presentarse ante o pobo, os discípulos non llelo permitiron. 31 Tamén algúns dos asiarcas, que eran amigos seus, enviaron a rogarlle que non se presentara no teatro. 32 Así que uns berraban unha cousa e outros outra, porque estaban tan aturullados, que a maioría non sabía nin para que se xuntaran. 33 E de entre a multitude, empurraron a Alexandre instruído polos xudeus, quen acenando coa man, quería facer a súa defensa diante da xente. 34 Pero cando caeron en conta de que era xudeu, berraron como por dúas horas: -Grande é Artemisa dos efesios! 35 Entón o secretario, logo de acougar a multitude, dixo: -Cidadáns de Éfeso, haberá alguén que non saiba que a cidade de Éfeso é gardiá do templo da gran Artemisa e da súa imaxe caída do ceo? 36 Xa que estes feitos son innegables, debedes acougar e non facer nada apuradamente. 37 Porque trouxestes a estes homes que nin rouban templos, nin blasfeman a nosa deusa. 38 Así pois, se Demetrio e os artesáns que están con el teñen queixa contra algún, os tribunais están abertos e os procónsules dispostos; presentade as vosas acusacións uns contra doutros. 39 E se solicitades algo máis, decidirase en asamblea lexítima. 40 Pois certamente corremos perigo de sermos acusados de sedición en relación ao acontecido hoxe, xa que non existe causa xustificada para isto, e non podemos explicar semellante rebumbio. 41 E dito isto, despediu a reunión.