Capítulo 17

1 Despois de pasar por Anfípolis e pola Apolonia, chegaron a Tesalónica, onde había unha sinagoga de xudeus. 2 E Paulo, segundo o seu costume, foi a eles e durante tres días de repouso discutiu con eles baseándose nas Escrituras, 3 explicando e presentando as evidencias de que era necesario que o Cristo padecera e fora resucitado de entre os mortos, dicindo: -Este Xesús, a quen eu vos anuncio, é o Mesías! 4 Algúns deles creron e uníronse a Paulo e a Silas, xuntamente cunha grande multitude de gregos temerosos de Deus e moitas mulleres importantes. 5 Mais os xudeus incrédulos, cheos de envexa, levaron a algúns homes malvados da praza pública, organizaron unha turba e axitaron a cidade, e, asaltando a casa de Iasón, procuraban levalos diante do pobo. 6 Pero ao non atopalos, arrastraron a Iasón e a algúns irmáns perante as autoridades da cidade, berrando: -Eses, que revolucionan o mundo, viñeron tamén aquí! 7 Iasón recibiunos, e van todos contra os decretos do César, dicindo que hai outro rei, Xesús. 8 E alborotaron a toda a multitude e ás autoridades da cidade que ouvían tal. 9 Mais despois de recibir unha fianza de Iasón e dos outros, soltáronos. 10 De seguida, pola noite, os irmáns enviaron a Paulo e Silas a Berea. Ao chegaren, foron á sinagoga dos xudeus. 11 Estes eran máis nobres que os de Tesalónica, pois recibiron a palabra con todo interese, profundizando diariamente nas Escrituras, para veren se estas cousas eran así. 12 Por iso, moitos deles creron, así como tamén moitos gregos, homes e mulleres notables. 13 Mais cando os xudeus de Tesalónica souberon que Paulo predicara a palabra de Deus tamén en Berea, foron para alá para axitar e alborozar ás multitudes. 14 Entón os irmáns mandaron a Paulo inmediatamente cara o mar; mais Silas e Timoteo quedaron alí. 15 Os que guiaban a Paulo levárono ata Atenas; e, despois de recibir a orde de que Silas e Timoteo se uniran a el o mais axiña posible, marcharon. 16 Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro ao ver a cidade chea de ídolos. 17 Así que discutía na sinagoga cos xudeus e cos xentís temerosos de Deus, e todos os días na praza do mercado cos que estivesen presentes. 18 Tamén discutían con el algúns dos filósofos epicúreos e estoicos. E algúns dicían: -Que quere dicir este linguateiro? E outros: -Semella un predicador de divinidades estrañas (porque lles predicaba de Xesús e a resurrección). 19 Colléronno e levárono ao Areópago, dicindo: -Podemos saber que é esta nova doutrina que proclamas? 20 Porque che escoitamos dicir cousas estrañas, e queremos saber que significan. 21 (Pois todos os atenienses e os estranxeiros que alí vivían pasaban o tempo falando ou escoitando as novidades). 22 Entón Paulo poñendose en pé no medio do Areópago, dixo: atenienses, vexo que sodes moi relixiosos en tódolos sentidos. 23 Porque mentres pasaba e observaba os vosos obxetos de culto, tamén atopei un altar con esta inscrición: ao Deus descoñecido. Pois o que vós adorades sen coñecer, é a quen eu vos anuncio. 24 O Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai, Señor do ceo e da terra, non habita en templos feitos pola man dos homes, 25 nin o serven mans humanas, coma se El precisase algo, posto que El dá vida a todos e alento e tódalas cousas. 26 E dun só fixo tódalas nacións do mundo para que habitasen toda a terra, e estableceu a orde dos tempos e os lindes dos seus territorios, 27 para que buscasen a Deus, e o atopasen dalgún xeito, aínda as apalpadas, xa que non está lonxe de ningún de nós; 28 porque por El vivimos, movémonos e existimos, tal e como dixo algún dos vosos poetas: porque nós tamén somos da súa linaxe. 29 Así que, sendo nós da linaxe de Deus, non debemos pensar que a natureza divina sexa semellante ao ouro, prata ou pedras esculpidas pola arte ou a imaxinación do home. 30 Polo tanto, pasando por alto os tempos da ignorancia, Deus advirte agora a tódalas persoas en todo lugar, que se arrepintan, 31 porque El estableceu un día no que xulgará o mundo con xustiza, por medio do Home que El escolleu, tendo presentado a todos a garantía de que iso vai acontecer ao resucitalo de entre os mortos. 32 Pero cando escoitaron da resurrección dos mortos, algúns burlábanse, mais outros dixeron: -Escoitarémoste outra vez sobre isto. 33 Entón Paulo saíu do medio deles. 34 Mais algúns xuntáronse con el e creron, entre os que estaba Dionisio o Aeropaxita, unha muller chamada Dámaris e outros máis.