Capítulo 16

1 Chegou tamén a Derbe e a Listra. E estaba alí certo discípulo de nome Timoteo, fillo dunha muller xudía crente, pero de pai grego, 2 do que falaban moi ben os irmáns que estaban en Listra e Iconio. 3 Paulo quixo que este fora con el, e colleuno e circuncidouno por mor dos xudeus que había naqueles lugares, porque todos eran coñecedores de que o seu pai era grego. 4 E mentres ían pasando polas vilas, facíanlles entrega dos acordos aos que chegaran os apóstolos e os anciáns que estaban en Xerusalém, a fin de que os obedeceran. 5 Deste modo eran confirmadas as igrexas na fe, e cada día medraban en número. 6 Sendo impedidos polo Espírito Santo de falaren a palabra na Asia, pasaron pola rexión de Frixia e Galacia, 7 e cando chegaron a Misia, procuraron ir a Bitinia, mais o Espírito de Xesús non llelo permitiu. 8 E pasando por Misia, baixaron a Troas. 9 Pola noitiña foille amosada unha visión a Paulo: un home de Macedonia estaba en pé, rogándolle e dicindo: pasa a Macedonia e axúdanos! 10 Cando tivo a visión, procuramos ir a Macedonia decontado, convencidos de que fora Deus quen nos chamara para levarlles as boas novas. 11 Partindo de Troas, navegamos dirección a Samotracia, e ao día seguinte a Neápolis, 12 de alí a Filipos, que é unha vila principal da provincia de Macedonia, unha colonia; e quedamos nesta vila por varios días. 13 E no día de repouso, saímos da porta para fóra, á beira dun río, onde pensabamos que habería un lugar de oración; e sentándonos falabámoslles ás mulleres que se xuntaran. 14 E unha muller da vila de Tiatira chamada Lidia, vendedora de tecidos de púrpura, que adoraba a Deus, estaba a escoitar; e o Señor abriulle o seu corazón para que atendera ao que Paulo dicía. 15 Cando ela e a súa familia, se bautizaron, rogóunos dicindo: -Se credes que son fiel ao Señor, achegádevos á miña casa e quedade alí. E convenceunos para ir. 16 E aconteceu que mentres iamos ao lugar de oración, saíu á nosa procura unha rapaza escrava que tiña espírito de adiviñación, e daba moitas ganancias aos seus amos, adiviñando. 17 Esta, seguindo a Paulo e a nós, berraba, dicindo: -Estes homes son servos do Deus Altísimo, os que vos anuncian o camiño da salvación. 18 E viña facendo isto por moitos días; mais cansando isto a Paulo, volveuse e díxolle ao espírito: -Ordénoche no nome de Xesús Cristo, que saias dela! E saíu nese mesmo intre. 19 Pero cando os seus amos viron que se lles fora a esperanza da súa ganancia, prenderon a Paulo e a Silas, a arrastráronos ata a praza, perante as autoridades; 20 e despois de presentalos aos maxistrados superiores, dixeron: -Estes homes, sendo xudeus, alborotan a nosa vila, 21 e anuncian costumes que non nos está permitido admitir nin praticar, sendo nós romanos. 22 A multitude levantouse en contra deles, e os maxistrados superiores, rachándolles as roupas, mandaron que os zorregaran. 23 E despois de darlles moitos golpes, botáronos no cárcere, mandándolle ao carcereiro, que os custodiara con seguridade; 24 ao recibir esta orde, botounos no calabozo e aseguroulles os pés no cepo. 25 Cara a medianoite, Paulo e Silas oraban e cantaban louvando con himnos a Deus, e os presos escoitábanos. 26 De súpeto, veu un terremoto, de xeito que os alicerces do cárcere foron sacudidos; ao momento abríronse tódalas portas, e soltáronse as cadeas de todos. 27 Espertando o carcereiro e vendo abertas todas as portas do cárcere, sacou a súa espada para matarse, pois cría que os presos fuxiran. 28 Mais Paulo clamou a gran voz dicindo: non te fagas mal algún, pois estamos todos aquí! 29 Entón el pediu luz, e adentrouse, e tremendo, botouse aos pés de Paulo e Silas, 30 e despois de sacalos, dixo: -Señores, que teño que facer para ser salvo? 31 Eles responderon: -Cre no Señor Xesús, e serás salvo, ti e mailos teus. 32 E faláronlle a palabra do Señor a el e a todos os que estaban na súa casa. 33 E el recibíndoos naquela mesma noite, lavoulles as feridas, axiña foi bautizado, el e todos os seus. 34 E fixo que subiran ao seu fogar, e convidounos a comer, a alegrouse moitísimo por ter crido en Deus xunto cos seus. 35 Ao amencer, os maxistrados superiores, mandaron os seus oficiais, dicindo: -Solta a eses homes. 36 O carcereiro comunicoulle a Paulo a mensaxe: -Os maxistrados superiores deron a orde de que se vos solte. Así que, saíde agora e ide en paz. 37 Mais Paulo díxolles: -Mesmo que sendo romanos, fomos azoutados diante da xente sen facernos xuízo e botándonos no cárcere; e agora vannos soltar en segredo? Diso nada! Que veñan eles a sacarnos! 38 E os oficiais informaron os maxistrados superiores, e ao saber que eran romanos, colleron medo. 39 Entón viñeron, e suplicáronlles, e despois de sacalos, rogábanlles que saíran da cidade. 40 Cando saíron do cárcere foron á casa de Lidia, e ao ver aos irmáns, consoláronos e partiron.