Capítulo 15

1 Pero algúns descenderon da Xudea e ensinaban aos irmáns: se non vos circuncidades conforme o rito de Moisés, non podedes ser salvos. 2 Isto provocou que Paulo e Bernabé discutiran e entraran en controversia contra deles, e dispuxeron que Paulo, Bernabé e algúns outros, subiran a Xerusalém para tratar esa cuestión cos apóstolos e os anciáns. 3 Así que, sendo mandados pola igrexa, pasaron pola Fenicia e Samaria, relatando polo miúdo a conversión dos xentís e causaban gran gozo a todos os irmáns. 4 Cando chegaron a Xerusalém, foron recibidos pola igrexa, os apóstolos e os anciáns e informaron de todo o que Deus fixera con eles. 5 Pero algúns da seita dos fariseos que creran levantáronse dicindo: -Cómpre circuncidalos e mandarlles que garden a lei de Moisés. 6 Entón os apóstolos e os anciáns reuníronse para examinar este asunto. 7 E despois de moito debate, Pedro levantouse e díxolles: -Irmáns, vós sabedes que nos primeiros días Deus me escolleu de entre vós para que pola miña boca os xentís oísen a palabra do evanxeo e creran. 8 E Deus, que coñece os corazóns, deu testemuño no seu favor dándolles o Espírito Santo, así como tamén nolo deu a nós; 9 e ningunha distinción fixo entre nós e eles, purificando pola fe os seus corazóns. 10 Agora pois, por que tentades a Deus poñendo sobre o pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós puidemos levar? 11 Cremos máis ben que somos salvos pola graza do Señor Xesús, do mesmo xeito que tamén o son eles. 12 Toda a multitude fixo silencio, e escoitaban a Bernabé e a Paulo, que relataban os sinais e prodixios que Deus fixera entre os xentís por medio deles. 13 Cando remataron de falar, Xacobe respondeu dicindo: -Escoitádeme, irmáns. 14 Simón relatou como Deus ao principio tivo a ben tomar de entre os xentís un pobo para o seu nome. 15 E con isto concordan as palabras dos profetas, tal e como está escrito: 16 "Despois disto volverei, e reedificarei o tabernáculo de David que caeu. E reedificarei as súas ruinas, e levantareino de novo, 17 Para que o resto das persoas busque o Señor, e todos os xentís que son chamados polo meu nome" 18 - di o Señor - que fai saber todo isto dende o principio. 19 Polo tanto, eu decido, que non amolemos os que de entre os xentís se converten a Deus, 20 senón que lles escribamos que se absteñan de cousas contaminadas polos ídolos, de fornicación, do esganado e do sangue. 21 Porque Moisés dende xeracións antigas ten en cada cidade aos que o proclaman, pois todos os días de repouso é lido nas sinagogas. 22 Entón pareceulle ben aos apóstolos e aos anciáns, con toda a igrexa, escoller de entre eles algúns homes para mandalos a Antioquía con Paulo e Bernabé: a Xudas, chamado Barsabás, e a Silas, homes prominentes entre os irmáns; 23 e escribiron da súa man: -Os apóstolos e os irmáns que son anciáns, aos irmáns na Antioquía, Siria e Cilicia, que son dos xentís, saúdos. 24 Xa que oímos que algúns dos nosos, aos que non autorizamos, inquietáronvos coas súas palabras, perturbando as vosas almas, 25 pareceunos ben, chegado a un común acordo, escoller algúns homes para mandalos a vós cos nosos amados Bernabé e Paulo, 26 homes que arriscaron a súa vida polo nome do noso Señor Xesús Cristo. 27 Polo tanto, mandamos a Xudas e a Silas, que tamén vos informaran das mesmas cousas en persoa. 28 Porque pareceu ben ao Espírito Santo e a nós non impoñervos maior carga que estas cousas esenciais: 29 que vos absteñades das cousas sacrificadas aos ídolos, do sangue, do esganado e de fornicación. Se vos gardades de tales cousas, ben faredes. Pasádeo ben! 30 Así que eles, despois de seren despedidos, descenderon a Antioquía; e reunindo a congregación, entregaron a carta; 31 e cando a leron, alegráronse moito polo consolo que lles producía. 32 Sendo Xudas e Silas tamén profetas, consolaron e confortaron aos irmáns con moitas palabras. 33 E despois de pasar alí algún tempo, foron despedidos en paz polos irmáns para volver a aqueles que os mandaran. 34 Pero a Silas pareceulle ben quedar alí. 35 Mais Paulo e Bernabé quedaron na Antioquía ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor. 36 Despois dalgúns días Paulo dixo a Bernabé: -Volvamos e visitemos os irmáns en tódalas cidades onde pregoamos a palabra do Señor para ver como están. 37 Bernabé quería levar tamén con eles a Xoán, chamado Marcos, 38 pero Paulo consideraba que non debían levar con eles a quen desistira na Panfilia e non os acompañara na obra. 39 Entón alporizáronse de tal xeito, que se separaron un do outro, e Bernabé tomou a Marcos con el e embarcaron cara a Chipre. 40 Mais Paulo escolleu a Silas e partiu, sendo encomendado polos irmáns á graza do Señor. 41 E viaxaba por Siria e Cilicia confirmando as igrexas.