Capítulo 14

1 Cando Paulo e Bernabé entraron xuntos na sinagoga de Iconio, falaron de tal xeito que creron moitos xudeus e, tamén, gregos. 2 Mais os xudeus que non crían, instigaron e corromperon os ánimos dos xentís contra dos irmáns. 3 Así e todo, botaron alí moito tempo falando con decisión, confiados no Señor que confirmaba a palabra da súa graza, concedéndolles que fixesen sinais milagrosos e prodixios por man deles. 4 Mais a xente da cidade estaba dividida: uns estaban cos xudeus e outros cos apóstolos. 5 Pero como xurdiu un intento por parte dos xentís e xudeus mailos seus gobernantes, para os maltratar e apedrar, 6 eles déronse conta e fuxiron a Licaonia, Listra e Derbe, e aos seus arredores, 7 e alí seguiron a proclamar o evanxeo. 8 En Listra había un home que estaba sentado, tolleito dos pés, coxo de nacimento, que nunca andivera. 9 Este home escoitaba falar a Paulo, que, mirándoo fixamente e vendo que tiña fe para ser sanado, 10 dixo en voz moi alta: -Érguete endereitando os teus pés! E el saltou e andou. 11 Cando a xente viu o que fixera Paulo, berraban na lingua licaónica: os deuses baixaron a nós en forma humana! 12 E chamábanlle Zeus a Bernabé e Hermes a Paulo, porque este era quen traía a palabra. 13 E o sacerdote de Zeus (do que o templo estaba nas aforas da cidade), trouxo touros e coroas ás portas e quería ofrecer sacrificios xuntamente coa multitude. 14 Mais cando os apóstolos Bernabé e Paulo ouvírono, rasgaron as súas roupas e lanzáronse no medio da multitude berrando 15 e dicindo: por que facedes estas cousas? Nós non somos máis ca homes iguais que vós, e anunciamos o evanxeo para que vos volvades destas cousas inútiles a un Deus vivo, que fixo o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, 16 que nos tempos pasados permitiu que todas as nacións seguisen os seus propios camiños. 17 E, porén, non deixou de dar testemuño de si mesmo, facendo ben e dándovos chuvias do ceo e tempos frutíferos, enchendo os vosos corazóns de mantenza e ledicia. 18 Aínda dicindo isto, apenas puideron impedir que as multitudes lle ofrecesen sacrificio. 19 Mais algúns xudeus da Antioquía e de Iconio viñeron e logo de persuadir á multitude, apedraron a Paulo e arrastrárono fóra da cidade pensando que estaba morto. 20 Pero, rodeándoo os discípulos, el ergueuse e entrou na cidade; e ao día seguinte marchou con Bernabé a Derbe. 21 E despois de anunciar o evanxeo naquela cidade e facer moitos discípulos, volveron a Listra, a Iconio e á Antioquía, 22 fortalecendo os ánimos dos discípulos, animándoos a perseverar na fe, e dicindo: cómpre que entremos no reino de Deus a través de moitas tribulacións. 23 Pero logo de designar anciáns en cada igrexa, tendo orado con xaxún, encomendáronos ao Señor en quen eles creran. 24 Pasaron por Pisidia e atravesaron a Panfilia. 25 E despois de predicar a palabra en Perxe, baixaron a Atalia; 26 e de alí embarcaron a Antioquía, onde foron encomendados pola graza de Deus para a obra que cumpriran. 27 Cando chegaron e reuniron á igrexa, informaron de todas as cousas que Deus fixera con eles, e de como abrira a porta da fe aos xentís. 28 E quedaron moito tempo cos discípulos.