1
Agora ben, na igrexa que estaba na Antioquía había profetas e mestres: Bernabé, Simón chamado Moreno, Lucio de Cirene, Manaén, que se criara con Herodes o tetrarca, e Saulo.
2
Mentres ministraban o Señor e facían xexún, o Espírito Santo dixo: -Apartádeme a Bernabé e a Saulo para o labor ao que os chamei.
3
Entón, logo de xaxuar, tendo orado e impostas as mans sobre eles, e deixáronos marchar.
4
Eles, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e de alí embarcaron cara Chipre.
5
Chegados a Salamina, anunciaban a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, e tiñan tamén a Xoán como axudante.
6
Percorrendo toda a illa ata Pafos, deron cun certo bruxo, xudeu, un falso profeta, chamado Barxesús,
7
que estaba co procónsul Serxio Paulo, home intelixente. Este fixo vir a Bernabé e a Saulo, e desexaba oír a palabra de Deus.
8
Pero Elimas, o mago (pois así se traduce o seu nome), facíalles oposición, tentando desviar da fe ao procónsul.
9
Entón Saulo, chamado tamén Paulo, cheo do Espírito Santo, postos os ollos nel,
10
dixo: -Ti, fillo do demo, que estás cheo de todo engano e fraude, inimigo de toda xustiza! Non deixarás de torcer os camiños dereitos do Señor?
11
Agora mira, a man do Señor está sobre ti, vas quedar cego e non verás o sol por algún tempo. De súpeto tebras e escuridade caeron sobre el, e ía na procura de quen o levara da man.
12
Entón o procónsul, vendo o que acontecera, creu, marabillado da ensinanza do Señor.
13
Paulo e os seus compañeiros partiron de Pafos, e chegaron a Perxe de Panfilia; mais Xoán, afastándose deles, volveu a Xerusalém,
14
pero eles, saíndo de Perxe, chegaron a Antioquía de Pisidia, e no día de repouso entraron na sinagoga e sentaron.
15
Despois da lectura da lei e os profetas, os principais da sinagoga dixéronlles: -Irmáns, se tendes algunha palabra de exhortación para o pobo, falade.
16
Entón Paulo, púxose en pé, e acougando á xente coa man, dixo: xentes de Israel, e vós que temedes a Deus, escoitade:
17
o Deus deste pobo Israel, escolleu aos nosos pais e engrandeceu ao pobo mentres estivo en Exipto, e sacouno de alí con brazo en alto.
18
E soportounos por corenta anos no deserto.
19
Despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, repartiu as súas terras en herdanza; como por catrocentos cincuenta anos.
20
E despois disto, deulles xuíces ata o profeta Samuel.
21
Entón eles pediron un rei, e Deus deulles a Saúl, fillo de Cis, da tribo de Benxamín, durante corenta anos.
22
Despois de quitalo, levantoulles por rei a David, de quen Deus tamén deu testemuña e dixo: -Atopei a David, fillo de Isaí, un home conforme o meu corazón, que fará toda a miña vontade.
23
Da súa descendencia, segundo á promesa, Deus deulle un Salvador a Israel, Xesús,
24
despois de que Xoán predicou, antes da súa vinda, un bautismo de arrepentimento a todo o pobo de Israel.
25
E cando Xoán estaba a piques de rematar a súa carreira, dicía: -Quen pensades que son eu? Eu non son o Cristo; pero velaquí vén tras de min un de quen non son digno de desatar as sandalias dos seus pés.
26
Irmáns, fillos da familia de Abraham, e os que de entre vós temedes a Deus: foinos enviada a nós a palabra de salvación.
27
Pois os que viven en Xerusalém e os seus gobernantes, sen recoñecelo a El nin as palabras dos profetas que se len todos os días de repouso, cumpriron estas escrituras, condenándoo.
28
E mesmo que non atoparon causa para darlle morte, pedíronlle a Pilato que o mandara matar.
29
E cando cumpriron todo o que estaba escrito sobre El, baixárono da cruz, e puxérono no sepulcro.
30
Pero Deus levantouno de entre os mortos;
31
e por moitos días aparecéuselles aos que subiran con El da Galilea a Xerusalém, os que agora son testemuñas ante o pobo.
32
E nós, anunciámosvos a boa nova de que a promesa que foi feita aos pais,
33
Deus cumpríunola a nós, seus fillos, resucitando a Xesús, como tamén está escrito no salmo segundo: "Ti es o meu Fillo; Eu enxendreite hoxe".
34
E que o levantou de entre os mortos para nunca máis volver a corrupción. Deus falou deste xeito: "Dareivos as misericordias e as fieis promesas feitas a David".
35
Por iso di tamén noutro salmo: "Non permitirás que o teu Santo vexa corrupción".
36
Porque David, despois de ter servido o propósito de Deus na súa propia xeración, durmiu, e foi sepultado cos seus pais, e viu corrupción.
37
Pero Aquel a quen Deus resucitou non viu corrupción.
38
Polo tanto, irmáns, sabede que por medio del, vos é anunciado o perdón dos pecados;
39
e que de todas as cousas das que non puidestes ser xustificados pola lei de Moisés, por medio del, todo o que cre é xustificado.
40
Procurade pois, que non veña sobre vós aquilo do que se fala nos profetas:
41
"Mirade, os que menosprezastes, marabilládevos e desaparecede; porque Eu fago unha obra nos vosos días, unha obra que se alguén vola contara non a creriades".
42
Saíndo Paulo e Bernabé, a xente rogáballes que o seguinte día de repouso lles falaran estas mesmas cousas.
43
E disolta a reunión da sinagoga, moitos dos xudeus e dos prosélitos temerosos de Deus seguiron a Paulo e a Bernabé, quen, falándolles, persuadíanos de permanecer fieis á graza de Deus.
44
O seguinte día de repouso reuníuse case toda a vila para oír a palabra do Señor.
45
Pero cando os xudeus viron a multitude de xente, enchéronse de envexa, e blasfemando, contradicían as palabras que Paulo dicía.
46
Entón Paulo e Bernabé falaron con afouteza e dixeron: -Era preciso que a palabra de Deus vos fora predicada primeiramente a vós, pero xa que a rexeitades e non vos considerades dignos da vida eterna, velaquí que nós volvemos aos xentís.
47
Porque así nolo mandou o Señor: "Púxente como luz para as nacións, para que leves a salvación ata os confíns da terra".
48
Escoitando os xentís estas cousas, estaban cheos de ledicia e glorificaban a palabra do Señor, e creron todos os que estaban dispostos á vida eterna.
49
E a palabra do Señor corría por toda a rexión.
50
Pero os xudeus incitaron a mulleres piadosas e distinguidas, e aos homes máis importantes da vila, e provocaron unha persecución en contra de Paulo e Bernabé, e botáronos da súa comarca.
51
Entón eles sacudiron o pó dos seus pés na súa contra, e marcharon a Iconio.
52
Pero os discípulos estaban continuamente cheos de gozo e do Espírito Santo.