1
Por aquel tempo o rei Herodes botou man dalgúns que pertencían á igrexa para os maltratar.
2
E fixo matar a espada a Xacobe, o irmán de Xoán.
3
E vendo que isto agradaba aos xudeus, fixo arrestar tamén a Pedro. Isto aconteceu durante os días dos pans sen lévedo.
4
E prendéndoo, púxoo no cárcere, entregándoo a catro piquetes de soldados para que o gardasen, coa intención de levalo diante do pobo despois da Pascua.
5
Así pois, Pedro era custodiado no cárcere, pero a igrexa facía oración fervente a Deus por el.
6
E esa noite, cando Herodes estaba a piques de sacalo, Pedro estaba a durmir entre dous soldados, amarrado con dúas cadeas; e uns gardas diante da porta custodiaban o cárcere.
7
E velaquí, aparecéuselle un anxo do Señor, e unha luz brillou na cela; e o anxo golpeou a Pedro no costado, e espertouno dicindo: -Érguete decontado! E as cadeas caeron das súas mans.
8
E o anxo díxolle: -Vístete e pon as sandalias. E así o fixo. E díxolle o anxo: -Envólvete no teu manto e sígueme.
9
E saíndo, seguíao, pero non entendía o que estaba acontecendo e que o anxo era real, senón cría estar vendo unha visión.
10
Cando pasaron a primeira e a segunda garda, chegaron á porta de ferro que leva á cidade, e abríuselle soa; e saíron e seguiron por unha rúa, e decontado o anxo afastouse del.
11
Cando Pedro volveu en si, dixo: -Agora sei en verdade que o Señor mandou ao seu anxo, e rescatoume da man de Herodes e de todo o que agardaba o pobo dos xudeus.
12
Ao decatarse disto, foi á casa de María, a nai de Xoán, chamado tamén Marcos, onde moitos estaban reunidos e oraban.
13
E cando chamou á porta da entrada, unha serventa chamada Rode saíu a ver quen era.
14
Ao recoñecer a voz de Pedro, da ledicia que sentiu, non abriu a porta, senón que correu dentro para dicirlles que Pedro estaba á porta.
15
E eles dixéronlle: -Estás tola! Pero ela insistía en que así era. E eles dicían: -É o seu anxo!
16
Mais Pedro continuaba chamando; e cando eles abriron, vírono e asombráronse.
17
E facéndolles sinal coa man para que gardasen silencio, contoulles como o Señor o sacara do cárcere. E díxolles: informade destas cousas a Xacobe e aos irmáns. Entón saíu, e foise a outro lugar.
18
Cando se fixo de día, houbo un rebumbio non pequeno entre os soldados sobre que sería de Pedro.
19
E Herodes, logo de buscalo e non atopalo, interrogou aos gardas e ordenou que os levasen para executalos. Despois descendeu da Xudea á Cesarea, e quedou alí por un tempo.
20
Herodes estaba moi anoxado cos de Tiro e Sidón; pero eles, de común acordo presentáronse diante del, e subornando a Blasto, camareiro do rei, pedían paz, pois o seu territorio era abastecido polo do rei.
21
E un día sinalado, Herodes, vestido con roupa real, sentou na tribuna e arengounos.
22
E a xente berraba: -Voz dun deus e non dun home é esta!
23
Ao instante un anxo do Señor feriuno, por non dar a gloria a Deus; e morreu comido polos vermes.
24
Pero a palabra do Señor medraba e multiplicábase.
25
E Bernabé e Saulo regresaron despois de cumprir a súa misión en Xerusalém, levando canda eles a Xoán, chamado tamén Marcos.