Capítulo 8

1 Despois disto, aconteceu que David derrotou os filisteos e someteunos, e David tomou a cidade das mans dos filisteos. 2 E derrotou tamén a Moab, e mediunos cun cordón facéndoos deitarse en terra: dous cordóns para darlles morte, e un cordón para deixalos vivir. E os moabitas foron servos de David, e pagaron tributos. 3 David tamén derrotou a Hadad-ezer, fillo de Rehob, rei de Soba, cando este ía restaurar o seu dominio na rexión do río Eufrates. 4 E David capturou mil setecentos homes de a cabalo e vinte mil homes de a pé; e David descabezou os cabalos dos carros, deixando só para cen carros. 5 E cando os sirios de Damasco viñeron axudar a Hadadezer, rei de Soba, David matou vinte e dous mil homes deles. 6 Entón David puxo postos de garda en Siria de Damasco, e os sirios foron servos de David, traéndolle tributos. E Iahveh ía con David onde queira que fora e dáballe a victoria. 7 E David colleu os escudos de ouro que tiñan os servos de Hadadezer, e tróuxoos a Xerusalém. 8 E de Beta e de Berotai, cidades de Hadadezer, o rei David colleu unha gran cantidade de bronce. 9 E cando Toi, rei de Hamat, escoitou que David derrotara a todo o exército de Hadadezer, 10 mandou o seu fillo Ioram ao rei David, para saudalo e darlle os parabéns porque Hadadezer pelexara con el e el o derrotara; pois Hadadezer era inimigo de Toi. E Ioram traía na súa man obxectos de prata, de ouro e de bronce, 11 que o rei David ofreceu a Iahveh , xunto coa prata e o ouro que tomara de tódalas nacións que conquistara: 12 de Aram e Moab, dos fillos de Amón, dos filisteos e de Amalec, e do botín de Hadadezer, fillo de Rehob, rei de Soba. 13 E David fíxose famoso cando volveu despois de derrotar a dezaoito mil sirios no val do Sal. 14 E puxo postos de garda en Edom, e todos os edomitas foron servos de David. E Iahveh daba a victoria a David onde queira que ía. 15 E David reinou sobre todo Israel, e administrou xustiza e xuízo a todo o seu pobo. 16 Ioab, fillo de Sarvia, era xefe do exército; e Iosafat, fillo de Ahilud, era o cronista; 17 Sadoc, fillo de Ahitob, e Ahimélec, fillo de Abiatar, eran os sacerdotes; e Seraías era o secretario; 18 Benaías, fillo de Iohada, estaba a cargo dos cereteos e peleteos; e os fillos de David eran os príncipes.