Capítulo 15

1 Despois disto aconteceu que Absalom fíxose con carros e cabalos, e cincuenta homes para correr diante del. 2 E Absalón erguíase moi cedo e poñíase á beira do camiño xunto á porta; e cando calquera que tiña un caso e viña ao rei para xuízo, Absalón chamábao e dicíalle: -De que cidade es? E el respondía: -O teu servo é dunha das tribos de Israel. 3 E Absalom dicíalle: -Mira, o teu caso é bo e xusto, pero non hai ninguén de parte do rei que te escoite. 4 E dicía tamén Absalom: -Que bo sería que me fixesen xuíz na terra! Entón toda persoa que tivese un litixio ou causa viría a min e eu faríalle xustiza. 5 E acontecía que cando algún se achegaba para prostrarse diante del, el estendía a súa man, levantábao e bicábao. 6 E así facía Absalom con todos os israelitas que viñan ao rei para xuízo, e deste xeito roubaba Absalom o corazón dos homes de Israel. 7 E sucedeu que ao cabo de catro anos, Absalom dixo ao rei: -Rógoche que me deixes ir a Hebrón para cumprir o meu voto que fixen a Iahveh. 8 Pois o teu servo fixo un voto cando vivía en Guesur de Aram, dicindo: se Iahveh me fai volver a Xerusalém, entón servirei a Iahveh. 9 E o rei díxolle: -Vai en paz. E el levantouse e foi a Hebrón. 10 Mais Absalón mandou espías por todas as tribos de Israel, dicindo: -Cando escoitedes o son da trompeta, diredes: Absalón reina en Hebrón! 11 E con Absalom ían douscentos homes de Xerusalém, convidados, pero ían inxenuamente, sen saber nada. 12 E Absalón mandou chamar a Ahitofel o guilonita, conselleiro de David, dende a súa cidade de Guilo, ao tempo que ofrecía os sacrificios. E a conspiración ía fortalecéndose pois os seguidores de Absalón ían medrando entre o pobo. 13 Entón chegou un mensaxeiro a David, dicindo: -O corazón dos homes de Israel está con Absalom. 14 Entón David dixo a todos os seus servos que estaban con el en Xerusalém: -Erguédevos, temos que fuxir, porque non haberá escapatoria para ningún de nós por causa de Absalón! Apurádevos, non sexa que nos alcance axiña e traia maldade sobre nós e ataque a cidade a fío de espada! 15 E os servos do rei dixéronlle: -Velaquí, os teus servos están preparados para facer todo o que o noso señor o rei desexe! 16 Saíu, entón, o rei e toda a súa casa con el, e o rei deixou dez concubinas para coidar a casa. 17 Saíu, pois, o rei e todo o pobo con el, e pararon en Bet-Merhak. 18 E todos os seus servos pasaron a carón del, todos os cereteos e peleteos e todos os gueteos, os seiscentos homes que viñeran con el dende Gat; e todos eles pasaron diante do rei. 19 Entón o rei dixo a Itai o geteo: -Por que ves ti tamén connosco? Volve e queda co rei, pois es un estranxeiro e tamén un exiliado. Volve á túa terra. 20 Chegaches onte, e hei facer que andes hoxe connosco mentres eu vou onde queira ir? Volve e leva de volta a teus irmáns, que a misericordia e a fidelidade sexan contigo. 21 Pero Itai respondeu ao rei, e dixo: -Como vive Iahveh e como vive meu señor o rei que, en verdade, onde estea meu señor o rei, sexa para morte ou para vida, alí tamén estará o teu servo! 22 Entón David dixo a Itai: -Vai e pasa adiante! E Itai o gueteo pasou con todos os seus homes e con todos os mozos que estaban con el. 23 E todo o país choraba a gran voz cando todo o pobo cruzou. E o rei cruzou o arroio de Cedrom, e todo o pobo cruzou cara o deserto. 24 E velaí, Sadoc tamén cruzou, e con el todos os levitas que levaban a arca do pacto de Deus; e puxeron a arca de Deus en terra, e subíu Abiatar cando rematou de pasar todo o pobo que saía da cidade. 25 Entón o rei dixo a Sadoc: -Volve a arca de Deus á cidade; se atopo graza ante os ollos de Iahveh, fará que volva e me fará ver a arca e a súa morada. 26 Pero se El dixera: Non me comprazo en ti! Aquí estou; que faga comigo o que ben lle pareza. 27 E o rei dixo tamén ao sacerdote Sadoc: -Non es ti o vidente? Volve á cidade en paz, e con vós os vosos dous fillos, Ahimaas, o teu, e Xonatán, fillo de Abiatar. 28 Ollade, eu detereime nos vados do deserto ata que veña palabra da vosa parte para me informar. 29 Entón Sadoc e Abiatar levaron de volta a arca de Deus a Xerusalém, e quedaron alí. 30 E David subiu a costa do Monte das Oliveiras, chorando mentres ía, coa cabeza cuberta e descalzo; e todo o pobo que ía con el cubrira cadansúa cabeza e ían chorando mentres subían. 31 E alguén fíxolle saber a David, dicindo: -Ahitofel está entre os conspiradores xunto con Absalom. E David dixo: -Ai Señor, rógoche que fagas necio o consello de Ahitofel! 32 E aconteceu que cando David se achegou ao cumio onde se adoraba a Deus, velaí que Husai o arquita saíu ao seu encontro co seu manto rachado e pó sobre a súa cabeza. 33 E David díxolle: -Se pasas comigo, serás unha carga para min; 34 Pero se volves á cidade e lle dis a Absalón: -Serei o teu servo, rei; como fun servo do teu pai no pasado, así serei agora o teu servo, entón poderás anular o consello de Ahitofel no meu favor. 35 E non están alí contigo Sadoc e Abiatar, os sacerdotes? Polo tanto, todo o que escoites da casa do rei, halo informar aos sacerdotes Sadoc e Abiatar. 36 Velaí, os seus dous fillos están alí con eles, Ahimaas, fillo de Sadoc, e Xonatan, fillo de Abiatar; e por medio deles mandarasme todo o que escoites. 37 E Husaí, amigo de David, entrou na cidade cando Absalón entrou en Xerusalém.