Capítulo 12

1 E Iahveh mandou a Natán a David, e foi diante del e díxolle: -Había dous homes nunha cidade, un rico e o outro pobre. 2 O home rico tiña grandes rabaños de ovellas e vacas. 3 Pero o home pobre non tiña máis ca unha pequena ovella que mercara e que criara, e esta medraba con el e cos seus fillos. Comía da súa comida e bebía da súa copa e durmía no seu peito e era coma unha filla para el. 4 Pero chegou un viaxeiro diante do home rico, e este non quixo tomar das súas ovellas nin das súas vacas para preparar o alimento para o viaxeiro que viñera a el, senón que colleu a pequena ovella do home pobre e guisouna para o home que viñera a el. 5 Entón acendeuse a ira de David contra o home, e díxolle a Natán: -Como vive Iahveh, certamente o home que fixo isto merece morrer! 6 E ha pagar catro veces máis pola ovella, porque fixo isto e non tivo compaixón. 7 Entón Natán díxolle a David: -Ti es ese home! Así di Iahveh, Deus de Israel: Eu unxínte rei sobre Israel e rescateite da man de Saúl. 8 eEentreguei na túa custodia a casa do teu señor e as mulleres do teu señor, e deiche a casa de Israel e de Xudá; e se iso non fora suficiente, teríache engadido moito máis. 9 Por que desprezaches a palabra de Iahveh, facendo o malo aos seus ollos? Mataches a espada a Urías o hitita, e tomaches a súa muller para que fose a túa muller; e asasináchelo coa espada dos amonitas. 10 Agora pois, a espada non se afastará da túa casa para sempre, porque me desprezaches e tomaches a muller de Urías o hitita para que fose a túa muller. 11 Así di Iahveh: "Velaquí, levanto contra ti maldade dende a túa propia casa; e tomarei as túas mulleres diante dos teus ollos e dareinas ao teu compañeiro, e el deitarase coas túas mulleres a luz do día. 12 En verdade ti fixéchelo en segredo, pero Eu farei isto diante de todo Israel e á luz do sol. 13 Entón David dixo a Natán: -Pequei contra Iahveh! E Natán díxolle a David: - Iahveh perdoa o teu pecado; non morrerás. 14 Con todo, por canto blasfemaches grandemente contra Iahveh neste asunto, o fillo que che naceu morrerá. 15 E Natán volveu á súa casa. E Iahveh feriu o neno que a viúva de Urías lle dera a David, e púsoxe moi grave. 16 David orou a Deus polo neno, xaxuou, retiruose, e pasou a noite deitado no chan. 17 E os anciáns da súa casa achegáronse a el para levantalo do chan, pero el non quixo, e non comeu pan con eles. 18 E aconteceu que morreu o neno ao sétimo día. E os servos de David tiñan medo de lle dicir que o neno morrera, pois dicían: mira, cando o neno estaba vivo, falamos con el e non nos escoitou. Canto mais non se aflixirá se lle decimos que o neno morreu? 19 Pero cando David viu que os seus servos murmuraban entre si, entendeu que o neno morrera; e dixo aos seus servos: - Morreu o neno? E eles dixeron: -Está morto. 20 Entón David ergueuse do chan, lavouse e unxiuse e mudou de roupa; e entrou na casa de Iahveh e adorou. Despois veu á súa casa e pediu que lle puxeran comida diante e comeu. 21 Entón os seus servos dixéronlle: -Que é isto que fixeches? Mentres vivía o neno, xaxuaches e choraches; e cando morreu o neno, erguécheste e comiches pan. 22 E el respondeu: -Mentres vivía o neno, xaxuaba e choraba, porque pensaba: quen sabe se Iahveh terá compaixón de min e o neno vivirá? 23 Pero agora que morreu, por que xaxuar? Poderei facelo volver? Eu irei a el, pero el non volverá a min. 24 Entón David consolou a Betsabé, a súa muller, e veu a ela e deitouse con ela; e ela deu a luz un fillo e chamouno Salomón. E Iahveh amouno. 25 E mandou mensaxe por medio do profeta Natán, e chamouno Iedidías, por mor de Iahveh. 26 Entón Ioab atacou a Rabá dos amonitas e capturou a cidade real. 27 E Ioab mandou mensaxeiros a David, e dixo: -Loitei contra Rabá e tamén tomei a cidade das augas. 28 Agora pois, xunta o resto do pobo, e acampa contra a cidade e toma a cidade, non sexa que eu tome a cidade e sexa chamada polo meu nome. 29 Entón David reuniu a todo o pobo e foi a Rabá, e loitou contra ela e conquistouna. 30 E quitou a coroa da cabeza do seu rei, que pesaba un talento de ouro e tiña unha pedra preciosa, e púxoa sobre a cabeza de David. E sacou da cidade un botín moi grande. 31 Tamén sacou a xente que había nela e obligouna a traballar con serras, picos de ferro e machados, e fíxoos ir aos fornos de ladrillos. Así fixo con todas as cidades dos amonitas. Entón David volveu con todo o pobo a Xerusalém.