Capítulo 8

1 E Eliseo faláralle á muller cuxo fillo resucitara, dicindo: -Érguete, e vai ti e mailos teus, a residir onde sexa posible, porque Iahveh chamou á fame, a que virá tamén sobre esta terra por sete anos. 2 Entón a muller ergueuse e fixo tal como lle dixera o home de Deus; e foi coa súa familia e peregrinou a terra dos filisteos por sete anos. 3 E sucedeu que ao cabo de sete anos a muller volveu da terra dos filisteos; e saíu ao rei para rogar pola súa casa e polas súas terras. 4 E o rei estaba a falar con Guiezi, servo do home de Deus, dicindo: -Rógoche que me contes tódalas marabillas que fai Eliseo. 5 E sucedeu que estando el a contarlle ao rei como resucitara a un morto, velaí que a muller á que el resucitara o seu fillo chegou a implorar ao rei pola súa casa e as súas terras. Entón Guiezi dixo: -Meu señor o rei, esta é a muller e este é o seu fillo a quen Eliseo resucitou. 6 E o rei preguntou á muller, e ela contoulle. Entón o rei ordenou a un oficial, dicindo: -Devólvelle*Restitúelle? todo o que era seu, e todos os froitos da súa terra dende o día que deixou o país ata agora. 7 Eliseo foi a Damasco. E Ben-hadad, rei de Siria, estaba doente, e avisárono a el, dicindo: -O home de Deus chegou aquí. 8 Entón o rei dixo a Hazael: -Toma un regalo na túa man, e vai a recibir ao home de Deus, e consulta a Iahveh por medio del, dicindo: sandarei desta doenza? 9 Colleu, entón, Hazael un regalo co mellor da riqueza de Damasco, unha carga de corenta camelos, e foi ao seu encontro, e ao chegar púxose diante del, e dixo: -O teu fillo Ben-hadad, rei de Siria, mandoume a ti, dicindo: sandarei desta doenza? 10 E Eliseo díxolle: -Vai, dicídelle: certamente sanarás; aínda que Iahveh amosoume que certamente morrerá. 11 E o home de Deus mirouno fixamente ata que el quedou avergoñado; e o home de Deus comezou a chorar. 12 E Hazael díxolle: -Por que chora o meu señor? E el respondeu: -Porque sei do mal que farás aos fillos de Israel: prenderás lume ás súas fortalezas, matarás os seus mozos con espada, esnaquizarás os seus meniños e abrirás os ventres das súas mulleres embarazadas. 13 E Hazael dixo: -Pois, que é o teu servo, este can, para que faga tantas cousas? E Eliseo respondeu: - Iahveh amosoume que ti serás rei de Siria. 14 Entón Hazael foi e chegou ao seu señor, e este díxolle: -Que che dixo Eliseo? E el respondeulle: -Díxome que certamente sanarás. 15 Pero ao amencer, colleu un cobertor e empapouno de auga, e púxoo sobre a cara de Ben-hadad, e morreu; e Hazael reinou no seu lugar. 16 No quinto ano de Ioram, fillo de Acab, rei de Israel, e sendo Iosafat rei de Xudá, comezou a reinar Ioram, fillo de Iosafat, rei de Xudá. 17 Tiña trinta e dous anos cando comezou a reinar, e reinou oito anos en Xerusalém. 18 E andou no camiño dos reis de Israel, como fixo a casa de Acab, porque a súa muller era filla de Acab; e fixo o malo aos ollos de Iahveh. 19 Con todo isto, Iahveh non quixo destruír a Xudá, por amor do seu servo David, porque lle prometera darlle unha lámpada a el e aos seus fillos para sempre. 20 Nos seus días Edom rebelouse contra o dominio de Xudá, e fixeron que un rei gobernase sobre eles. 21 Entón Ioram avanzou ata Zair con todos os seus carros; e de noite ergueuse e atacou aos edomitas que o tiñan sitiado xunto aos capitáns dos carros; e o pobo fuxiu ás súas tendas. 22 Pero Edom seguiu en rebelión contra a autoridade de Xudá, ata hoxe. No mesmo tempo Libna tamén se rebelou contra el. 23 O resto dos feitos de Ioram e todo o que fixo, non está escrito no libro das crónicas dos reis de Xudá? 24 E Ioram durmiu cos seus pais, e foi sepultado con eles na Cidade de David; e o seu fillo Ocozías reinou no seu lugar. 25 No ano doce de Ioram, fillo de Acab, rei de Israel, Ocozías, fillo de Ioram, rei de Xudá, comezou a reinar. 26 Ocozías tiña vinte e dous anos cando comezou a reinar, e reinou un ano en Xerusalém. A súa nai chamábase Atalía, filla de Omri, rei de Israel. 27 E andou no camiño da casa de Acab, e fixo o que era malo aos ollos de Iahveh como a casa de Acab, porque era xenro da casa de Acab. 28 E xunto con Ioram, fillo de Acab, foi á guerra a Ramot de Galaad, contra Hazael, rei de Siria; e os sirios venceron a Ioram. 29 E o rei Ioram volveu a Iezreel para ser curado das feridas que os sirios lle fixeron fronte a Ramot, cando loitou contra Hazael, rei de Siria. E Ocozías, fillo de Ioram, rei de Xudá, baixou a Iezreel para ver a Ioram, fillo de Acab, porque estaba doente.