Capítulo 10

1 Achb tiña en Samaria setenta fillos; e Iehú escribiu cartas e mandounas a Samaria aos príncipes de Iezreel, os anciáns e os titores dos fillos de Acab, dicindo: 2 Cando cheguen a vós estas cartas, xa que os fillos do voso señor están convosco, e tendes carros e cabalos, e tamén cidades fortificadas e armas, 3 elixide o mellor e o máis honesto dos fillos do voso señor, e poñédeo no trono de seu pai, e loitade pola casa do voso señor. 4 Pero eles tiveron moito medo pois dicían: -Velaquí, dous reis non o puideron resistir, como o faremos nós? 5 E o que estaba a cargo do palacio, e o que estaba sobre a cidade, e os anciáns e os titores, mandaron mensaxe a Iehú, dicindo: -Somos os teus servos, e faremos todo o que nos digas! Non escolleremos a ninguén por rei; fai o que mellor che pareza a ti. 6 Entón el escribiulles por segunda vez, dicindo: -Se estades ao meu lado e me obedecedes, collede as cabezas dos fillos do voso señor, e vinde a min a Iezreel mañá por esta hora. E os fillos do rei (que eran setenta homes) estaban cos principais da cidade que os educaban. 7 Cando as cartas lles chegaron, colleron os fillos do rei e matáronos (setenta homes) e poñendo as súas cabezas en cestas, mandáronos a Iezreel. 8 E chegou un mensaxeiro que lle anunciou, dicindo: -Trouxeron as cabezas dos fillos do rei! E el díxolle: -Poñédeas en dous montóns na entrada da porta ata mañá. 9 Ao mencer, el saíu e púxose en pé e díxolle a todo o pobo: - Vos sodes xustos, pois eu conspirei contra o meu señor e mateino, pero quen matou a todos estes? 10 Sabede agora que non caerá en terra ningunha palabra que Iahveh falou sobre a casa de Acab; porque Iahveh fixo todo o que dixera por medio do seu servo Elías. 11 E matou Iehú a todos os que quedaran da casa de Acab en Iezréel, a tódolos seus príncipes, os seus amigos, e os seus sacerdotes, ata non deixar ninguén. 12 Máis tarde, levantouse de alí saíu para Samaria; e no camiño chegou á casa dos pastores que tosquiaban. 13 Iehú atopou alí os irmáns de Ocozías, rei de Xudá, e díxolles: -Quen vides sendo? E eles dixeron: -Somos irmáns de Ocozías, e viñemos para saudar os fillos do rei e os fillos da raíña. 14 Entón el ordenou: -Collédeos vivos! E prendéronos vivos e degoláronos xunto ao pozo da casa de Esquileo, corenta e dous homes, sen deixar a ningún deles. 15 Foise de alí e atopouse con Ionadab, fillo de Recab, que saía ao seu encontro, e despois de saudalo, díxolle: -É recto o teu corazón como o meu corazón é recto co teu? E Ionadab dixo: -É así. Entón engadiu: se é así, dáme a túa man. E el deulle a man, e fíxoo subir ao carro. 16 E díxolle: -Ven comigo e mira o meu celo por Iahveh. E puxérono no seu carro. 17 E aconteceu que cando Iehú chegou a Samaria, matou a todos os que quedaran de Acab en Samaria, ata acabar con toda a familia, conforme a palabra de Iahveh que falara por medio de Elías. 18 Entón Iehú reuniu a todo o pobo e díxolles: -Acab serviu pouco a Baal, pero Iehú servirao moito. 19 Chamade, pois, a todos os profetas de Baal, a tódolos seus servos e a tódolos seus sacerdotes; que non falte ningún, porque teño un gran sacrificio para Baal; o que falte, non sobrevivirá. Isto fixo Iehú con astucia para exterminar os servidores de Baal. 20 E dixo Iehú: - Proclamade unha asemblea solemne para Baal! E eles convocérona. 21 E Iehú mandou por todo Israel, e viñeron todos os servidores de Baal, non houbo un que non viñera. E entraron no templo de Baal, e o templo de Baal encheuse dun lado a outro. 22 Entón díxolle ao que estaba a cargo da roupa: - Traede roupas para todos os servos de Baal! E el tróuxolles vestiduras para todos. 23 Entón Iehú entrou na casa de Baal con Ionadab, fillo de Recab, e díxolles aos adoradores de Baal: -Mirade ben para que non haxa aquí con vós ningún dos servos de Iahveh, senón só os servos de Baal. 24 E cando eles entraron para ofrecer os sacrificios e os holocaustos, Iehú puxo fóra oitenta homes, e díxolles: -O que deixe fuxir a un destes homes que puxen nas vosas mans, pagará por el coa súa vida. 25 E sucedeu que cando remataron de ofrecer o holocausto, Iehú dixo aos seus gardas e aos oficiais: - Entrade e matádeos; non deixedes que ninguén saia! E matáronos a espada; e os gardas reais e os capitáns arroxáronos fóra. Máis tarde avanzaron ata o santuario da casa de Baal, 26 e sacaron os ídolos do templo de Baal e queimáronos. 27 E destruíron a estatua de Baal e derrubaron o templo de Baal, e convertérona en esterqueira ata hoxe. 28 Deste xeito estirpou Iehú a Baal de Israel. 29 Con todo isto, Iehú non se afastou dos pecados de Ieroboam, fillo de Nebat, quen fixo pecar a Israel; é dicir, dos becerros de ouro que estaban en Betel e en Dan. 30 E Iahveh dixo a Iehú: -Porque fixeches ben en facer o que é recto aos meus ollos, e fixeches á casa de Acab conforme todo o que había no meu corazón, os teus fillos sentarán no trono de Israel ata a cuarta xeración. 31 Mais Iehú non tivo coidado de andar na lei de Iahveh, o Deus de Israel, con todo o seu corazón; nin se afastou dos pecados de Ieroboam, cos que fixera pecar a Israel. 32 Naqueles días Iahveh comezou a minguar o territorio de Israel; e Hazael atacounos en tódolos seus confíns, 33 dende o Xordán ata o oriente, toda a terra de Galaad, de Gad, de Rubén e de Manasés, dende Aroer que está xunto ao arroio de Arnon, ata Galaad e Basán; 34 E o resto dos feitos de Iehú, e todo o que fixo e todas as súas fazañas, non están escritas no libro das crónicas dos reis de Israel? 35 E Iehú durmiu cos seus pais, e foi sepultado en Samaria; e o seu fillo Ioacaz reinou no seu lugar. 36 O tempo que Iehú reinou sobre Israel en Samaria foi de vinte e oito anos.