Capítulo 12

1 Na verdade, gabarse non é doado, aínda que é necesario, falarei entón das visións e revelacións do Señor. 2 Sei dun home en Cristo, que hai catorce anos (se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei) foi arrebatado ata o terceiro ceo. 3 E eu sei que ese home (se no corpo ou fóra do corpo, non o sei, só Deus o sabe), 4 foi arrebatado ata o paraíso, e escoitou palabras indescritibles que ninguén pode expresar. 5 Do tal presumirei, pero de min mesmo non me gabarei senón das miñas fraquezas. 6 Aínda que se quixera presumir, non sería un insensato, pois diría a verdade, pero non o fago para que ninguén me considere por riba do que ve en min ou escoita de min, 7 a pesar da grandeza das revelacións. Polo tanto, para que non me ensoberbeza, foime dado un aguillón na carne, un emisario de Satanás que me dá sopapos, para que non me volva orgulloso. 8 Por tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min; 9 e El díxome: "abonda coa miña graza, porque o meu poder perfecciónase na debilidade". Daquela, presumirei con gusto das miñas debilidades, para que se vexa en min o poder de Cristo. 10 Por el síntome feliz nas debilidades, nas afrontas, nas necesidades, nas persecucións, nas angustias por mor de Cristo, porque cando estou feble, entón son forte. 11 Vós obrigástesme a ser un insensato! Pois eu era quen debía ser admirado por vós, porque non fun menos que aqueles grandes apóstolos en nada do que fixen, aínda que nada son. 12 En verdade, os sinais de apóstolo foron feitos entre vós con toda paciencia, milagres e prodixios, e con poderes sobrenaturais. 13 Porque, que cousa hai na que forades inferiores ás demais igrexas, senón en que eu mesmo non vos fun unha carga? Perdoádeme a aldraxe! 14 Ollade, estou preparado para ir por terceira vez onda vós, e non serei unha carga, porque non busco o que tendes, senón a vós mesmos; porque os fillos non están na obriga de manter aos pais, senón os pais aos fillos. 15 Pero eu, con gran ledicia gastarei todo o que teño, e mesmo me desgastarei polas vosas almas, aínda que amándovos máis, vós me queirades menos. 16 Pero aínda admitindo que fun unha carga para vós, remataredes dicindo que eu vos enganei sendo astuto. 17 Acaso vos enganei por medio dalgún que vos mandei? 18 Pedinlle a Tito que fora, e con el mandei ao noso irmán. Será que Tito vos enganou? Non procedemos co mesmo espírito e seguimos os mesmos pasos? 19 Durante todo este tempo, pensastes que nos defendiamos diante de vós, pero de feito, é diante de Deus que falamos en Cristo, e todo, amados, para a vosa edificación. 20 Pero témome que cando vaia, non vos atope como agardo, e tampouco eu apareza diante vosa como desexades; temo que atope (non querendo de xeito ningún) liortas, envexas, ambicións egoístas, difamacións, murmuracións, soberbias, desordes, 21 que cando vaia a próxima vez, Deus me humille diante de vós e teña que chorar por moitos dos que pecaron e non se arrepentiron da impureza, da inmoralidade, e da indecencia na que viviron.