Capítulo 11

1 Desexaría que aturásedes un pouco da miña tolería! Aturádeme, veña! 2 Pois sinto celos de vós, os celos de Deus porque vos desposei cun só marido para presentarvos coma unha virxe pura diante do Mesías. 3 Pero temo que como a serpe enganou a Eva coa súa astucia, do mesmo modo sexan desviados os vosos pensamentos da sinceridade que hai en Cristo, 4 porque en verdade, se alguén vén proclamando a outro Xesús que non predicamos, ou recibides un espírito diferente do que recibistes, ou un evanxeo distinto do que aceptastes, ben o aturades. 5 Creo que en nada fun menos que os apóstolos máis salientables, 6 pois aínda que sexa curto no modo de expresarme, non o son no coñecemento, e en todo o que vos demostramos en tódalas cousas. 7 Ou pequei humillándome para que vós fósedes admirados, porque vos anunciei de balde o evanxeo de Deus? 8 Despoxei a outras igrexas recibindo un soldo para servirvos a vosoutros. 9 E estando convosco, cando pasei apretos, non fun unha carga para ninguén, porque os irmáns que viñeron da Macedonia déronme o que me faltaba, e en todo me gardei e gardareime de ser unha carga para vós. 10 É unha verdade de Cristo en min, que esta gloria non ma vai quitar ninguén nas rexións da Acaia. 11 Por que? Porque non vos amo? Ben o sabe Deus! 12 Pero aquilo que fago, seguireino a facer co fin de privar a aqueles que procuran un pretexto para seren recoñecidos como iguais a nós naquilo no que se glorían. 13 Os tales son falsos apóstolos, obreiros trampóns, disfrazados de apóstolos de Cristo. 14 E non é de estrañar, porque o mesmo Satanás disfrázase de anxo de luz. 15 Non é por demais que os seus servidores se disfracen coma ministros de xustiza, mais o fin deles será conforme ás súas obras. 16 Outra vez vos anuncio: ninguén me teña por aloucado, pero de non ser así, polo menos soportádeme coma a un insensato, para que tamén poida gabarme un pouco. 17 O que estou dicindo, non o fago segundo o Señor, senón coma se fose louco, coa confianza de ter algo de que presumir. 18 Dado que moitos se gaban na carne, eu tamén o farei. 19 Porque de boa gana tolerades os necios, créndovos tan sensatos. 20 Soportades se vos escravizan, se vos explotan, e se aproveitan de vós, se vos tratan con arrogancia e aínda se vos dan labazadas. 21 Para a miña propia vergoña teño que dicilo, que nós fomos febles; pero naquilo que outro poida atreverse (dígoo coma un insensato) eu tamén ousarei facelo. 22 Son hebreos? Eu tamén. Son israelitas? Eu tamén. Son descendentes de Abraham? Eu tamén. 23 Son servidores do Mesías? (Estou falando coma se perdera o xuízo). Eu máis: en traballos, e moito máis en cadeas, moito máis en malleiras e perigros de morte en moitas ocasións. 24 Dos xudeus cinco veces recibín corenta azoutes menos un. 25 Déronme unha malleira con varas tres veces distintas; unha vez apedrado; naufraguei tres veces chegando a estar unha noite e un día no máis profundo do mar; 26 nas moitas viaxes, en perigos de ríos, a mans de ladróns, en perigos cos da miña nación, en perigos dos xentís, perigos na cidade, perigos no deserto, perigos no mar, perigos entre falsos irmáns; 27 en traballos e fatigado, moitas noites en vela; con fame e sede; xaxuando, unha vez tras outra; con frío e sen roupa. 28 Ademais das cousas externas, o que sobre min medra cada día: a preocupación por tódalas igrexas. 29 Quen enferma, e non enfermo eu tamén? Quen é tentado a pecar e eu non sinto que me estou queimando de angustia? 30 Se é bo gabarse, eu presumirei das miñas fraquezas. 31 O Deus e Pai do Señor Xesús, quen é bendito por sempre, sabe que non minto. 32 En Damasco, o gobernador do rei Aretas vixiaba a cidade dos damascenos para me prender, 33 e descolgáronme metido nun canastro dende unha fiestra no muro, e fuxín das súas mans.