Capítulo 29

1 Ezequías tiña vinte e cinco anos de idade cando comezou a reinar, e reinou vinte e nove anos en Xerusalém. A súa nai chamábase Abías, filla de Zacarías. 2 E fixo o que estaba ben aos ollos de Iahveh segundo todo o que fixera David, o seu pai. 3 O primeiro ano do seu reinado, no primeiro mes, abriu as portas da casa de Iahveh e reparounas. 4 E fixo vir os sacerdotes e os levitas e reuniunos na praza oriental. 5 E díxolles: "escoitádeme, levitas! Santificádevos e santificade a casa de Iahveh, o Deus dos vosos pais, e quitade a inmundicia do santuario. 6 Porque os nosos pais foron rebeldes e fixeron o mal aos ollos de Iahveh, o noso Deus, abandonárono e apartaron o seus rostros do tabernáculo de Iahveh, dándolle as costas. 7 Por se fora pouco, pecharon as portas do atrio e apagaron as lámpadas, e non queimaron incenso nin ofreceron holocaustos no santuario ao Deus de Israel. 8 Por iso, a ira de Iahveh veu sobre Xudá e Xerusalém, e El entregounos ao asombro, a maldición e a burla, como estades mirando cos vosos propios ollos. 9 Porque os nosos pais caeron pola espada, e os nosos fillos, as nosas fillas e as nosas mulleres están cativos por iso. 10 Agora, pois, teño no meu corazón o facer un pacto con Iahveh, o Deus de Israel, para que a súa ardente ira se aparte de nós. 11 Fillos meus, non sexades neglixentes, porque Iahveh escolleuvos para estar diante del para servilo, para serdes os seus ministros e para queimarlle incenso. 12 Entón levantáronse os levitas Maat, fillo de Amasai, e Xoel, fillo de Azarías, dos fillos de Coat; dos fillos de Merari, Quis, fillo de Abdi, e Azarías, fillo de Iehalelel; dos fillos de Guersón, Xoá, fillo de Zima, e Eden, fillo de Ioah; 13 dos fillos de Elizán, Simri e Ieiel; dos fillos de Asaf, Zacarías e Matanías; 14 dos fillos de Heman, Iehiel e Simei; dos fillos de Iedutún, Semaías e Uziel. 15 Estes reuniron os seus irmáns, e santificáronse, e entraron para limpar a casa de Iahveh, segundo o mandamento do rei, segundo as palabras de Iahveh. 16 E os sacerdotes entraron no interior da casa de Iahveh para limpala, e sacaron toda a inmundicia que atoparon no santuario de Iahveh ao patio da casa de Iahveh; e os levitas levaron todo para fóra, ao torrente Cedrón. 17 Comezaron a santificarse o día un do primeiro mes, e o oitavo día do mesmo mes chegaron ao pórtico de Iahveh. Santificaron a casa de Iahveh durante oito días, e remataron no décimo sexto día do primeiro mes. 18 Entón foron diante do rei Ezequías e dixéronlle: "limpamos toda a casa de Iahveh, o altar do holocausto e todos os seus utensilios, a mesa da proposición e todos os seus utensilios". 19 E tamén preparamos e santificamos todos os utensilios que o rei Acaz desbotou durante o seu reinado, por mor da sua infidelidade, e velaquí están diante do altar de Iahveh. 20 E o rei Ezequías ergueuse moi cedo e reuniu os príncipes da cidade, e subiu á casa de Iahveh. 21 E trouxeron sete touros, sete carneiros, sete años e sete machos cabríos para a expiación do reino, do santuario e de todo Xudá; e mandou aos sacerdotes, fillos de Aarón, que os ofreceran no altar de Iahveh. 22 Mataron os touros e os sacerdotes recolleron o sangue e asperxérona cara o altar; despois mataron os carneiros e asperxeron o sangue cara o altar; e tamén mataron os años e asperxeron o sangue cara o altar. 23 E trouxeron os machos cabríos para a ofrenda expiatoria diante do rei e toda a congregación, e puxeron as súas mans sobre eles. 24 E os sacerdotes degoláronos, e fixeron unha ofrenda expiatoria co seu sange sobre o altar, para facer expiación por todo Israel, porque o rei tiña ordenado que o holocausto e a ofrenda fora feita a favor de todo Israel. 25 Tamén colocou os levitas na casa de Iahveh con pratiños, salterios e arpas, segundo o mandamento de David, de Gad, o vidente do rei, e do profeta Natán, pois ese mandamento procedía de Iahveh a través dos seus profetas. 26 E os levitas puxéronse en pé cos instrumentos de David, e os sacerdotes coas trompetas. 27 Entón Ezequías mandou ofrecer o holocausto sobre o altar, e cando comenzou o holocausto, tamén se iniciou o canto de Iahveh coas trompetas e os instrumentos de David, rei de Israel. 28 E toda a congregación prostrouse mentres entoaban cantigas e resoaban as trompetas, todo ata que se consumiu o holocausto. 29 E cando o holocausto se consumiu, o rei e todos os que estaban con el inclináronse e adoraron. 30 E o rei Ezequías e os príncipes ordenaron aos levitas que louvaran a Iahveh coas palabras de David e de Asaf, o vidente. E eles louvaron con grande xúbilo e inclináronse e adoraron. 31 Entón Ezequías tomou a palabra e dixo: "agora vós dedicastes a Iahveh; achegádevos e traede sacrificios e ofrendas de gratitude á casa de Iahveh". E a congregación trouxo sacrificios e ofrendas de gratitude, e todos os de corazón ben disposto trouxeron holocaustos. 32 E o número de holocaustos que a congregación trouxo foi de setenta bois, cen carneiros e douscentos años, todos para o holocausto para Iahveh. 33 E foron consagrados tamén seiscentos bois e tres mil ovellas. 34 Pero os sacerdotes eran poucos e non podían degolar tantos animais, polo que contaron coa axuda dos seus irmáns os levitas, ata que o traballo quedou rematado, e ata que os demais sacerdotes estiveran santificados, porque os levitas tiñan un corazón mais disposto a santificarse que os propios sacerdotes. 35 E houbo moitos holocaustos, ademais da graxa das ofrendas de paz, e as libacións para cada holocausto. Así quedou restaurado o servizo na casa de Iahveh. 36 E Ezequías e todo o pobo alegráronse de que Deus movese de tal xeito o pobo, pois todo foi feito axiña e de improviso.