Capítulo 30

1 Ezequías enviou por todo Israel e Xudá, e tamén escribiu cartas a Efraín e a Manasés, para que viñesen á casa de Iahveh en Xerusalém a preparar a Pascua a Iahveh, o Deus de Israel. 2 Porque o rei e tomara consello cos seus príncipes e con toda a congregación de Xerusalém de celebrar a Pascua no segundo mes. 3 Porque non puideron celebrala no tempo que lle pertencía, porque os sacerdotes non se santificaran en número suficiente e o pobo non tivera oportunidadde de reunirse en Xerusalém. 4 E iso agradou ao rei e a toda a congregación. 5 E decidiron enviar unha mensaxe por todo Israel, dende Beerseba ata Dan, para que viñesen a celebrar a Pascua de Iahveh, o Deus de Israel, en Xerusalém, porque non a celebraron como estaba escrito, dende moitos anos. 6 E os mensaxeiros percorreron todo Israel e Xudá levando as cartas do rei e das súas autoridades, e proclamando por orde real: fillos de Israel, volvédevos a Iahveh, o Deus de Abraham, Isaac e Israel, e El volverase ao remanente que fuxiu da man dos reis de Asiria. 7 Non sexades como os vosos pais e os vosos irmáns, que foron infieis a Iahveh, o Deus dos seus pais, quen os entregou á desolación, como podedes ver. 8 Polo tanto, non sexades tercos coma os vosos pais, sometédevos a Iahveh, e vinde ao seu santuario, que El consagrou para sempre. Servide a Iahveh, o voso Deus, e a súa ardente ira hase afastar de vós. 9 Porque, se vos volvedes a Iahveh, os vosos irmáns e os vosos fillos atoparán misericordia diante dos que os levaron como prisioneiros, e regresarán a esta terra; pois Iahveh, o voso Deus, é clemente e misericordioso e se vos volvedes a El, non apartará a sua face de vós. 10 E os mensaxeiros foron de cidade en cidade pola terra de Efraín e de Manasés, ata a rexión de Zabulón; pero moitos ríronse e burláronse deles. 11 Aínda así, algúns de Aser, de Manasés e de Zabulón humilláronse e foron a Xerusalém. 12 Tamén en Xudá a man de Deus estaba con eles para darlles un corazón para cumprir o mandato do rei e das autoridades, segundo a palabra de Iahveh. 13 E reuniuse en Xerusalém unha grande multitude para celebrar a festa dos pans sen lévedo no segundo mes: unha congregación moi numerosa. 14 E levantándose removeron os altares que había en Xerusalém, e quitaron todos os altares onde se queimaba incenso, e botáronos ao torrente Cedrón. 15 Deseguido, o día catorce do mes segundo sacrificaron a pascua; e os sacerdotes e os levitas que aínda estaban impuros, avergoñáronse e santificáronse, e levaron holocaustos á casa de Iahveh. 16 E ocuparon os postos que lles correspondía segundo á lei de Moisés, home de Deus. Os sacerdotes asperxeron o sangue que recibían da man dos levitas. 17 Porque había moitos na congregación que non se santificaran, por iso os levitas degolaban o año pascual para aqueles que estaban impuros, co fin de santificalos para o Señor. 19 18 Porque moita xente de Efraín, de Manasés, de Isacar e de Zabulón non se purificara, senón que comeron a Pascua sen axustarse o que estaba escrito. v. 19 Pero Ezequías orou por eles, dicindo: que Iahveh, que é bo, sexa propicio a todo aquel que dispuxo o seu corazón para buscar a Deus, a Iahveh o Deus dos seus pais, aínda que non o faga segundo á purificación do santuario. 20 E o Señor escoitou a Ezequías e curou o pobo. 21 E os fillos de Israel que se atopaban en Xerusalém celebraron a solemne festa dos pans sen lévedo durante sete días con grande ledicia; e os levitas e os sacerdotes louvaron a Iahveh día tras día con instrumentos resoantes. 22 E Ezequías falou ao corazón de todos os levitas, que amosaban un bo entendemento no servizo de Iahveh. E comeron do sacrificado na festa durante sete días, ofrecendo sacrificios de paz e dando grazas a Iahveh, o Deus dos seus pais. 23 E toda a congregación decidiu prolongar a festa sete días máis, e celebraron sete días máis con gran xúbilo, 24 porque Ezequías, rei de Xudá, ofreceu á congregación mil bois e sete mil ovellas; e tamén os príncipes ofreceron ao pobo mil bois e dez mil ovellas; e moitos dos sacerdotes se santificaron. 25 E toda a congregación de Xudá, e os sacerdotes e os levitas, e todo o pobo que viñera de Israel, e os estranxeiros que viñeran da terra de Israel e que vivían en Xudá, alegráronse. 26 E houbo grande ledicia en Xerusalém, pois dende os días de Salomón, fillo de David, rei de Israel, non houbo nada semellante en Xerusalém. 27 E os sacerdotes e os levitas erguéronse e bendixeron o pobo, e a súa voz foi escoitada, e a súa oración chegou á morada da santidade nos ceos.