1
Non reprendas o ancián, senón exhórtao coma a un pai; os mozos coma a irmáns;
2
as anciás, coma a nais; as máis mozas, coma a irmás, con toda pureza.
3
Honra as viúvas que o son de verdade;
4
pero se hai algunha viúva que ten fillos ou netos, que aprendan primeiro estes a ser piadosos coa súa propia familia, e a corresponderlle aos seus pais, porque isto é agradable diante de Deus.
5
Agora ben, a que é viúva de verdade, aquela que quedou desamparada, ten posta a súa esperanza en Deus, e persevera nas súplicas e nas oracións noite e día;
6
pero aquela que se bota aos placeres, xa está morta en vida.
7
Manda tamén estas cousas para que sexan irreprensibles,
8
porque se algún non coida dos seus, e maiormente dos da súa familia, é peor ca un non crente e arrenegou da fe.
9
Inclúe na lista á viúva non menor de sesenta anos, muller dun só marido,
10
aprobada polas boas obras: se criou fillos, se foi hospitalaria, se lavou os pés dos santos, se axudou os aflixidos, e se adicou a toda boa obra.
11
Pero non inscribas as viúvas máis novas, porque cando son impulsadas pola paixón, desexan casar, afastándose do Mesías,
12
expoñéndose a seren acusadas por quebrantar a primeira promesa,
13
e aprenden a ser preguiceiras, indo de casa en casa; e non só preguiceiras, senón tamén laretas e baralleiras, falando de cousas que non deben.
14
Polo tanto, desexo que as máis mozas casen, críen fillos e gobernen ben a súa casa, non dando ao adversario ningunha oportunidade de maldicir;
15
porque algunhas xa se extraviaron seguindo a Satanás.
16
Se algunha crente ten viúvas, que as asista, de xeito que a igrexa non sexa gravada para poderen axudar as que realmente son viúvas.
17
Os anciáns que guían dun xeito apropiado, son dignos de dobre honor, especialmente os que traballan duro na palabra e no ensino.
18
Porque a Escritura di: "Non porás bozo ao boi que trilla", e: "O obreiro ten dereito ao seu xornal".
19
Contra un ancián non permitas acusación, agás na presenza de dúas ou tres testemuñas.
20
A aqueles que sigan pecando, repréndeos diante de todos, para que tamén os demais teñan temor.
21
Pídoche de corazón diante de Deus, e de Cristo Xesús e máis dos anxos escolleitos, que obedezas estes consellos sen prexuízos, e sen facer nada con parcialidade.
22
Non impoñas as mans deseguida nin te fagas cómplice de pecados alleos; consérvate puro.
23
Xa non bebas auga, senón un pouco de viño por mor do teu estómago e das túas frecuentes doenzas.
24
Os pecados dalgunhas persoas maniféstanse antes do xuízo, mentres que os doutros están a seguilos en verdade.
25
Do mesmo xeito, as boas obras son evidentes, e as que non o son, non se poden agachar.