Capítulo 6

1 Todos os que están baixo o xugo da escravitude consideren aos seus propios amos dignos de toda honra, para que non sexa difamado o nome de Deus nin a doutrina. 2 Os que teñan amos crentes non os fagan de menos por seren irmáns, máis ben sírvanos mellor, por seren crentes e amados os que se benefician do seu traballo. Ensina e recomenda estas cousas. 3 Se alguén ensina outra cousa, e non se conforma ás palabras sas, ás de Xesús Cristo, noso Señor, e á doutrina que é segundo á piedade, 4 é un soberbio e non entende nada, senón que é un teimudo que só quere discutir sobre palabras baleiras, das que nacen envexa, rifas, difamacións, malas sospeitas, 5 liortas constantes de persoas corrompidas, carentes da verdade, que pensan que a piedade é unha fonte de ganancia. 6 Aínda que a piedade acompañada de contentamento é unha verdadeira fonte de ganancia! 7 Porque nada trouxemos a este mundo e nada podemos levar del, 8 así que, se temos que comer e que vestir debemos estar contentos, 9 pois aqueles que queren ser ricos caen en tentacións, trapelas e moitas cobizas insensatas e prexudiciais, que son as que botan a perder ás persoas e as arruinan; 10 porque o amor ao diñeiro é a raíz de tódolos males, algúns mesmo se afastaron da fe por iso, e traspasaron as súas vidas con moitas dores. 11 Pero ti, sendo de Deus, fuxe destas cousas e procura a xustiza, a piedade, a fe, o amor, a pacencia, a mansedume. 12 Loita a boa batalla da fe, bota man da vida eterna á que fuches chamado, e que diante de moitas testemuñas declaraches dun xeito brillante. 13 Mándoche diante de Deus, quen dá vida a tódalas cousas e de Cristo Xesús, que deu testemuña cunha magnífica confesión diante de Poncio Pilato, 14 que gardes o mandamento sen tacha, irreprensible, ata a manifestación do noso Señor, Xesús Cristo. 15 No tempo axeitado amosarao o Deus bendito e único Soberano, o Rei dos reis e Señor dos señores, 16 o único que ten inmortalidade, que vive na luz inaccesible, a quen ningún ser humano viu nin pode ver. A El sexa a honra e o dominio eterno, amén. 17 Aos ricos deste mundo mándalles que non sexan arrogantes nin poñan a súa esperanza nas riquezas, que son incertas, senón en Deus, quen nos prové abundantemente de todas as cousas para que gocemos delas; 18 que fagan o ben, que sexan ricos en boas obras, que sexan xenerosos, e dadivosos ao compartir, 19 atesourando para si un bo fundamento para o tempo que vai a vir, a fin de que boten man da verdadeira vida. 20 Timoteo, garda o que se che encomendou, evitando as lerias baleiras e profanas, e os argumentos da falsamente chamada ciencia, 21 coa que algúns se afastaron da fe. A graza sexa convosco.