Capítulo 4

1 Pero o Espírito fala claramente que nos tempos derradeiros algúns se afastarán da fe, escoitando a espíritos mentireiros e a doutrinas de demos, 2 pola hipocrisía de argallantes que foron cauterizados na súa mesma conciencia; 3 estes prohiben casar e mandan privarse de alimentos que Deus creou para que, dando grazas, os crentes, aqueles que coñeceron a verdade por completo, poidan participar deles. 4 Porque todo o que Deus creou é bo, e non se debe rexeitar en absoluto cando se toma con gratitude, 5 pois é santificado por medio da palabra de Deus e da oración. 6 Propoñéndolles estas cousas aos irmáns, serás un bo servo de Cristo Xesús, alimentado coas palabras da fe e da boa doutrina que seguiches de preto. 7 Rexeita as fábulas profanas e os contos de vellas; exercítate na piedade, 8 porque o exercicio do corpo para pouco aproveita, pero a piedade é útil para todo, tendo promesa para esta vida e para a que vén. 9 Esta palabra é fiel e digna de ser aceptada por todos. 10 Porque para isto traballamos arreo e loitamos, pois puxemos a esperanza no Deus vivo, que é o Salvador de tódalas persoas, maiormente das que cren. 11 Non deixes de proclamar e ensinar estas cousas. 12 Que ninguén faga pouco de ti por seres mozo, senón sé exemplo dos crentes na palabra, na conduta, no amor, na fe, e na pureza. 13 Ata que chegue aí, adícate á lectura, á exhortación e ao ensino. 14 Non descoides o don que hai en ti, que se che deu por medio da profecía coa imposición de mans de parte dos anciáns. 15 Medita sobre todas estas cousas, mantente nelas para que todos vexan o teu progreso. 16 Coida da doutrina e a ti mesmo, persiste en todas estas cousas; porque facéndoo, te salvarás ti e máis a aqueles que te escoitan.