Capítulo 2

1 Daquela, rexeitando toda maldade e todo engano, e finximentos, envexas e tódalas inxurias, 2 desexade coma nenos que acaban de nacer, o leite puro da palabra, para que por el medredes para salvación, 3 xa que probastes a bondade do Señor. 4 E achegádevos a El, pedra viva, desprezada polos homes, mais escollida e preciosa diante de Deus, 5 tamén vós, coma pedras vivas, sede edificados coma casa espiritual para un sacerdocio santo, ofrecendo sacrificios espirituais aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. 6 Por iso di a Escritura: "velaí poño en Sión unha pedra escollida e preciosa, pedra angular, e o que crea nel non ha ser avergoñado". 7 Polo tanto para os que credes, El é precioso; mais para os que non cren: "a pedra que rexeitaron os construtores, veu ser a pedra angular 8 e, pedra onde tropezar e rocha onde caer"; pois eles tropezan porque son desobedientes á palabra, e ese é o seu destino. 9 Mais vós sodes familia escollida, real sacerdocio, nación santa, pobo adquirido por Deus, para anunciar as proezas daquel que vos chamou das tebras á sua luz admirable; 10 xa que vós non erades pobo noutro tempo, mais agora sodes o pobo de Deus; non recibirades misericordia, mais agora recibistes misericordia. 11 Amados, rógovos como a extranxeiros e peregrinos que vos absteñades das paixóns carnais que loitan contra a alma. 12 Entre os xentís, mantede unha conduta irreprochable, para que naquilo que vos calumnian coma malfeitores, ao veren as vosas boas obras, glorifiquen a Deus o día que El os visite. 13 Sometédevos a toda autoridade humana por causa do Señor, xa sexa o rei, coma a un superior, 14 ou os gobernadores, coma enviados por el para castigo dos malfeitores e gabanza dos que fan o ben. 15 Porque esta é a vontade de Deus: que facendo o ben, fagades calar a ignorancia dos insensatos. 16 Andade coma persoas libres, mais non usedes a liberdade como pretexto para a maldade, senón empregádea como servos de Deus. 17 Dádelle honra a todos, amade os irmáns, temede a Deus, honrade o rei. 18 Servos, estade suxeitos aos vosos amos con todo o respecto, non só aos que son bos e afables, senón tamén aos que son intratables. 19 Porque isto merece aprobación, se algún por causa da súa conciencia diante de Deus, está a aturar penalidades sufrindo inxustamente. 20 Pois, que mérito ten se cando pecades vos dan de labazadas e o soportades? Mais se cando facedes o ben sufrides por iso e o soportades con paciencia, isto é precioso diante de Deus. 21 Porque para este propósito fostes chamados, xa que Cristo sufriu por vós deixándovos o exemplo para que sigades as súas pegadas: 22 "El, que non cometeu pecado, nin se atopou mentira algunha na súa boca"; 23 quen cando o aldraxaban, non respondía con aldraxes; cando sofría, non ameazaba, senón que se encomendaba a Aquel que xulga con xustiza; 24 El mesmo levou os nosos pecados no seu corpo sobre a cruz, para que morramos ao pecado e vivamos para a xustiza, porque polas súas feridas fostes sandados. 25 Xa que vós andabades descarreirados coma ovellas, mais agora volvestes ao Pastor e Gardián das vosas almas.