Capítulo 1

1 Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, aos exiliados na dispersión do Ponto, a Galacia, a Capadocia, a Asia e a Bitinia, 2 escollidos segundo o coñecemento de Deus o Pai, pola obra santificadora do Espírito, para obedecer a Xesús Cristo e ser asperxidos co seu sangue: que a graza e a paz vos sexan en abundancia. 3 Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos fixo nacer de novo, pola súa grande miseriordia, a unha esperanza viva, por medio da resurección de entre os mortos, 4 para obter unha herdanza incorruptible, que non murcha, reservada nos ceos para vós, 5 que estades protexidos polo poder de Deus mediante a fe para a salvación que está preparada coa fin de ser revelada no tempo final. 6 Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se é necesario, esteades aflixidos por un pouco de tempo con diferentes probas, 7 para que a proba da vosa fe, moito máis valiosa que o ouro (que mesmo sendo perecedeiro é probado con lume), resulte en loanza, gloria e honra na revelación de Cristo. 8 A quen amades sen o terdes visto, mais credes nel sen o ver, e reloucades con alegría indicible e gloriosa, 9 obtendo como resultado da vosa fe a salvación das almas. 10 Os profetas que falaron sobre esta salvación, da graza que viría a vós, investigaron e pesquisaron dilixentemente, 11 tentando saber que persoa ou que tempo indicaba o Espírito de Cristo dentro deles, ao predicir os sufrimentos de Cristo e as glorias que seguirían. 12 Revelóuselles que non se servían a si mesmos, senón a vós, nestas cousas que agora vos proclamaron por medio dos que anunciaron o evanxeo polo Espírito Santo enviado do ceo, cousas que os anxos desexan achegarse a ver. 13 Así que, cinguide o voso entendemento para a acción; sede sobrios de espírito, poñede completamente a vosa esperanza na graza que vos traerá a revelación de Xesús Cristo. 14 Coma fillos obedientes, non vos conformedes aos desexos que tiñades antes na vosa ignorancia, 15 senón que como Aquel que vos chamou é santo, tamén vós sede santos en toda a vosa maneira de vivir; 16 porque está escrito: "Sede santos, porque Eu son santo". 17 E se chamades Pai a aquel que xulga imparcialmente as obras de cada un, comportádevos con temor o tempo do voso peregrinar; 18 sabendo que non fostes rescatados do xeito baleiro de vivir que recibistes dos vosos pais, con cousas perecedoiras como o ouro e a prata, 19 senón co sangue precioso, coma de un año sen defecto nin tacha: o sangue de Cristo. 20 El xa estaba elixido dende antes da creación do mundo, mais agora manifestouse por amor a vós; 21 que por medio del sodes fieis a Deus, que o resucitou dos mortos e lle deu gloria, de modo que a vosa fe e esperanza estean en Deus. 22 Xa que purificastes as vosas almas en obediencia á verdade para un amor sincero de irmáns, amádevos uns a outros dun xeito entrañable, dende o corazón. 23 Pois nacestes de novo, non de semente perecedoira, senón dunha que é incorruptible, é dicir, mediante a palabra de Deus que vive e permanece. 24 Porque: "toda carne é coma a herba, e toda a súa gloria coma a flor da herba. Seca a herba e cae a flor, 25 mais a palabra do Señor permanece para sempre". E esta é a palabra que vos foi anunciada.