Capítulo 21

1 Despois destas cousas, aconteceu que Nabot de Iezrael tiña unha viña xunto ao palacio de Acab, rei de Samaria. 2 Entón Acab falou a Nabot, dicindo: -Dáme a túa viña para que sexa a miña horta, porque está preto da miña casa, e eu dareiche por ela unha unha viña mellor que esta, ou se che parece mellor, pagareiche o seu valor en prata. 3 Pero Nabot respondeu a Acab: -Lonxe estea de Iahveh que eu che dea a herdanza dos meus pais! 4 Entón Acab foi á súa casa triste e anoxado, por mor das palabras que Nabot de Iezrael lle dixera: non che darei a herdanza dos meus pais! E deitouse na súa cama e volveu o seu rostro, e non quixo comer. 5 Entón a súa muller Iezabel veu onda el e díxolle: -Por que está o teu espírito tan decaído, e non comes? 6 E el respondeulle: -Porque falei con Nabot de Iezraell, e díxenlle: dáme a túa viña por cartos, ou se queres, dareiche outra viña por ela. E el dixo: -Non che darei a miña viña. 7 E a súa muller Iezabel díxolle: -Non es ti o rei de Israel? Érguete, come pan e alegra o teu corazón; eu dareiche a viña de Nabot de Iezrael! 8 Entón ela escribiu cartas no nome de Acab, e selounas co seu anel, e mandounas aos anciáns e aos príncipes que estaban na súa cidade, os que vivían con Nabot. 9 E nas cartas que lles escribiu dicía: - Proclamande xaxún, e colocade a Nabot diante do pobo, 10 E poñede dous homes malvados diante del, para que testifiquen contra el, dicindo: blasfemaches contra Deus e contra o rei! Entón sacádeo e apedrádeo ata que morra. 11 E os homes da cidade, os anciáns e os príncipes que vivían na súa cidade, fixeron tal como lles mandara Iezabel, conforme estaba escrito nas cartas que ela lles mandara. 12 Promulgaron xaxún e puxeron a Nabot diante do pobo. 13 E viñeron dous homes malvados, fillos de Belial e sentaron diante del, e aqueles homes malvados testemuñaron contra Nabot diante do pobo, dicindo: -Nabot blasfemou contra Deus e contra o rei. Entón levárono fóra da cidade e apedrárono, e morreu. 14 Entón mandaron mensaxe a Iezabel, dicindo: -A Nabot apedrárono e morreu. 15 Cando Xezabel escoitou que Nabot fora apedrado e morto, dixo a Acab: -Érguete, toma a viña de Nabot o iezreelita, que el rexeitou darche por diñeiro; porque Nabot non está vivo, senón que está morto. 16 E cando Acab escoitou que Nabot morrera, ergueuse para baixar á viña de Nabot de Iezrael, para tomala en posesión. 17 Entón veu a palabra de Iahveh a Elías de Tishbe, dicindo: 18 -Érguete, baixa a Samaria, ao encontro de Acab, rei de Israel; velaí que está na viña de Nabot, á que baixou para tomala en posesión. 19 E falaraslle, dicindo: -Isto di Iahveh: mataches, e tamén despoxaches? E falaraslle outra vez, dicindo: -Isto é o que di Iahveh: no lugar onde os cans lamberon o sangue de Nabot, os cans lamberán tamén o teu sangue. 20 E Acab dixo a Elías: -Atopáchesme, meu inimigo? E el respondeu: -Atopeite porque te vendiches para facer o malo aos ollos de Iahveh. 21 Velaí que Eu traerei mal sobre ti, e borrarei a túa descendencia e destruirei á casa de Acab o último varón, tanto o escravo como o libre en Israel. 22 E farei a túa casa como a casa de Ieroboam, fillo de Nabat, e como a casa de Baasá, fillo de Ahías, por mor da rebelión coa que me provocaches a ira, e pola que fixeches pecar a Israel. 23 E tamén falou Iahveh sobre Iezabel, dicindo: "Os cans comerán a Iezabel na muralla de Izreel! 24 Aquel de Acab que morra na cidade, os cans comerano, e o que morra no campo, os paxaros do ceo comerano. 25 (En verdade, non houbo ninguén como Acab, que se vendera a facer o malo aos ollos de Iahveh, pois a súa muller Iezabel instigábao. 26 El fixo abominacións en gran maneira, seguindo os ídolos, conforme todo o que fixeran os amorreos, aos que Iahveh botou de diante dos fillos de Israel). 27 E aconteceu que cando Acab escoitou estas palabras, rachou as súas roupas e puxo pano de saco sobre a súa carne; e xaxuou, e durmiu co pano de saco e andaba abatido. 28 Entón veu a palabra de Iahveh a Elías de Tishbe, dicindo: 29 "Non viches como Acab se humillou diante de min? Xa que se humillou diante de min, non traerei o mal nos seus días; senón nos días do seu fillo traerei o mal sobre a súa casa.