Capítulo 18

1 Despois de moitos días, a palabra de Iahveh chegou a Elías no terceiro ano, dicindo: -Vai e preséntate a Acab, e Eu farei chover sobre a face da terra. 2 Entón Elías foi a presentarse a Acab. E a fame era severa en Samaria. 3 E Acab chamou a Abdías, o seu mordomo. E Abdías era un home que temía en gran maneira a Iahveh. 4 Porque cando Iezabel exterminou os profetas de Iahveh, Abdías colleu cen profetas e escondeunos de cincuenta en cincuenta en covas e sustentounos con pan e auga. 5 E Acab dixo a Abdías: -Vai polo país a tódalas fontes de auga e a tódolos arroios, a ver se atopamos herba para salvar a vida dos cabalos e das mulas, e non deixar que morran as bestas. 6 Entón dividiron o país entre eles para percorrerlo: Acab foi por un camiño e Abdías foi por outro. 7 E mentres Abdías ía polo camiño, saíulle Elías ao encontro, e ao recoñecelo, prostrouse sobre o seu rostro e dixo: -Non es ti o meu señor Elías? 8 E el respondeu: -Son eu. Vai e di ao teu señor: aquí está Elías. 9 Pero el dixo: -En que pequei para que entreges o teu servo na man de Acab para que me mate? 10 Por Iahveh o teu Deus quen vive, que non hai nación nin reino onde o meu señor non mandara buscarte! E todos dixeron: non está aquí. E el fixo xurar a reinos e nacións que non te atoparan. 11 E agora dis: -Vai e di ao teu señor: aquí está Elías? 12 O que acontecerá é que despois de marchar, o Espírito de Iahveh levarate non sei para onde; e cando vaia e lle diga a Acab, e non te atope, matarame. Pois o teu servo teme a Iahveh dende a súa xuventude. 13 Non lle dixeron ao meu señor o que fixen cando Iezabel matou os profetas de Iahveh, como agachei a cen homes dos profetas de Iahveh de cincuenta en cincuenta en covas e estiven a mantelos con pan e auga? 14 E agora dis: -Vai e di ao teu señor: aquí está Elías, para que me mate? 15 E Elías respondeulle: -Como vive Iahveh dos exércitos diante de quen estou, que hoxe heime presentar a el. 16 Entón Abdías foi ao encontro de Acab e avisouno; e Acab foi ao encontro de Elías. 17 E cando Acab viu a Elías, díxolle: -Es ti, o que perturba a Israel? 18 E el respondeu: -Eu non perturbei a Israel, senón ti e a casa do teu pai, ao abandonar os mandamentos de Iahveh, e seguir os baales. 19 Agora pois, manda e xúntame a todo Israel no monte Carmelo, e aos catrocentos cincuenta profetas de Baal e aos catrocentos profetas das Asera, que comen da mesa de Iezabel. 20 Entón Acab convocou a tódolos fillos de Israel e reuniu os profetas no monte Carmelo. 21 E Elías achegóuselle a todo o pobo, e dixo: -Ata cando iredes coxeando con dúas muletas? Se Iahveh é Deus, seguídeo; pero se é Baal, seguídeo. E o pobo non lle respondeu palabra. 22 E Elías dixo ao pobo: -Só eu quedei como profeta de Iahveh, mentres que os profetas de Baal son catrocentos cincuenta homes. 23 Dádenos agora dous bois, e eles poden escoller un, córtadeo en anacos e póñedeo sobre a leña, pero non poñades lume embaixo; eu tamén prepararei o outro boi e poñereino sobre a leña e non poñerei lume embaixo. 24 Despois invocade vós o nome do voso deus, e eu invocarei o nome de Iahveh e o Deus que responda por medio do lume, ese é Deus! E todo o pobo respondeu e dixo: -Falaches ben! 25 E Elías dixo aos profetas de Baal: -Escollede un boi e preparádeo os primeiros, pois sodes os máis numerosos, e invocade o nome do voso deus, pero non poñades lume embaixo. 26 E eles colleron o boi que se lles dera, e preparárono, e invocaron o nome de Baal dende a mañá ata o mediodía, dicindo: -Baal, respóndenos! Pero non había voz nin quen respondera. E eles brincaban arredor do altar que fixeran. 27 E sucedeu que ao mediodía, Elías burlábase deles, dicindo: - Berrade máis forte, porque é un deus! Pode ser que estea meditando, ou que estea de traballo, ou que estea de camiño; pode ser que estea durmido e haberá que espertalo. 28 Eles berraban con grandes voces, e facíanse cortaduras coas espadas e con lanceiras segundo o seu costume, ata que corría o sangue sobre eles. 29 Pasado o mediodía, berraron frenéticamente ata a hora da ofrenda do sacrificio, pero non había voz, nin quen respondera, nin quen prestara atención. 30 Entón Elías dixo a todo o pobo: -Achegádevos a min! E todo o pobo achegóuselle; e el reparou o altar de Iahveh que fora derrubado. 31 E Elías colleu doce pedras, segundo o número das tribos dos fillos de Xacob, a quen se lle dera a palabra de Iahveh dicindo: "O teu nome será Israel," 32 e edificou coas pedras un altar no nome de Iahveh; e fixo unha gabia arredor do altar que podía conter dúas medidas de gran. 33 Preparou tamén a madeira, e cortou o boi en anacos, e púxoo sobre a madeira. 34 E dixo: -Hai que encher catro baldes de auga e derramalos sobre o holocausto e sobre a leña. E dixo: -Facédeo por segunda vez. E fixérono por segunda vez. E dixo: -Facédeo por terceira vez. E fixeron así por terceira vez. 35 E a auga corría arredor do altar, e tamén encheu de auga a gabia. 36 E á hora de ofrecer o holocausto, o profeta Elías achegouse e dixo: -Ó Iahveh, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel, que hoxe sexa manifestado que ti es Deus en Israel, e que eu son o teu servo, e que pola túa palabra fixen todas estas cousas! 37 Respóndeme, Iahveh, respóndeme! E este pobo saberá que ti, Iahveh, es o Deus, e que ti fas volver os seus corazóns. 38 Entón caeu o lume de Iahveh e consumiu o holocausto, a leña, as pedras e o pó; e tamén lambeu a auga que había na gabia. 39 E cando todo o pobo o viu, prostrouse e dixo: - Iahveh é Deus, o Iahveh é Deus! 40 E Elías díxolles: -Sacade os profetas de Baal, que non fuxa ningún deles. E prendéronos; e Elías levounos ao arroio de Cisón, e alí acabou con eles. 41 E Elías dixo a Acab: -Sube, come e bebe, porque chegou o estrondo da choiva. 42 Entón Acab subiu a comer e a beber; e Elías subiu ao cumio do Carmelo, e prostrouse en terra, e puxo o seu rostro entre os xeonllos. 43 E díxolle ao seu criado: -Sube agora e mira cara o mar. E el subiu e mirou, e dixo: -Non hai nada. El díxolle: -Volve sete veces. 44 E aconteceu que na sétima vez dixo: -Velaquí, sube do mar unha pequena nube coma a man de un home. E Elías dixo: - Vai e dille a Acab: engancha o teu carro e baixa para que a choiva non te deteña. 45 E mentres isto acontecía, os ceos escureceron con nubes e vento, e houbo unha gran choiva. E subíu Acab e foi a Iezreel. 46 E a man de Iahveh estaba sobre Elías, e el cinguiu os seus lombos e correu diante de Achab ata a entrada de Iezreel.