Capítulo 12

1 Agora, irmáns, non quero que esteades na ignorancia en canto ás cousas espirituais. 2 Sabedes que cando erades pagáns, levábanvos coma perdidos diante dos ídolos mudos. 3 Por iso declárovos que ninguén que fale polo Espírito de Deus, chama arrenegado a Xesús, e ninguén pode declarar que Xesús é o Señor, de non ser polo Espírito de Deus. 4 Hai diferentes dons, pero o Espírito é o mesmo; 5 e hai diferentes servizos, pero o Señor é o mesmo; 6 e hai diferentes actividades, pero un mesmo Deus é quen fai posibles tódalas cousas en todos. 7 E a cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o proveito de todos. 8 Porque a un o Espírito dálle palabra de sabedoría, a outro, palabra de coñecemento, segundo o mesmo Espírito. 9 A outro, fe, polo mesmo Espírito; aqueloutro dons de sanidades, polo único Espírito; 10 a outro, actividades milagrosas; a outro profecía; a outro, discernimento de espíritos; a outro, distintas linguas; e a outro, interpretación de linguas. 11 Pero todas estas cousas son efectuadas polo mesmo Espírito, o único, quen reparte en particular a cada un como a El lle parece. 12 Porque así como o corpo ten moitos membros pero é un, e todos os membros forman un só corpo, do mesmo xeito Cristo. 13 Pois por un só Espírito fomos todos bautizados nun só corpo, tanto xudeus como gregos, escravos ou libres, e a todos se nos deu a beber un mesmo Espírito. 14 Pois ben, o corpo non está formado por un único membro, senón por moitos. 15 Se dixera o pé: "como non son man, non dependo do corpo", non por iso deixa de ser parte do corpo. 16 E se dixera unha orella: "como non son ollo, non dependo do corpo", non por iso deixa de ser parte do corpo. 17 Se todo o corpo fora ollo, onde estaría o oído? Se todo fora oído, onde estaría o olfacto? 18 Pero Deus colocou a cada un dos membros no corpo, tal como El quixo. 19 Se todos foran un único membro, onde estaría o corpo? 20 En realidade, os membros son moitos, pero o corpo é un só. 21 O ollo non pode lle dicir á man: "non te necesito", nin a cabeza lle pode dicir aos pes: "non preciso de vós". 22 Todo o contrario, os membros do corpo que parecen máis febles, son os máis necesarios; 23 e aqueles do corpo que nos parecen menos decorosos, cubrímolos de maior honra; e as nosas partes íntimas son tratadas con máis recato, 24 cousa da que as nosas partes máis decorosas non teñen necesidade. Así Deus ordenou o corpo, dándolle máis abundante honor a aquilo que máis lle faltaba. 25 Para que non haxa división no corpo, senón que tódolos membros se preocupen uns dos outros. 26 De tal xeito, que se un membro padece, tódolos membros comparten o mesmo sofremento, e se un membro recibe honra, se alegran todos con el. 27 Vós sodes o corpo de Cristo, e polo tanto, membros cada un pola súa parte. 28 Deus colocou a todos na igrexa, primeiro apóstolos, segundo profetas: en terceiro lugar mestres, logo os poderes milagrosos, depois os dons de sanidade, as capacidades para axudar, e as linguas diferentes. 29 Todos son apóstolos? Son todos mestres? Acaso todos fan milagres? 30 Teñen todos dons de sanidade? Falan todos en linguas? Interpretan todos? 31 Cobizade, pois, os mellores dons, pero aínda vos vou amosar un camiño máis excelente.