1 Se eu falase linguas humanas ou anxélicas, e non teño amor, son coma o metal que resoa ou o crótalo que abouxa. 2 E se fose profeta e entendese tódolos misterios e toda a ciencia, e se tivese unha fe extraordinaria de xeito que puidera mover montes, e non teño amor, non sería nada. 3 E aínda que repartise todo o que teño, e entregase o meu corpo para me deixar queimar vivo, e non tivera amor, non valería para nada. 4 O amor é sufrido, o amor é bondadoso, o amor non ten envexa, o amor non ten fachenda, 5 non se ensoberbece. Non actúa dun xeito indebido, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non ten en conta o mal, 6 non se alegra na inxustiza senón que se alegra coa verdade; 7 É quen de sufrir todo, de crer todo, de esperar todo, de aturar todo. 8 O amor non deixa de ser endexamais. Porque as profecías desaparecerán, as linguas cesarán, o coñecemento rematará; 9 porque en parte coñecemos e en parte profetizamos, 10 pero cando veña o perfecto, rematará aquilo que é limitado. 11 Cando eu era neno, falaba como un neno, pensaba como un neno e razoaba como un neno; cando cheguei a home, deixei o que era de neno. 12 Porque agora vemos nun espello; pero daquela veremos cara a cara; agora coñezo en parte, pero entón hei coñecer, como fun coñecido. 13 Agora permanecen a fe, a esperanza e o amor, pero a meirande de tódalas cousas é o amor.