1 Sede imitadores de min, así como eu de Cristo. 2 Felicítovos, porque vos lembrades de min en todo, e seguides firmes nas instrucións que vos transmitín. 3 Pero quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, e a cabeza da muller é o home, e a cabeza de Cristo é Deus. 4 Todo home que ora ou profetiza coa cabeza cuberta avergoña a súa cabeza. 5 Pero toda muller que ora ou profetiza sen cubrir a súa cabeza, avergoña a cabeza dela, porque vén ser coma unha que foi rapada. 6 Porque se a muller non se cubre, que se rape, e se é avergoñante para a muller estar rapada, que se cubra. 7 Pois certamente o home non debe cubrir a súa cabeza, posto que é imaxe e gloria de Deus, pero a muller é gloria do home. 8 Porque o home non procede da muller, senón a muller do home; 9 e o home non foi creado por mor da muller, senón a muller por mor do home. 10 Por isto, a muller debe ter autoridade sobre a súa cabeza, por mor dos anxos. 11 Con todo, no Señor, nin o home existe sen a muller, nin a muller sen o home; 12 porque así como a muller procede do home, o home existe por medio da muller; pero todo procede de Deus. 13 Xulgade entre vosoutros: é apropiado que a muller ore a Deus coa cabeza descuberta? 14 Non vos ensina a natureza mesma que lle é avergoñante ao home deixar medrar o cabelo? 15 Pero á muller lle campa o cabelo longo, pois o cabelo longo foille dado en vez de veo. 16 Con todo iso, se alguén quere discutir, nin nós nin as igrexas de Deus teñen ese costume. 17 Pero ao darvos as seguintes instrucións, non vos felicito, porque non vos congregades para o mellor, senón para o peor. 18 Pois, de primeiras, escoito que cando vos xuntades como igrexa, hai divisións entre vós; e en parte dou creto. 19 Porque tamén debe haber divisións entre vós, para que saian á luz os aprobados de entre vós. 20 Polo tanto, cando vos xuntades, non estades comendo a cena do Señor, 21 porque ao comer, cada un adiántase a tomar a súa propia cea, e un ten fame e outro está bébedo. 22 Será que non tendes casas para comer e beber? Ou desprezades á igrexa de Deus e avergoñades aos que non teñen? Nisto non podo felicitarvos. 23 Porque eu mesmo recibín do Señor o mesmo que vos ensinei: que o Señor Xesús, na noite na que foi entregado, colleu pan. 24 E dando grazas, partiuno e dixo: isto é o meu corpo que é por vós, facede isto en memoria de min. 25 Do mesmo xeito colleu tamén a copa despois de cear, dicindo: esta é a copa do novo pacto no meu sangue; facede isto, tódalas veces que a bebades, en memoria de min. 26 Porque tódalas veces que comades este pan e bebades a copa, a morte do Señor proclamades ata que veña. 27 Polo tanto, o que coma o pan ou beba a copa do Señor indignamente, será culpable do corpo e do sangue do Señor. 28 Polo tanto, que cada un se examine a si mesmo, e coma así do pan e beba da copa. 29 Porque o que come ou bebe sen recoñecer o corpo, xuízo come e bebe para si. 30 Por iso hai moitos febles e enfermos entre vosoutros, e abondo son os que durmen. 31 Pero se nos examinásemos a nós mesmos, non seriamos xulgados; 32 mais sendo xulgados, somos disciplinados polo Señor, para non sermos condenados xunto co mundo. 33 Así que, meus irmáns, cando vos xuntedes para comer, agardádevos uns aos outros. 34 Se algún ten fame, coma na casa, para que non vos xuntedes para xuízo. Pero, as demais cousas, poreinas en orde cando vaia a vós.