1
Paulo e Timoteo, servos de Cristo Xesús: a todos os santos en Cristo Xesús que están en Filipos, incluídos os bispos e diáconos:
2
Graza a vós e paz de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
3
Doulle grazas a meu Deus sempre que me lembro de vós.
4
Sempre oro con ledicia por todos vós, en tódalas miñas oracións,
5
pola vosa colaboración no evanxeo dende o primeiro día ata agora,
6
estando convencido disto mesmo: que quen comezou en vós a boa obra, seguirá a completala ata o día de Cristo Xesús.
7
É xusto que sinta isto por todos vós, porque vos levo no meu corazón, pois tanto nas miñas prisións como na defensa e confirmación do evanxeo, todos vós participades comigo da graza.
8
Porque Deus é testemuña de meu de canto vos boto en falta co entrañable amor de Cristo Xesús.
9
E pido isto en oración, para que o voso amor abunde máis e máis no pleno coñecemento e en todo discernimento,
10
para que sexades quen de escoller o mellor, para serdes puros e irreprensibles para o día de Cristo;
11
cheos do froito da xustiza que é por medio de Xesús Cristo, para a gloria e loanza de Deus.
12
E quero que saibades, irmáns, que as circunstancias nas que me atopei redundaron nun maior progreso do evanxeo,
13
de tal xeito que por mor de Cristo as miñas prisións son ben coñecidas no pretorio e por tódolos demais;
14
e que a maioría dos irmáns, confiando no Señor por mor do meu encarceramento, teñen moito máis valor para falar a palabra de Deus sen medo.
15
De certo algúns, predican a Cristo por envexa e rivalidade, pero outros fano de boa fe;
16
estes fano por amor, sabendo que fun designado para defender o evanxeo;
17
aqueles proclaman a Cristo por ambición persoal, sen sinceridade, pensando en causarme angustia no meu cárcere.
18
Daquela, que? Que de tódolos xeitos, sexa finxidamente ou en verdade, Cristo é proclamado; e nisto, alégrome e seguirei alegrándome.
19
Porque sei que, mediante as vosas oracións e a axuda do Espírito de Xesús Cristo, todo isto vai resultar na miña liberación.
20
Conforme á miña profunda expectativa e a esperanza de que non hei ser avergoñado en nada, masi ben con toda confianza, tamén agora como sempre Cristo vai ser exaltado no meu corpo, sexa pola vida ou pola morte.
21
Porque para min, o vivir é Cristo e o morrer é ganancia.
22
Pero, se o seguir vivindo neste corpo significa para min un traballo frutífero, entón non sei o que escoller;
23
as dúas cousas tiran por min. Teño desexo de partir e estar con Cristo, porque iso é moito mellor;
24
pero polo voso ben é preferible que eu permaneza aquí convosco.
25
E convencido diso, sei que hei quedar e seguir con todos vós para o voso progreso e ledicia na fe,
26
para que a vosa satisfacción en Cristo Xesús abunde pola miña causa cando volva a estar convosco.
27
Soamente, comportádevos dun xeito digno do evanxeo de Cristo, para que, ben sexa que vos vaia ver, ou que non estea entre vós, poida oír que vos mantedes firmes nun mesmo espírito, loitando xuntos pola fe do evanxeo;
28
de ningún xeito acovardados polos vosos adversarios, o que é sinal de perdición evidente para eles, pero de salvación para vós, e isto, de parte de Deus.
29
Porque, por mor de Cristo, vos foi concedido, non só que creades nel, senón padecerdes tamén por El,
30
tendo en vós a mesmo loita que vistes en min, e agora oídes que está en min.