13 1 E falou Iahweh a Moisés e a Aarón dicindo: 2 Cando un home teña na pel do seu corpo inchazo ou erupción ou mancha branca lustrosa, e se converta en infección de lepra na pel do seu corpo, será traído ao sacerdote Aarón ou a un dos seus fillos sacerdotes. 3 E o sacerdote mirará a chaga na pel do corpo; e se o pelo na chaga se tornou branco, e a chaga parece máis profunda que a pel do corpo, é unha chaga de lepra; cando o sacerdote o examine declararao inmundo. 4 Pero se a mancha lustrosa é branca na pel do seu corpo, e non parece ser máis profunda que a pel, e o pelo nela non se tornou branco, entón o sacerdote illará por sete días ao que ten a infección 5 E ao sétimo día o sacerdote examinarao e se ao seu parecer a chaga non cambiou e non se estendeu na pel, entón o sacerdote illarao por outros sete días. 6 E o sacerdote examinarao de novo ao sétimo día; e se a chaga escureceu e non se expandiu na pel, entón o sacerdote darao por limpo; é só unha bostela. E lavará a os seus vestidos e quedará limpo 7 Mais se a bostela se estendeu na pel, despois que fora mostrado ao sacerdote para súa purificación, será visto outra vez polo sacerdote. 8 E o sacerdote examinarao e se a bostela se estendeu na pel, entón o sacerdote declararao inmundo; é lepra 9 Cando haxa chaga de lepra nun home, será traído ao sacerdote. 10 Entón o sacerdote examinarao e se hai inchazo branco na pel e o pelo se volveu branco, e hai carne viva no inchazo, 11 é lepra crónica na pel do seu corpo, e o sacerdote declararao inmundo; non o illará porque é inmundo. 12 e se a lepra brota e se estende na pel e a lepra cobre toda a pel do que tiña a chaga desde a súa cabeza ata os seus pés, ata onde poida ver o sacerdote, 13 entón o sacerdote mirará e, se a lepra cubriu todo o seu corpo, declarará limpo ao que tiña a chaga; volveuse toda branca e el é limpo. 14 Mais cando apareza nel carne viva, será inmundo. 15 E o sacerdote mirará a carne viva, e declararao inmundo; a carne viva é inmunda, é lepra. 16 Mais se a carne cambia novamente e se tornar branca, entón virá ao sacerdote, 17 e o sacerdote revisarao, e velaquí, se a chaga se tornou branca o sacerdote declarará limpo ao que tiña a infección; é limpo. 18 E cando o corpo teña unha úlcera na súa pel e se sande, 19 e no lugar da úlcera haxa inchazo branco, ou mancha lustrosa, branca avermellada, será mostrada ao sacerdote, 20 e sacerdote examinaraa e velaquí , se semella estar nun nivel máis baixo que a pel e o seu pelo se tornou branco, o sacerdote declararao inmundo; é chaga de lepra que brotou na úlcera. 21 Mais se o sacerdote a examina, e velaquí, non hai pelos brancos nela, e non está a nivel máis baixo que a pel e se escureceu, o sacerdote illarao por sete días; 22 e se se fose estendendo pola pel, o sacerdote declararao inmundo: é chaga. 23 Pero se a mancha lustrosa permanece no lugar e non se estende, é só a cicatriz da úlcera; o sacerdote declararao limpo. 24 Así e todo, se o corpo sofre na súa pel unha queimadura de fogo, e a carne viva da queimadura se volve unha mancha lustrosa branca avermellada ou só branca, 25 entón o sacerdote a examinará. E se o pelo na mancha lustrosa se tornou branco e a mancha semella estar máis profunda que a pel, é lepra; brotou na queimadura. O sacerdote declararao inmundo; é infección de lepra. 26 Mais se o sacerdote a examina , velaquí, non hai pelo branco na mancha lustrosa e non está máis profunda que a pel, pero está oscura, entón o sacerdote illarao por sete días. 27 No sétimo día examinarao . Se se estendeu pola pel, o sacerdote declararao inmundo; é chaga de lepra. 28 Porén se a mancha lustrosa permanece no seu lugar e non se espallou pola pel, senón que está escura, é o inchazo da queimadura e o sacerdote declararao limpo, pois é só a cicatriz da queimadura 29 Se un home ou unha muller ten unha chaga na cabeza ou na barba, 30 o sacerdote examinará a chaga e se semella ser máis profunda que a pel e hai nela pelo fino amarelado, entón o sacerdote declararao impuro; é tiña, é lepra da cabeza ou da barba 31 Pero se o sacerdote examina a chaga de tiña, e velaquí, non parece que e máis profunda que a pel e non hai nela pelo negro, o sacerdote illará por sete días á persoa ca chaga de tiña 32 E ao sétimo día o sacerdote examinará a chaga, e se a tiña non se espallou nin creceu nela pelo amarelado, nin a tiña parece máis profunda que a pel, 33 entón rasurarase, pero non rasurará a parte con tiña; e o sacerdote illará ao que ten tiña por sete días 34 e ao sétimo día o sacerdote examinará a tiña e se a chaga non se espandiu pola pel e non semella estar máis profunda que a pel, o sacerdote declararao limpo; entón lavará os seus vestidos e quedará limpo. 35 Pero se a tiña se espallou pola pel despois da súa purificación, 36 o sacerdote examinarao e se a tiña se estendeu pola pel, o sacerdote non terá que buscar pelo amarelado; é impuro. 37 Mais se no seu parecer a tiña permaneceu igual e creceu pelo negro nela, a tiña sandou; é limpo, e o sacerdote declararáo limpo. 38 Cando un home ou unha muller teña manchas brancas lustrosas na pel do se corpo, 39 o sacerdote examinarao, e se as manchas lustrosas na pel do seu corpo son de cor abrancazado, é ezcema que brotou na pel; a persoa está limpa 40 Se un home perde o cabelo, é calvo, pero limpo. 41 E se a súa cabeza perde o cabelo por diante e polos lados, é calvo na testa, pero limpo 42 Mais se na calva da cabeza ou da testa aparece unha chaga branca avermellada, é lepra que brota na calva da súa cabeza ou na calva da súa testa,. 43 Entón o sacerdote examinarao , e se o inchazo da chaga é branco avermellado na calva da cabeza ou na calva da testa, como o perecer da lepra na pel do corpo, 44 é un leproso, é inmundo. O sacerdote certamente declararao inmundo; a súa chaga está na súa cabeza. 45 En canto ao leproso que teña a chaga, ,a súa roupa estará rasgada, descubrirase o cabelo da súa cabeza, cubrirase a boca e berrará: ¡Inmundo, impuro! 46 Durante todo o tempo que a chaga estiver nel será inmundo; estará impuro: vivirá só; a súa morada estará fóra do campamento. 47 Cando unha roupa teña marca de lepra, sexa un vestido de la ou de liño, 48 sexa na urda ou na trama, de liño ou de la, en coiro ou de calquera peza feita de coiro, 49 se a marca no vestido ou no coiro, na urda ou na trama, ou en calquera peza feita de coiro, é verdosa ou avermellada, é marca de lepra e seralle mostrada ao sacerdote 50 Entón o sacerdote examinará a marca, e illará por sete días a cousa coa marca. 51 Ao sétimo día examinará a marca; se a marca se espallou na roupa, xa sexa na urda ou na trama, ou no coiro, calquera que sexa o uso de coiro, a marca é lepra, é inmunda. 52 Queimará, pois, a roupa, xa sexa na urda ou na trama, de la ou de liño, ou calquera cousa de coiro no que apareza a marca, porque é lepra maligna; ao fogo será queimada. 53 Pero se o sacerdote a examina e a marca non se espallou na roupa, na urda ou na trama ou en calquera cousa de coiro, 54 entón o sacerdote ordenará lavar a cousa onde apareza a marca, e illaraa por sete días. 55 Despois de lavar a cousa coa marca, o sacerdote examinaraa outra vez e, se a marca non cambiou o seu aspecto, aínda que non se teña espallado, é impura; queimarala no fogo, xa sexa que se corroera polo dereito ou polo revés 56 Entón o sacerdote examinaraa, e se a marca escureceu despois de ter sido lavada, arrincaraa da roupa, ou do coiro, sexa na urda ou na trama; 57 e se aparece outra vez na roupa sexa na urda ou na trama, o en calquera cousa de coiro, é unha erupción; queimarás ao fogo aquilo onde estiver a praga. 58 A roupa, sexa na urda ou na trama ou en calquera cousa de coiro do que se quitara a marca despois de ter sido lavada, será lavado outra vez e quedará limpa. 59 Esta é a lei para a praga de lepra nunha roupa de la ou de liño, sexa na urda ou na trama, ou en calquera cousa de coiro, para declarala limpa ou inmunda.