1 Bezaleel tamén fixo a arca de madeira de acacia, de dous cóbados e medio de longo, un e medio de ancho e un e medio de alto. 2 E revestiuna de ouro puro por dentro e por fóra, e ao redor púxolle unha moldura de ouro. 3 Ademais fundiu catro argolas de ouro para as súas catro esquinas, dúas para un flanco e dúas para o outro. 4 Tamén fixo varas de madeira de acacia e revestiunas de ouro 5 E meteu as varas nas argolas, polos dous flancos da arca, para levala. 6 Fixo ademais un propiciatorio, de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho 7 Fixo tamén dous querubíns de ouro labrados a martelo, nos dous extremos do propiciatorio, 8 un en cada extremo, formando co propiciatorio un mesmo corpo. 9 Os querubíns despregaban as ás cara enriba, cubrindo o propiciatorio coas súas ás; un enfronte do outro; os rostros dos querubíns miraban cara ó centro deste. 10 Fixo tamén a mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longo, un de ancho e un e medio de alto. 11 Revestiuna de ouro puro e púxolle arredor unha moldura de ouro. 12 O redor fíxolle un reborde dun palmo de ancho e púxolle tamén unha moldura de ouro. 13 Fundiu catro argolas de ouro e púxollas nas catro esquinas, que estaban sobre as súas catro patas. 14 Preto do bordo estaban as argolas onde se introducían as varas para levar a mesa. 15 E fixo varas de madeira de acacia revestidas de ouro para levar a mesa. 16 Fixo tamén os instrumentos que había sobre a mesa: fontes, pratos, cuncas, e xerras para as libacións; todo de ouro puro. 17 Fixo ademais o candelabro de ouro puro, labrado a martelo, coa súa base e co seu fuste; as súas copas, cálices e corolas facían unha peza con el. 18 Dos seus lados saían seis brazos, tres dun lado e tres doutro. 19 Cada brazo tiña tres copas, coma flores de améndoa, co seu cáliz e a súa corola; eran iguais os seis brazos que saían do candelabro. 20 No fuste do candelabro había catro copas, coma flores de améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 21 Debaixo de cada parella de brazos que saían do candelabro levaba un cáliz; era a mesma cousa cos seus brazos. 22 Os cálices e mais as corolas facían unha mesma peza de ouro puro labrado a martelo. 23 Tamén fixo as súas sete lámpadas de ouro puro, coas súas pinzas e os seus pratos. 24 Cun talento de ouro puro fixo o candelabro e todos os seus utensilios. 25 Entón fixo o altar do incenso de madera de acacia; dun cóbado de longo, un de ancho, era cadrado, e dous de alto; os seus cornos formaban unha peza con el. 26 Revestiuno de ouro puro por enriba, polos lados e nos cornos; púxolle arredor unha moldura de ouro. 27 Nos dous lados, por baixo da moldura, púxolle dúas argolas de ouro, para meter nelas as varas e podelo transportar.. 28 Entón fixo as varas de madeira de acacia e revestiunas de ouro. 29 E fixo o aceite da santa unción e o incenso puro, de especias aromáticas, obra de perfumista.