Capítulo 3

1 Lémbralles que se sometan aos gobernantes, que obedezan ás autoridades, que están dispostas para toda obra boa; 2 que non falen mal de ninguén, que sexan pacíficos, amables, amosando sempre mansedume con todas as persoas. 3 Porque noutro tempo nós fomos babecos, rebeldes, extraviados, escravos de moitas cobizas e praceres, vivindo maliciosamente e con envexa, aborrecibles e aborrecendo uns aos outros. 4 Pero cando apareceu a bondade de Deus, o noso Salvador, xunto coa súa benevolencia para tódalas persoas, salvounos, 5 non por obras xustas que nós fixemos, senón pola súa misericordia, por medio do lavamento da rexeneración e a renovación do Espírito Santo; 6 que verteu en nós dun xeito abundante por medio de Xesús Cristo, o noso Salvador, 7 a fin de que, xustificados pola súa graza, fósemos feitos herdeiros da vida eterna, de acordo á esperanza. 8 Esta é a palabra fiel, e desexo que ti insistas dun xeito firme para que os que creron en Deus procuren ocuparse nas boas obras. Estas cousas son boas e de proveito para todos. 9 Pero fuxe das discusións parvas, das xenealoxías, das loitas e polémicas sobre a lei, porque son improdutivas e baleiras. 10 Prescinde de quen, despois de lle advertir unha e outra vez, siga a causar divisións, 11 tendo ben sabido que está pervertido e continúa a pecar, sendo condenado polos seus propios feitos. 12 Cando cheguen onda ti Artemas ou Tíquico, apúrate por vir onda min ata Nicópolis, porque decidín pasar alí o inverno. 13 Axuda con todo o preciso a Zenas o avogado, para que poida viaxar, e a Apolos, para que non lles falte de nada. 14 E que os nosos aprendan a se ocuparen nas boas obras para as necesidades urxentes, a fin de que non vivan sen teren froito. 15 Saúdante todos os que están comigo. Saúda a todos os que nos aman na fe. A graza sexa convosco.