Capítulo 2

1 Pero ti ensina o que está de acordo coa doutrina sa. 2 Que os anciáns sexan asisados, de palabra, prudentes, sans na fe, no amor, e na constancia. 3 As anciás sexan reverentes na súa conduta: non calumniadoras, nin escravas de moito viño, senón sexan mestras do ben. 4 Que ensinen ás novas a amaren os seus maridos, e os seus fillos; 5 prudentes, puras, boas administradoras do fogar, amables, suxeitas aos seus maridos, para que a palabra de Deus non sexa blasfemada. 6 Exhorta tamén os mozos a que sexan prudentes. 7 Preséntate en todo como exemplo de boas obras, con pureza de doutrina, con dignidade, 8 con palabra sa e sen tacha a fin de que o inimigo se avergoñe ao non ter nada malo que dicir de nós. 9 Exhorta os escravos a que se sometan aos seus amos en todo e sexan serviciais e non respondóns; 10 non roubando, senón amosando plena fidelidade para que poidan adornar en todo a ensinanza de Deus, o noso Salvador. 11 Porque a graza salvadora de Deus manifestouse a todas as persoas, 12 ensinándonos que, rexeitando a impiedade e os desexos mundanos, vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e cheo de piedade; 13 agardando a esperanza ditosa e a manifestación da gloria do noso gran Deus e Salvador Cristo Xesús, 14 que se entregou por nós, para redimirnos de toda a iniquidade e purificar para si mesmo un pobo especial, celoso de boas obras. 15 Fala estas cousas, reprende e exhorta con toda autoridade. Ninguén te teña en pouco.