1
Paulo, servo de Deus e apóstolo de Xesús Cristo, conforme á fe dos elixidos de Deus, e o pleno coñecemento da verdade que é segundo a piedade,
2
sobre a esperanza da vida eterna; que Deus, que non pode mentir, prometeu dende os tempos eternos ,
3
e ao seu tempo, manifestou a súa palabra pola predicación que me foi encomendada por orde de Deus, o noso Salvador.
4
A Tito, verdadeiro fillo na nosa común fe. Graza e paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, o noso Salvador.
5
Foi por iso que te fixen quedar en Creta, para que puxeras orde nas cousas que quedan, e nomearas anciáns en cada cidade, como che mandei:
6
se alguén é irreprensible, home dunha soa muller, que teña fillos crentes, non tachados de libertinaxe ou rebeldía.
7
Porque cómpre que o que serve sexa íntegro como administrador de Deus, non soberbio, nin iracundo, nin dado ao viño, nin desafiante, nin que ande á procura de ganancias deshonestas.
8
Senón hospitalario, amante do bo, prudente, xusto, santo, dono de si mesmo.
9
Aferrado á palabra fiel, que está de acordo á ensinanza, para que tamén poida exhortar con boa doutrina e refutar os respondóns.
10
Porque hai moitos desobedientes, larapetas e gaioleiros, sobre todo os da circuncisión,
11
aos que lles hai que tapar a boca porque están a trastornar familias enteiras ensinando o que non se debe, por gañaren cartos.
12
Un que teñen por profeta, dixo: -Os cretenses son sempre mentireiros, malas bestas, lambóns, preguiceiros.
13
Este testemuño é certo, así que repréndeos con severidade para que sexan sans na fe.
14
Non poñendo atención a mitos xudaicos e a mandamentos de homes, que se afastan da verdade.
15
Todas as cousas son puras para os puros mais para os corrompidos e incrédulos nada é puro, pois tanto a súa mente como a súa conciencia están corrompidas.
16
Eles din coñecer a Deus pero renegan del cos seus feitos, sendo noxentos e desobedientes e inútiles para calquera boa obra.