Capítulo 1

1 No principio existía a Palabra e a Palabra estaba con Deus, e a Palabra era Deus. 2 Aquel que era a Palabra estaba no principio con Deus. 3 Todo foi feito por El, e sen El non se fixo nada do que foi feito. 4 Nel estaba a vida e a vida era a luz das persoas. 5 A luz brilla na escuridade, e a escuridade non a deu apagado. 6 Houbo un home enviado de Deus que se chamaba Xoán. 7 El veu como testemuña para testemuñar da luz, para que todos cresen por el. 8 Xoán non era a luz, pero chegou para mostrar a todos quen é a luz. 9 Era a luz verdadeira, que ao vir ao mundo, alumea a todas as persoas que veñen ao mundo. 10 El estaba no mundo e o mundo foi feito por medio del pero o mundo non o recoñeceu. 11 Veu ao que era seu, pero os seus non o recibiron. 12 Mais a todos os que o recibiron, aos que cren no seu nome deulles o poder de seren fillos de Deus. 13 Estes non naceron de sangue nin da súa propia vontade, nin da vontade doutras persoas, senón de Deus. 14 E a Palabra fíxose carne e plantou a súa tenda entre nós, e nós vimos a súa gloria, gloria como do Único que vén do Pai, cheo de graza e de verdade. 15 Xoán dá testemuño del proclamando: -Este é de quen eu vos dixen: "O que vén despois de min é antes ca min, porque El existía primeiro que eu". 16 Porque da súa plenitude recibimos todos nós, graza e máis graza, 17 porque a lei foi dada a través de Moisés; a graza e a verdade viñeron por medio de Xesús Cristo. 18 A Deus ninguén o viu xamais, o Único que vive no seo do Pai, El foi quen nolo revelou. 19 E este é o testemuño de Xoán, cando os xudeus mandaron de Xerusalém sacerdotes e levitas para lle preguntar: -Quen es ti, quen ves sendo? 20 El confesou e non negou: -Eu non son o Mesías. 21 Preguntáronlle: -Entón quen es ti? Elias? El dixo: -Non son.Ti es o profeta? Respondeu: -Non. 22 Entón eles dixéronlle: -Ti quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta a aqueles que nos mandaron. Que nos dis de ti mesmo? 23 El dixo: -Eu son unha voz que clama no deserto: "preparade o camiño do Señor", como dixo o profeta Isaías. 24 Os que mandaran eran dos fariseos, 25 e preguntáronlle: -Por que estás a bautizar se non es ti o Mesías, nin Elías, nin o profeta? 26 Xoán respondeulles: -Eu bautizo con auga; mais entre vós está un que non coñecedes; 27 o que vén despois de min, a quen eu non son digno de desatar a correa das súas sandalias. 28 Estas cousas aconteceron en Betania ao outro lado do río Xordán, onde Xoán bautizaba. 29 O día seguinte, Xoán viu a Xesús achegándose cara a el e dixo: -Velaí o Año de Deus que quita o pecado do mundo! 30 Este é de quen eu vos dixen: "despois de min vén un home que é antes que eu, porque existía primeiro ca min". 31 Eu non o coñecía, mais para iso eu bautizo con auga para que El sexa manifestado a Israel. 32 Xoán deu testemuño dicindo: -Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba que se pousaba e permanecía sobre el. 33 Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga díxome: -Sobre quen vexas o Espírito descender e permanecer sobre El, ese é o que bautiza no Espírito Santo: 34 Eu vin iso e son testemuña de que este é o Fillo de Deus. 35 De novo, no día seguinte, mentres Xoán estaba con dous dos seus discípulos e, 36 vendo a Xesús pasar, dixo: -Velaí o Año de Deus. 37 Cando os dous discípulos escoitaron iso, seguiron a Xesús. 38 Entón Xesús volveuse e vendo que eles o seguían, díxolles: -Que buscades? Eles respondéronlles: -Rabí (que significa mestre), onde quedas? 39 El díxolles: -vinde e ollade. Eles foron logo e viron onde vivía; e quedáronse con el ese día, porque era a hora décima. 40 Un dos discípulos que escoitou a Xoán e deseguido foi con Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. 41 O primeiro con quen se atopou foi o seu irmán Simón e díxolle: -Encontramos o Mesías (que se traduce como Cristo). 42 Entón levouno a Xesús. Cando Xesús o viu, díxolle: -Ti es Simón, o fillo de Xoán. Chamaraste Cefas (que se traduce por Pedro). 43 No día seguinte, cando Xesús saíu cara a Galilea, atopou a Filipe e díxolle: -Sígueme. 45 Filipe era de Betsaida, a vila de Andrés e de Pedro. 44 Filipe encontrou a Natanael e díxolle: -Atopamos a Aquel de quen escribiron na lei Moisés e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé de Nazaret. 46 Natanael díxolle: -Poderá saír cousa boa de Nazaret? Filipe díxolle: -Ven e verás! 47 Viu Xesús a Natanael aproximándose a El e dixo: -Aí tedes a un verdadeiro israelita, en quen non hai engano! 48 Preguntoulle Natanael: -De que me coñeces? Xesús díxolle: -Antes de que Filipe te chamara, Eu vinte cando estabas debaixo da figueira. 49 Respondeulle Natanael: -Rabí, ti es o Fillo de Deus! Ti es o Rei de Israel! 50 Díxolle Xesús: -Porque che dixen: Vinte debaixo da figueira, cres? Cousas máis grandes verás! 51 E díxolles a todos: -En verdade, en verdade vos digo: veredes o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando sobre o Fillo do Home.