Capítulo 6

1 Polo tanto, deixando as ensinanzas fundamentais de Cristo, avancemos cara a perfección, sen volvermos botar outra vez o fundamento do arrepentimento das obras mortas e da fe en Deus, 2 do ensino sobre os lavamentos, da imposición de mans, da resurección dos mortos e do xuízo eterno. 3 Se Deus o permite, isto faremos. 4 Porque é imposible que os que unha vez foron iluminados e probaron o don celestial, chegando a ser partícipes do Espírito Santo, 5 e probaron a boa palabra de Deus e os poderes do tempo vindeiro, 6 mais despois caeron, sexan outra vez renovados para arrepentimento, crucificando de novo o Fillo de Deus para si mesmos expoñéndoo ao escarnio público. 7 Porque a terra que bebe a choiva que a miúdo cae sobre ela e produce vexetación útil para os que a traballan, recibe a bendición de Deus; 8 mais a que produce espiños e cardos non vale para nada, está a piques de ser maldicida, e a súa fin é ser queimada. 9 Pero en canto a vós, amados, aínda que falemos deste xeito, fomos convencidos de cousas que son mellores e que teñen salvación. 10 Porque Deus non é inxusto para esquecer a vosa obra e o amor que amosastes polo seu nome, servindo noutrora, e servindo aínda, aos santos. 11 Mais desexamos que cada un de vós amose o mesmo ardor ata o fin, para acadar a total seguridade da esperanza, 12 para que non sexades lacazáns, senón imitadores dos que herdan as promesas pola fe e a paciencia. 13 Xa que cando Deus fixo a promesa a Abraham, non puidendo xurar por un maior, xurou por si, 14 dicindo:"Certamente heite bendicir, e heite multiplicar". 15 Porén, agardando con paciencia, Abraham acadou a promesa. 16 Porque a xente xura por un maior ca si, e para ela un xuramento dado como confirmación é a fin de todo litixio. 17 Por iso querendo Deus amosar ás claras aos herdeiros da promesa o inmutable que era o seu propósito, comprometeuse con xuramento, 18 a fin de que por dúas cousas inmutables, nas que é imposible que Deus minta, os que buscamos refuxio sexamos grandemente animados para suxeitarnos da esperanza posta diante de nós. 19 A que temos como áncora da alma, unha esperanza segura e firme, e que penetra ata detrás do veo, 20 onde Xesús entrou como precursor por nós, feito Sumo Sacerdote por sempre segundo a orde de Melquisedec.