Capítulo 4

1 Polo tanto, teñamos temor, non sexa que aínda que permanecendo na promesa de entrar no seu acougo, algún de vós pareza non o ter acadado. 2 Porque a nós anuncióusenos a boa nova, así como tamén a eles; mais a palabra que eles escoitaron non lles foi de proveito por non ir acompañada pola fe dos que a escoitaron. 3 Pero os que crimos, entramos nese acougo, tal como El dixo: "Como xurei na miña ira: non entrarán no meu acougo", aínda que as súas obras estaban rematadas dende a fundación do mundo. 4 Porque así dixo nalgún lugar no que respecta ao sétimo día: "E Deus descansou no sétimo día de tódalas súas obras"; 5 e outra vez nesta pasaxe: "Non entrarán no meu acougo". 6 Polo tanto, xa que aínda falta que algúns entren nel, e aqueles aos que se lles anunciou antes a boa nova e non entraron por mor da súa desobediencia, 7 Deus determina de novo un día: "hoxe". Dicindo despois de moito tempo, por medio de David, como denantes se dixera: "Se escoitades hoxe a súa voz, non endurezades o voso corazón". 8 Porque se Xosué lles dera acougo, Deus falaría doutro día despois deste. 9 Polo tanto, queda un acougo sagrado para o pobo de Deus. 10 Xa que o que entrou no seu acougo, tamén el mesmo descansou das súas obras, como Deus descansou das súas. 11 Polo tanto, esforcémonos por entrar no acougo, para que ninguén caia no mesmo exemplo de desobediencia. 12 Porque a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis cortante que calquera espada de dobre fío que penetra ata a división da alma e do espírito, das articulacións e da medula, e é poderosa para discernir os pensamentos e as intencións do corazón. 13 E diante da súa presenza non hai cousa creada que se lle esconda, senón que tódalas cousas están ao descuberto e espidas ante os ollos daquel a quen temos que dar contas. 14 Pois tendo un gran Sumo Sacerdote que trascendeu os ceos, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámonos na nosa fe. 15 Porque non temos un Sumo Sacerdote que non poida compadecerse das nosas debilidades, senón un que foi tentado en todo coma nós, mais sen pecado. 16 Polo tanto, acheguémonos ao trono da graza con confianza para recibir misericordia e acadar graza para a axuda oportuna.