Capítulo 1

1 Paulo, apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, segundo a promesa de vida en Cristo Xesús, 2 a Timoteo, fillo amado: graza e misericordia e paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor. 3 Doulle grazas a Deus, a quen sirvo dende os meus devanceiros con conciencia limpa, lembrándome continuamente de ti e orando por ti día e noite; 4 desexando verte, traendo á memoria as túas bágoas, para me encher de gozo. 5 Tendo vivo o recordo da túa fe non finxida, que habitou primeiro na túa avoa Loida, e na túa nai Eunice e teño por certo que tamén está en ti. 6 Razón pola que che recordo que reavives o don de Deus que está en ti pola imposición das miñas mans. 7 Porque Deus non nos deu espírito de covardía, senón de poder, de amor e de dominio propio. 8 Daquela, non te avergoñes do testemuño do noso Señor, nin de min, que estou atado a El, senón comparte comigo os sufrimentos pola causa do evanxeo, segundo o poder de Deus, 9 quen nos salvou e nos chamou cunha invitación santa, non polas nosas obras, senón segundo o seu propio propósito e graza, que nos foi dada en Cristo Xesús antes dos tempos das eras, 10 e que agora foi manifestada pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús, quen abolindo en verdade a morte, sacando á luz a vida e a inmortalidade por medio do evanxeo, 11 para o que fun constituído predicador, apóstolo e mestre. 12 É por iso que estou a sufrir estas cousas, pero non me avergoño; porque sei en quen teño crido e estou certo de que é poderoso para gardar aquilo que me confiou ata aquel día. 13 Mantén o exemplo das boas palabras que me escoitaches, na fe e no amor en Cristo Xesús. 14 Garda o bo depósito que se che fiou mediante o Espírito Santo que habita en nós. 15 Xa soubeches disto, que todos os que están na Asia, entre eles Fixelo e Hermóxenes, se afastaron abandonándome. 16 O Señor teña misericordia da casa de Onesíforo, porque moitas foron as veces que me confortou, e non se avergoñou da miña cadea, 17 senón que cando estivo en Roma, axiña me buscou ata dar comigo; 18 que o Señor lle permita acadar a súa misericodia a carón del naquel día, pois ti sabes mellor dos servizos que prestou en Éfeso.