1
Polo demais, irmáns, orade por nós, para que a palabra do Señor teña libre curso e sexa glorificada, tal como aconteceu convosco:
2
e para que sexamos libres de persoas desencamiñadas e perversas, pois non todos teñen fe.
3
Pero o Señor é fiel, e vos ha afirmar e protexer do mal.
4
E estamos confiados no Señor tocante a vós, de que facedes e seguiredes a facer canto vos dicimos.
5
E o Señor encamiñará os vosos corazóns no amor de Deus e na paciencia do Mesías.
6
Pero mandámosvos, irmáns, no nome do Señor Xesús Cristo, que vos arrededes de calquera irmán que viva dun xeito desordenado, e non conforme ao ensino que recibiron de nós.
7
Porque vós mesmos sabedes de que maneira debedes imitarnos, pois non vivimos dun xeito desordenado entre vosoutros,
8
nin comemos de graza o pan de ninguén, senón que traballamos arreo fatigándonos noite e día, para non sermos unha carga para ningún de vós;
9
non porque non teñamos dereito, senón para darvos exemplo, a fin de que nos imitedes.
10
Porque cando estabamos onda vós, mandámosvos isto: o que non queira traballar, que non coma.
11
Pois estamos a escoitar que algúns de vós viven dun xeito desordenado, sen traballar en nada e entremétense no que non é de seu.
12
A eses, mandámoslles e exhortámoslles agora no Señor Xesús Cristo, que traballando con acougo, coman o seu propio pan.
13
E vós, irmáns, non vos cansedes de facer o ben.
14
Se algún non obedece a nosa palabra transmitida a través desta carta, sinaládeo e non vos xuntedes con el, para que sexa avergoñado.
15
Pero non o tratedes como inimigo, senón aconselládeo como a irmán.
16
Que o Señor da paz vos dea sempre a paz en todas as maneiras. O Señor sexa con todos vós.
17
O saúdo é da miña propia man: Paulo, o que é un sinal en todas as miñas cartas; así escribo.
18
A graza de Xesús Cristo, noso Señor, sexa convosco.